0 Gardados para despois

Xosé Mª Dios Diz

Por que recusamos a Valedora do Pobo?

O pasado 24 de abril do 2017 diferentes organizacións sociais, políticas, sindicais e sanitarias solicitamos a recusación da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga.

Os motivos son a coincidencia de argumentos que utiliza coas teses do PP, a súa pasividade nalgúns temas que afectan ao PP e a súa belixerancia para quen non son do PP. O malestar das entidades que presentamos queixas ante a Valedora do Pobo é de tal gravidade que finalmente decidimos solicitar a súa recusación.

En ningún momento se pon en cuestión a validez da Valedoría do Pobo. O que sí poñemos en dúbida é a actividade da Sra. Milagros Otero Parga. Cando se presenta unha queixa á Valedora do Pobo transmite a mesma información que lle dá a administración de turno (sempre que sexa do PP). Non argumenta nada diferente o que expón esta administración.

Os feitos son teimudos e as diferentes entidades que presentamos queixas ante a Valedora do Pobo, tivemos respostas de “corta e pega”, do manifestado pola administración do PP. De 67.000 queixas presentadas (só no ano 2016!), 50.000 correspondéronse con asuntos de tipo sanitario. A Valedora do Pobo non é capaz de cumprir co seu cometido: a Lei da Valedoría do Pobo dálle autoridade para acudir a Fiscalía Superior de Galicia (Artigo 27) cando sexa preciso.

Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela, transmitimos o malestar de diferentes entidades: a Asociación de Diabéticos de Compostela pola necesidade de mudar as agullas de inxección de Insulina por ser de mala calidade; a Asociación de Pacientes Oncolóxicos, cando un mesmo diagnóstico de cancro, pode ser tratado de forma diferente en Galicia, que noutras CCAA e en Europa; ou a necesidade de constitución dos Consellos de Saúde de Área (órgano de participación da cidadanía na política sanitaria de cada xerencia). Nos tres casos as respostas da Valedora do Pobo foron idénticas ás da administración.

Tamén presentamos queixas dende o Movemento Galego de Saúde Mental, de familiares e persoas usuarias das Residencias Públicas, de persoas afectadas pola Hepatite C, ou de Médicos do Mundo e o Foro da Inmigración ante as súas reclamacións de non dar sanidade as persoas  migrantes.

Ás veces, acúsasenos de “querer facer política”. Pero o importante é que moitas persoas e entidades, que levan traballado moitos anos polo benestar doutras persoas sen recibir nada a cambio (e sen pedilo), encóntranse cunha persoa, a Sra. Milagros Otero Parga, que fai de correa de transmisión das argumentacións do PP e non vela polos intereses das persoas máis desfavorecidas. Coma sempre, o PP e Milagros Otero Parga son fortes cos débiles e moi débiles cos fortes.

Esperamos que nas mocións que se presenten nos Concellos, Deputacións e no Parlamento de Galicia, a actitude responsable dos e das dirixentes políticas, poñan as cousas no seu sitio e que esta institución sexa o que lle marca o Estatuto de Autonomía de Galicia.

Acerca de Xosé Mª Dios Diz

Dr. Xosé Mª Dios Diz, Médico Especialista de AP de Outes