0 Gardados para despois

Xabier Ron e José Javier Cuenca

A agónica situación da investigación en Galicia

Queren os xestores do capitalismo salvaxe que nos habituemos á actual situación de deterioro da investigación tanto en Galicia coma no Estado español. Mais non deberan confundir a voluntariedade e profesionalidade das persoas que desenvolven tarefas investigadoras con submisión e resignación. Outra cousa é a percepción que existe no imaxinario da sociedade no referido á importancia e relevancia da investigación, tal como sucede, por outra banda, con todo o que ten que ver coa cultura, unha das que máis pagou a voracidade das tenaces dos recortes.

Mais non é un tema menor. Todo o contrario. É da máxima transcendencia. É inaceptable que un país non entenda que un tecido investigador forte é a mellor garantía de desenvolvemento do mesmo. A Ciencia é esencial para o afortalamento dunha sociedade asentada nos principios da sustentabilidade e da ecoloxía social. A Ciencia entendida, loxicamente, coma un ben público para beneficio de toda a comunidade.

No conxunto do estado español, aproximadamente o 53% do I+D+i lévase a cabo na empresa privada. A frenética e imparable tesoira dos recortes foi reducindo as posibilidade de suficiencia da investigación pública, de tal forma que foi alimentada unha fórmula propia da tecnocracia de Feijóo: a colaboración público-privada, onde as  empresas privadas se benefician dos orzamentos das universidades e administracións públicas.

 

Investigación pública

Unha gran parte da investigación pública realízase nas universidades mediante o traballo dos profesores titulares, contratados posdoutorais e persoal predoutoral. Estes últimos, a pesar de realizar unha tarefa importantísima, xa non só para a súa propia formación senón para os seus departamentos, son os que menos estabilidade laboral teñen. A inmensa maioría debe sobrevivir con becas FPI/FPU. Con sorte, o departamento para o que traballan dispón dalgún orzamento para facerlles un contrato en malas condicións e cun salario na maioría dos casos inxusto. 

As persoas que teñen contratos posdoutorais tampouco gozan de estabilidade a longo prazo e, en xeral, sobreviven con contratos que van desde os dous anos ata os catro anos. E só despois de varios contratos tentarán optar por presentarse a unha praza de titular de Universidade co fin de acadar unha maior estabilidade investigadora.

Por riba, dentro da panorámica da investigación existe un mapa nominal que non axuda a clarificar nada. Dentro dos contratos de tipo postdoutoral da USC están os asociados a proxectos Ramón y Cajal, que naceron como contratos destinados a atraer a excelencia investigadora á universidade. En canto se deu a voz de alarma debido á migración das persoas mellor formadas, as universidades galegas decidiron atraer a investigadores e investigadoras para que viñesen, deixasen o que estaban facendo no estranxeiro, e que desenvolvesen en Galicia a súa actividade, baixo o "compromiso" de que a universidade, pasado un tempo, lles daría a debida estabilidade a través dunha praza de docente.

Se ollamos o que acontece na USC, veremos que a realidade é moi distinta á que marca a lei, xa que, a día de hoxe, a universidade aínda non dispón dun plan que lles dea estabilidade ao persoal investigador. Mentres non alumea dito plan, a precariedade e inestabilidade non impiden que a universidade se beneficie dos proxectos relacionados co persoal dos Ramón y Cajal. Ata o ano pasado, a USC recibiu uns 7 millóns de euros en recursos asociados a máis de 46 proxectos. Ademais, este persoal investigador dirixiu máis de 32 teses doutorais, publicou máis de 500 artigos e, ademais de todo o anterior, rexistráronse 4 patentes. A excelencia da USC vén dada pola calidade das investigacións dos grupos e, a pesar desta evidencia, o futuro deste persoal investigador é incerto. Con este panorama, se non se formaliza o plan ao que nos referimos, moito deste persoal verase na obriga de ter que emigrar -algúns repetirán a experiencia nada agradable de ter que facelo- á procura de máis estabilidade, a que Galicia lles nega.

Outros pensarán en deixar a investigación e cambiar de sector ou ben dar o salto á empresa privada. Parece obvio, polo tanto, que esta figura investigadora precisa dun plan de estabilidade ben meditado e non improvisado. Na actualidade, a USC segue contratando a persoal Ramón y Cajal en áreas non deficitarias, a pesar de non ter un plan para estabilizalas. O que están facendo é darlle unha patada ao problema, como se se agardase a que o tempo sexa quen solucione a problemática; mais, namentres, o seu traballo sae adiante. A Xunta e a USC pásanse a pataca quente sobre quen ten a responsabilidade de estabilizalos. A única esperanza de supervivencia para algún deles é  un 15% de taxa de reposición.

A situación que sofre o persoal dos contratos Ramón y Cajal, así como o persoal investigador doutros programas semellantes (por exemplo, o Parga Pondal creado pola Xunta) son o reflexo da ineficiencia coa que traballan as administracións públicas e o escaso respecto que teñen para co futuro da ciencia e da investigación. En efecto, hai moitos máis colectivos sufrindo as consecuencias negativas das políticas neoliberais.

A paciencia comeza xa a esvaerse. E as mobilizacións abrollan. Lembremos que hai escasos días, o 22 de abril, coincidindo co Día Mundial da Terra, a Ciencia mobilizábase  para a ser visibilizada e para defender a súa dignidade.

Repetimos, non podemos aceptar que a precariedade sexa o piar estrutural do emprego no noso país. Precariedade que vén da man dunha política financeira incorrecta. Isto é manifesto no caso do sistema universitario galego. Mentres asistamos a unha loita cainita por uns recursos escasos, e mentres non se entenda que o financiamento estrutural debe ser garantía da autonomía universitaria e dun sistema investigador forte, estable, de calidade e fondamente público, veremos como se compite e como se privatizan os beneficios da investigación pública e como, ao mesmo tempo, se degrada e precariza, aínda máis, a situación xa empobrecida do noso sistema investigador. No ano 2015 era un 40 por cento menos para proxectos de investigación.

Nas nosas universidades hai un brillante persoal investigador que sobrevive ao límite, con salarios de pobreza, nun ambiente que os despreza e usa como man de obra, xa non barata, senón escrava. Hainos que recorren á caridade para poder levar a cabo as súas investigacións porque as administracións públicas ignoran o seu financiamento estable.

 

Investigación privada

Cómpre lembrar que Galicia está no nivel máis baixo desde o 2004 en financiamento de I+D+i, e que no noso sistema, curiosamente, as empresas son as que saen máis beneficiadas do financiamento público, mentres que Galicia está en cola na formación de empresarios, produtividade e emprego, sobre todo en todo o que se refire ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Un terrible paradoxo que amosa como o capital sempre procura zugar o diñeiro público e os seus recursos para beneficio seu.

Para ilustrar este feito, nada mellor que usar os documentos dos que se alimentan os xestores do sistema capitalista. Falamos do Informe Ardán 2016, nada susceptible de ser obra duns diaños de cornos e rabo vermellos, que analiza todo o tecido empresarial galego, composto dunhas 17.000 empresas, e chega á lamentable conclusión de que a media das empresas galegas en I+D+i acada unha irrisoria media de 135,79 puntos sobre un total de 1000. De feito, o 55% das empresas galegas non chega sequera a os 100 puntos. Só 36 empresas acadan o indicador Ardán, isto é, as que se moven nunha franxa que vai desde os 550 puntos ata os 1000. Mais o realmente rechamante é que só o 1% desas 36 empresas acada os 1000 puntos. Esa é a realidade da Galicia emprendedora e innovadora: unha farsa...a pesar de levarse un financiamento público que case chega ao 25%.

 

Conclusión

Non existe interese real en poñer en marcha políticas públicas de desenvolvemento asentadas na investigación. Esta combinación de incapacidade e cegueira voluntaria provocou que se trunque o avance científico, con terribles consecuencias para o benestar social. Universidade e Administración Pública teñen que cooperar man con man para reverter a situación e pasar da precariedade á estabilidade laboral do persoal investigador.

Por iso, é moi importante que todas as persoas, como cidadás, tomemos conciencia da gran importancia da investigación científica de base e como repercute na nosa calidade de vida. Por iso, pedimos que as administracións públicas se impliquen de maneira real en impulsar a investigación como motor de coñecemento e progreso.

Sen ciencia, non hai futuro.

Acerca de Xabier Ron e José Javier Cuenca

Xabier Ron: Docente, Responsable de Elaboración Programática de Esquerda Unida. Ex deputado de AGE. Investigador.

José Javier Cuenca: Físico, investigador na USC. Coordinador da Área de Educación de Esquerda Unida Compostela.