Ferrol resiste!

Nos últimos meses temos visto como o PSOE e o PP empregan sen rubor a pinza bipartita que axudou a Mariano Rajoy a subir ao poder, unha vez que a xestora deu un golpe Estado botando a Pedro Sánchez. A nivel dos gobernos municipais  estes están a sufrir as consecuencias destes bipartitos do bloqueo e destas alianzas. Como mostra clara están os casos da Coruña e Ferrol.

Todos lembramos como o PSOE da Coruña negou o seu apoio a Xulio Ferreiro que tivo que levar a aprobación dos orzamentos da cidade unidos a unha cuestión de confianza que perdeu pola postura do PSOE e PP. En Ferrol dende a saída de Beatriz Sestayo do goberno vivimos nas Luces de Bohemia de Valle Inclán indo de esperpento en esperpento, no que mentres a actual voceira do PSOE (digna representante da xestora de Ferraz)  di ser máis de esquerdas que ninguén pacta unha e outra vez co PP.

O último episodio dese esperpento  tivo lugar a pasada semana  no pleno ordinario de fin de mes de abril coa achega por parte do PP dunha moción tramposa que non persigue máis que a paralización da vida municipal.   Se falamos de esperpento xa non porque o PP lonxe de actuar polo ben común  a pesar das numerosas intervencións da voceira do PP en Ferrol, Martina Aneiros neste sentido presente de unha moción que obedece a intereses partidistas (o cal non sorprende a ninguén).

O esperpento chega cando o grupo municipal comandado por Beatriz Sestayo fala de ser máis de esquerdas de ninguén e da súa preocupación polos/as conveciños e conveciñas, pero dende que saíu do goberno o seu único interese parece ser debilitar e asfixiar o goberno de Jorge Suárez, atopando unha aliada natural en Martina Aneiros.

Os argumentos nunha e outra bancada para apoiar esta moción de censura encuberta cualificada así polo propio Jorge Suárez son do máis inverosímil. Por unha parte  o grupo de Sestayo defendía a necesidade de paralizar a vida municipal arrebatando as competencias económicas ao goberno municipal pola “inacción do goberno”. Se tiramos de hemeroteca teríamos moi sinxelo ver o que é de verdade a inacción e a incapacidade dalgúns deste concelleiros leais á “xestora” de Ferraz.

Na bancada do PP falaban de que a moción era “de equilibrio democrático e proporcionalidade” dado que “o goberno está en minoría”. Algo do que tamén parece saber o PP que durante a lexislatura anterior aplicaba o rodelo da súa maioría absoluta.  Un PP que  non aceptou aínda a perda do goberno por non acadar as maiorías precisas da que todas as enquisas falaban.

Un argumento o da democracia e equilibrio democrático que tamén foi empregado cando en novembro pasado Beatriz Sestayo e Martina Aneiros arrebataron dedicacións exclusivas ao goberno (salarios),  repartindo o pastel  entre ambos grupos ambos na oposición. Unha vez máis co obxectivo de asfixiar ao goberno da cidade non sen esquecer a guía da avaricia por parte de ambos partidos, que entenden a democracia e a proporcionalidade en sacar eles rédito económico, aínda que iso incida negativamente no goberno da cidade.

De novo os intereses das/dos cidadás parecen pasar a un segundo plano. Un goberno de oito persoas con catro dedicacións/salarios , o PSOE que con tres actas e na oposición quedaba con dos dedicacións/salarios e quedando o PP con 5. Sestayo naquel momento falaba de “aforro” para o consistorio un argumento que non serve para a moción actual que supón un substancial aumento do gasto para o Concello de Ferrol.

Empregar coma ferramenta políticas nas institucións públicas o bloqueo e a parálise non parece a práctica xa non honesta, e tampouco parece que teña a vida cotiá dos veciños e veciñas coma prioridade absoluta. O debate político e a defensa das distintas posturas é lícito e entendible, o que xa non é tan entendible é que no exercicio dun cargo público poidan máis os intereses propios ou argumentos de carácter persoal que nada teñen que ver co ben común, e si moito co ben propio.

“O egoísta sería capaz de pegar fogo a casa do veciño, para fritir un ovo” (Sir Francis Bacon)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.