Ghalib Hizam, mestre iemení

 

“Non eliximos onde nacemos nin eliximos cara onde emigramos. Facemos co que temos, vamos onde podemos”. (Alpha. Abiyán-Estación París Norte).

En 2015, dúas faccións diferentes, cos seus propios aliados, reclamaron para si o goberno de Iemen. Os hutis aliáronse co anterior presidente, Saleh, no centro do país, en Sana, a capital; mentres, en Aden, no sur, atrincheirábanse as forzas leais ao goberno de Hadi. Entón Al-Qaeda e ISIS pasaron a controlar zonas montañosas e costeiras, e no medio, entre todas esas forzas, quedaron cidadáns iemenís alleos aos intereses dos conflitos; persoas que agora mesmo só tratan de sobrevivir. Algúns fuxiron, máis de tres millóns; outros sofren de fame, máis de 17 millóns; e máis de 10.000 morreron ou están feridos. A estas cifras súmanse casos de violacións de dereitos humanos e de axuda humanitaria que teñen culpables de todas as faccións, mais un só protagonista: os civís.

Os que quedan tratan de seguir a súa vida e de non perder a esperanza. Relatan os sucesos diarios sen violencia, coa idea de que o conflito remate nalgún momento e conscientes do deterioro económico e social que, malia a todo, non impide que a vida siga. Sábense no medio do terreo onde se xoga unha guerra que enfronta a Irán cos países do Golfo, con acólitos de ambos bandos, e que ten o país dividido: partidarios do goberno lexítimo e partidarios do antigo presidente. Pero non teñen voz, só esperanza. Así pensa Ghalib Hizam, profesor de árabe como lingua estranxeira: “Temos moitos problemas. Non temos electricidade, mais usamos paneis solares para conseguila; non hai auga, mais sacámola con bombas hidráulicas; e seguimos a ensinar, malia non termos salarios, porque queremos que os nosos nenos aprendan”.

Durante moitos anos, Ghalib foi mestre nunha das poucas escolas de árabe que hai en Sana, Cales. A escola está nun antigo edificio de adobe, agochado entre rúas sombrizas estreitadas por rañaceos de barro. Aí mesturábanse a gramática, a historia e as lendas con viaxeiros desexosos de saber da fama de felicidade que acompañaba a Iemen. Mais xa neses anos sempre houbo motivos para suspender excursións; a causa eran as pequenas revoltas que pechaban os camiños durante días; porén, nunca se dera a necesidade de suspender as clases. Agora si; ninguén quere entrar en Iemen, só saír. Con todo, Ghalib relata a súa situación agradecendo que se acorden del e da súa xente, e traballando. Segue a ensinar a estranxeiros, pero por internet, unha tarefa complicada nun mundo onde a tecnoloxía, como a paz, depende de quen manexa os fíos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.