A silenciada guerra de Iemen

Un accidente xeográfico, unha cordilleira montañosa ou unha baía; unha data sinalada ou o comezo da primavera; e ladaíñas de nomes de países, cidades e pobos, todos eles serven para nomear guerras. Esas, as bautizadas, valen despois para exercicios de memoria ou para cubrir enciclopedias; pero hai outras, anónimas e invisibles, que semellan ocorrer no alén, pois se algunha vez se fala delas, nin os nomes aparecen nos mapas. Entre ambas, están as guerras esquecidas, esas que, malia teren nome, non interesan, como a de Iemen.

Iemen é un país entre África e Asia xeograficamente, entre Arabia Saudita e Irán politicamente, mais entre pobreza e riqueza, realmente. O estado da raíña de Sabá, dos primeiros rañaceos do mundo, do qat e da fame, morre nunha guerra civil enquistada a través dos anos e da que non deixa de ser máis que un mero espectador.

O lugar estratéxico no que se atopaba o reino de Sabá, entre a India e o Mediterráneo, fixo que chegase a monopolizar o tráfico de especies e que dende alí se estendese o uso do incenso. Foi precisamente isto o que, segundo as crónicas, levou a raíña a Xerusalén, para entregarllo a Salomón. Co incenso ía mirra, ouro, xoias e adiviñas, e talvez tamén qat, un arbusto estimulante que mastigan boa parte dos iemenís e que paraliza o país á hora da sesta.

O Manhattan do deserto, Iemen, comezou a construírse en vertical no século IV, aínda que non foi ata mediados do XVI que se espallaron os rañaceos. A idea era que eses edificios feitos de adobe e barro cocido protexesen as súas xentes dos ataques dos veciños de Hadramut, no norte do país, pero pronto deixaron de ser muros de contención para ser habitáculos que aínda a día de hoxe están habitados e que conforman un museo arquitectónico aberto nas montañas desérticas do país.

O qat representa a práctica totalidade da economía rural iemení e mascalo unha actividade social que os identifica. Para uns non só é un pracer, senón unha necesidade; para outros “o demo vestido de arbusto”. Para uns foi o motor que provocou a revolución árabe no país, para outros o responsable dunha revolta que só mesturou sangue. Se durante séculos foi unha vía de escape, como estimulante, agora é tamén fonte de ingresos; a economía dun país bloqueado, cunha severa crise alimentaria na que o 80% da poboación precisa axuda humanitaria, levou a moitas persoas a deixar os seus traballos, onde os salarios levaban tempo conxelados, e dedicarse á venda de qat.

A Arabia Félix que hai tempo deu nome a Iemen, xa non é feliz. Sufriu dúas guerras civís entre 1962 e 1970, e outra en 1994, e durante todos estes anos os conflitos entre grupos que mudan entre a rivalidade e a alianza foron innumerables. Así, ocupada por pacificar o seu territorio, aínda non tivo tempo de preocuparse pola economía, pola educación ou pola fame.

Nas guerras, as pausas que veñen tras os bombardeos traen remansos silandeiros de paz. En Iemen, en cambio, o único silencio que hai é a propia situación, pois as pausas traen novos estrondos: os dos estómagos baleiros que sementan o país e os dos pulmóns apurados que tratan de non afogar no mar Vermello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.