A pobreza ten cara de neno/a

“España ten unha das taxas mais altas de pobreza infantil da Unión Europea e é o terceiro país por detrás de Romanía e Grecia, tanto en pobreza relativa, como en ancorada que acada case o 40% dos nenos cun aumento de nove puntos porcentuais entre 2008 e 2014” (Impact of the Great Recession on child poverty in rich countries. UNICEF, 2017)

Distintas organizacións sociais, de contrastado prestixio e seriedade, véñeno denunciando dende fai anos sen que as autoridades políticas responsables, neste caso os gobernos galego e español (PP), fagan practicamente nada por combater e eliminar un drama social que resulta inaceptable. A estas alturas parece indiscutible que xa se sabía que mais cedo que tarde, tal como vimos denunciando desde estas mesmas páxinas, faríanse visibles as “vítimas” do austericidio. Agora tócalles o torno os nenos e nenas galegos e españois.

Sabíase, a historia non minte, e sabíano (PP) pero non fixeron nada por impedilo. E mais, parecera non importarlles. Incluso amosáronse, no seu día, escandalizados cando dende a oposición galega denunciaron o que pasaba. Claro que logo tiveron que rectificar e recoñecer as razóns da oposición. Pero … que fixeron?. Seguir coas mesmas políticas que provocan a desigualdade e a exclusión social e que traen como consecuencia que medre a pobreza infantil en Galiza e en España tal como denuncian as organizacións sociais e algúns partidos da oposición.

“España presenta unha das taxas mais altas de pobreza infantil de toda a Unión Europea: é o terceiro pais tanto en pobreza relativa como en pobreza ancorada (en ámbolos dous casos tan so por detrás de Romanía e Grecia)” (UNICEF). Segundo distintas, pero solventes, fontes a pobreza infantil en Galicia (2015) superaría o 28,5% (www.infanciaendatos.es/)  tendo coñecido durante a grande recesión un incremento de 5,6 puntos e sendo especialmente grave no caso das familias monoparentais con nenos/as pequenos/as a cargo: 45,4% (https://www.ige.eu/). Sempre haberá quen diga que nalgunhas comunidades españolas están peor, cousa que é verdade, pero eu me pregunto: de que lle vale iso a estes nenos/as galegos/as que viven na pobreza?. Por certo, que a pobreza infantil sexa especialmente intensa nas familias monoparentais pon en evidencia tanto a estreita relación que hai entre aquela e a situación socio-laboral das mulleres como que os/as nenos/as galegos son, xunto coas mulleres, os/as grandes damnificados do austericidio.

Unha pobreza infantil que medra por razóns políticas. Polas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial que aplican os gobernos español e galego (ámbolos dous en mans do PP, pero que no caso español conta co apoio implícito do PSOE, PNV e C´s) e que fan que a pobreza infantil –a pobreza en xeral- se cronifique.

Que a pobreza infantil ten causas políticas e fácil de entender. A situación dos nenos galegos depende, loxicamente, da situación do entorno familiar no que viven. Unha situación que a súa vez depende dos ingresos e as transferencias públicas. En relación ao primeiro caso son indiscutibles as evidencias de que as sucesivas reformas laborais dispararon a precariedade laboral e o desemprego provocando unha fortísima caída dos ingresos familiares. Caída de ingresos que levou a que un número crecente de familias galegas, moitas delas con nenos, se atopen con enormes dificultades para poder cubrilas necesidades familiares mais básicas –alimentación, vestimenta, vivenda …-. Segundo as estatísticas oficiais máis de 200.000 fogares galegos (20%) teñen carencias materiais, 70.000 (7%) con carencia material severa e uns 135.000 (13,5%) teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes. Velaí algunhas das claves da crecente pobreza infantil. Por se non fose suficiente coas reformas laborais as regresivas políticas fiscais, con recortes do gasto público en funcións tan relevantes como o desemprego e a atención a infancia deteriorou enormemente a situación en numerosos fogares galegos repercutindo nos/as nenos/as: disparouse o numero de desempregados/as que non cobran o subsidio (<50%) e recortouse o gasto público destinado a atención a familia/infancia (en Galiza dito gasto non chega ao 1% do PIB, para unha media en España do 1,3 pero ambas moi lonxe da media na UE: 2,3%) de tal xeito que a diferenza nas porcentaxes de nenos/as pobres antes e despois de recibir as prestacións sociais familiares en Galiza, como en España, está moi por baixo das medias europeas: se en Galiza, como en España, as axudas reduciron a pobreza en 8 puntos, na UE a redución supera os 20 puntos.

Unha situación de pobreza que traerá terribles consecuencias para a poboación infantil afectada pola mesma. Tódolos estudos e investigacións realizadas sobre pobreza infantil conclúen que os/as nenos/as pobres aliméntanse mal e dormen peor rematando por converterse en nenos/as desnutridos/as con unha maior propensión a enfermidade, unha esperanza de vida mais curta e maiores problemas inmunolóxicos que poden acabar por cronificarse. Ao mesmo tempo son nenos/as cunha menor autoestima, maior inseguridade o que lles provoca problemas psicolóxicos e de estres. Finalmente son nenos/as con déficit educativo e formativo, con maiores índices de fracaso escolar, o que deriva en peores perspectivas de futuro.

Por estas razóns, e algunhas outras que non son obxecto deste artigo, NON resultan admisibles estes índices de pobreza infantil. Os/as cidadáns galegos/as non debéramos permitir que nos gobernen políticos que coas súas políticas públicas, de carácter neoliberal, condenan a moitos/as nenos/as galegos/as a esta situación presente e ese porvir futuro. Non debéramos permitilo xa que si o facemos dalgún xeito somos corresponsables da situación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.