Síntoo amor, non pode ser... Eu cotizo no réxime xeral!

Hai un par de días que estou a sentir un enorme desasosego. O meu estado de ánimo debátese entre o alivio e a aceptación do inevitable.

Explícome.
Eu sempre tiven claro que é moi normal que no que atinxe a o sexo hai rachas peores e mellores, e que a actividade sexual non sempre é a mesma. O cansazo, o estrés, e ata a rutina, poden ser a causa de que as veces non sexamos demasiado proclives a entregarnos as artes amatorias.

Eu, inxenua de min, consolábame crendo que era isto o que acontecía cando viña unha época de vacas fracas, pero resulta que non... que o único que ocorre é que estou cotizando no réxime errado!.
Se fose autónoma, ou, o que é o mesmo, empresaria, outro galo me cantaría!.

Que como cheguei a esta conclusión? Moi sinxelo, lendo o xornal.
Algúns deles recollían, hai uns días, unha nova que deixa moi claro que, ata para darse  unha homenaxe, hai clases.

Unha sexóloga da universidade de Almería impartiu un obradoiro no que advertía as empresarias, as que, pola súa condición, se supón a piques do ataque de nervios, cunha axenda maratoniana, pero sempre impecables, facendo, iso si, malabarismos para conciliar, con un neno debaixo de cada brazo, o teléfono na orella, tentando agarrar un maletín de pel das boas, deses de marca, e manexando as súas empresas, a o mais puro estilo “superwoman” de película de serie B, da imperiosa necesidade de reservar un oco nesas atestadas axendas para, un par de días a semana, entregarse aos brazos de Eros, advertíndolles das nefastas consecuencias de non facelo, desde a anorgasmia, pasando pola falta de desexo, ata a deshidratación (mi madriña, as sete pragas queda cativas ante a ameaza de tal desastre!). Pola contra, unha óptima actividade sexual incide en aumento da autoestima, diminución do estrés, e moitísimos beneficios mais....mesmo unha pel de bebé!.

Aclaroulles, iso si, e supoño que vendo a cara de susto que se lle poñía a algunha desas que no seu argot de xente ben lles chaman “singles”, ou sexa, que non teñen parella, que , de ser ese o seu caso, a procura do éxtase pode ser en solitario....o caso e gozar para non deshidratarse!.

Lendo isto, eu, que xa comezaba a tentar mentalizarme de que os anos non pasan en balde, que o meu posible atractivo vai en franca e lóxica decadencia,  e que unha xa non está sempre para certas acrobacias, sentín, durante uns intres, un certo alivio....Eu non estou de capa caída!. O único que ocorre é que non estou a cotizar no réxime adoitado, ergo non teño dereito a gozar do sexo, xa que na miña vida non hai tensións que liberar, e, porén, nin sequera o onanismo ten cabida na miña folla de ruta....faltaba máis, que ata para ter orgasmos hai clases!.

A boa nova, pensei, é que esta fame negra ten solución: Fágome autónoma e....voila! A acadar o ceo un día si e outro tamén .

Que pouco me durou a ledicia!. Porque claro, pasada a euforia inicial, comecei a facer números, e dinme de bruzos coa crúa realidade....o caro que é ser autónoma!. Misión imposible para o meu peto, ou, dito doutro modo, só me queda resignarme a vivir no celibato, porque claro, sendo asalariada, de cohabitar, nada de nada, e, por suposto, tampouco a  autosatisfacción está a o meu alcance....nin que fora empresaria!. E aínda menos mal que non estou no paro, poida que así, polo menos, me estea permitido ter algún pensamento subido de ton.....sen pasarme, por suposto!.

Tamén caín na conta de algo mais. Agora, compañeiras, se algún día non estades polo labor, e, polo que sexa, non vos apetece dicir sinxelamente “non”, xa non serven desculpas como “dóeme a cabeza” ou “teño a regra”. Agora, o que compre e aclarar que non se é empresaria e deixarse de lerias.

Así as cousas, amor, hoxe tampouco pode ser.....porque eu cotizo no réxime xeral!.
E, o peor de todo, é que me quedo con unha dúbida. Obrigaranme a devolver o que xa teño gozado?. Non quedo tranquila, non.....E aínda por riba estou a notarme a pel seca!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.