Francia: entre o extremo centro e a extrema dereita

Non houbo sorpresas. Como apuntaban a maior parte das enquisas, Emmanuel Macron, a aposta dos principais poderes económicos, foi electo cunha abstención do 25,3%, a maior recollida nunhas presidenciais dende 1969. A súa candidatura laminou a posible emerxencia dun Jeremy Corbyn á gala, deixando á socialdemocracia nunha situación complexa, con cadros dirixentes do partido apoiando a candidatura precisamente do que fora Ministro de Economía no momento de radicalización neoliberal do goberno de François Hollande. Ao contrario do que se di, non estamos diante dun descoñecido que chega sen pasado.

O seu pretendido europeísmo e a segunda volta das presidenciais contra Marine Le Pen tendeu a dulcificar un programa político marcado polas medidas de austeridade, que pretende eliminar algúns dos elementos de benestar que definen o modelo francés. Estamos diante de medidas marcadamente antisociais, como a eliminación da xornada laboral de 35 horas, baixadas impositivas e destrución de emprego público. O candidato da plataforma de nova creación En Marche representa á perfección o que o escritor e cineasta anglo-paquistaní Tariq Alí denominou extremo centro: a imposición dun modelo uniforme a partir de 1991, que centra as súas preocupacións nos mercados e non no electorado, un modelo que parecía triunfante pero que comeza a ser cuestionado tamén a nivel global con procesos que buscan afondar na democracia radical a partir de 2008.

Dende que coñecemos os resultados da primeira volta asistimos a unha lectura interesada das dinámicas do electorado cara esta segunda volta construíndo unha imaxe deformada do electorado tanto dos Republicanos - o equivalente en Francia ao PP -  como da Francia Insubmisa. Se ben unha parte significativa dos mesmos se vai á abstención, os electores conservadores divídense entre En Marche e a Fronte Nacional, mentres que no caso do electorado de ruptura dá prioridade, de maneira clara, un voto anti Le Pen. As primeiras estimacións falan dun transvase de votos de Fillon a Le Pen dun 20%, o que indicaría a existencia de vasos comunicantes entre a Fronte Nacional e os Republicanos. Aínda que Marine Le Pen é derrotada normaliza a Fronte Nacional na sociedade francesa, e duplica os votos que tivo o seu pai na segunda volta en 2002. Isto é, a extrema dereita avanza.

Veremos o que acontece nas eleccións lexislativas do 21 de xuño. En Marche é pouco máis que unha marca electoral, polo que seguramente terá que asumir un escenario de cohabitación coas forzas conservadoras. Nesas eleccións modelo electoral francés penaliza ás forzas que non superen o 30% de apoios, e visto o mapa francés é previsible que tanto a Fronte Nacional como a Francia Insubmisa entren con forza. De confirmarse, estaríamos diante dunha mudanza substancial do modelo de partidos que se deu durante a V República, anunciada xa nesta elección presidencial.

A crise do bipartidismo en Francia, evidenciada nestas últimas eleccións, puxo sobre o taboleiro dous eixos fundamentais sen os que non é posible tratar de entender o esgotamento do réxime político francés. Dunha banda, o fracaso do seu modelo cultural de asimilación, incapaz de integrar satisfactoriamente ás minorías que se concentran nos suburbios das cidades, moitos deles conformados por franceses de segunda e terceira xeración, descendentes de migrantes dos territorios africanos que sufriron o dominio colonial.

E, da outra, as consecuencias económico-sociais dunha crise que provocou a precarización das condicións de vida das clases medias, que fai da inestabilidade laboral e pauperización dos salarios a norma para a metade da poboación. Dous eixos que atravesan e xeran tensión na sociedade francesa e que acaban por xerar unha polvoreira permanentemente abonada para que prenda o discurso xenófobo da extrema dereita sempre disposta a alentar o discurso do penúltimo contra o último e o suposto conflito cultural que dá forma a unha islamofobia crecente. O mellor exemplo do racismo cultural do século XXI.

Ao fin e ao cabo Jean-Luc Mélenchon foi o único candidato que procurou rachar ese marco. Presentouse á primeira volta sen permiso dos grandes poderes económicos e mediáticos. Partía, deste xeito, dunha posición de debilidade á que se sumou á fragmentación da esquerda política, xa que o Partido Socialista e dúas candidaturas máis teimaron nunha posición irresponsable e desastrosa ao presentarse sabendo que non superarían a primeira volta. O resultado evidenciou o que nós levamos defendendo en Galicia dende fai anos: a procura do entendemento da esquerda como parapeto contra a ofensiva neoliberal e reaccionaria.

Pero son varias tamén as leccións que podemos tomar para o proceso que nós estamos a protagonizar: a necesidade de dar unha saída para as maiorías que non pase pola normalización da crise, que poña controis democráticos aos poderes económicos e financeiros e que non afonde na precarización das condicións de vida e a perda de dereitos sociais que semellaban conquistados. Que abra a posibilidade dun proceso de procesos constituíntes, nun momento no que están en cuestión boa parte das conquistas logradas durante anos, e no que están a dar retrocesos en estruturas estatais que no caso do Réxime do 78 arrastraba déficits democráticos severos.

Que abramos o debate respecto á recuperación da soberanía para termos unha Europa que dea saída á crise que padecemos e non estea subordinada aos mandatos dos grandes poderes económicos e das dinámicas dos Estados centrais da UE. Pois precisamente esa subordinación da democracia á lóxica dos mercados foi un dos elementos que aumentou a  desafección da cidadanía. Se non operamos desta maneira, veremos como renace un mal enterrado non sen poucos sacrificios no noso continente en 1945, cunha extrema dereita renovada que elabora un relato presente nestas eleccións en máis discursos que os da Fronte Nacional e que suporá un novo desafío ao que combater.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.