Enchoupados na corrupción

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus niveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.

Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valenciano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na man para diluír as pescudas xudiciais en curso. Porque  coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real  da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituíu os responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gurthel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.

Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podem constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias.   Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada período de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.

Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen por que non botar fóra do Goberno a un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

 

A ARRINCADEIRA. Frear o fascismo

Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.