Macron e a Europa

Como xa prognosticamos hai quince días gañou Macron moi amplamente. O escrutinio ao 77%  dálle a Mme. Le Pen o 36,6 dos votos fronte ao 63,4% de Emmanuel Macron. Moi pouca colleita extremista para tanto balbordo, cando amplos sectores (fálase do 20%) da dereita dura de Fillon xogaron á extrema dereita e un irresponsábel sector da esquerda de Mélenchon amosaron unha equidistancia merecente da reprobación do conxunto dos demócratas.

Vencido (polo de agora) o feixismo, compre ollar para o trunfo deste Presidente sen partido. Esquerda, centro e dereita democráticas aliñáronse a carón deste Presidente, o máis novo dende o corso Bonaparte. Mal menor? Moi probábelmente. Un candidato que medra do 24% ao 64% entre a primeira e a segunda volta suma por exclusión. É evidente.

Macron ten agora dúas prioridades. A primeira deseñar unha estratexia cara ás eleccións parlamentarias de xuño. Cál será a súa aposta? O esquerdista alternativo Mélenchon pode acadar a maioría na segunda volta en moitos distritos, mentres a dereita republicana é moi difícil que obteña un grupo potente. De calquera xeito,  semella que Macron non ten tempo de cooptar candidatos parlamentarios gañadores.

Máis voltas ten a pegada que poida causa Macron na nova Europa. Descontado o tempo de impasse das lexislativas francesas de xuño e as eleccións xerais alemás de setembro, Macron ten a lexitimidade de lle dar pulo a unha anovada federalización da Europa, de construir un discurso da unidade europea que lle opór ao brexit, mais tamén ao depresivo relato dos primeiros ministros húngaro, polaco e español ou á ollada curta dos ministros de Finanzas holandeses, fineses ou alemáns. Os liberal-demócratas do flamengo Gy Verhofsdatd ou do FDP alemán e o Partido Demócrata italiano, outravolta dirixido polo fiorentino Matteo Renzi, de seguro estarán ao seu carón nesta andaina.

 

A arrincadeira. Alberto Rivera e Macron

Poucas ocasións mellores para dar o espectáculo ca a autocomparanza entre os cidadáns Albert Rivera e Inés Arrimadas e o presidente eleito Emmanuel Macron. Nin C’s nin UPD encaixan no esquema liberal-demócrata europeo, onde fan parte o PNV e o PDCAT, a antiga Convèrgencia. Semella que en Bruxelas xa se decataron e porán aos laranxiñas no seu sitio, máis cedo ca tarde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.