0 Gardados para despois

Martiño Ramos

Política 'hater'

“Este es nuestro líder, donde está el vuestro?”. Interpelaba en tono ameazante un dos membros do teu grupo municipal en 2015 no transcurso da segunda xuntanza na que se estaba a estudar a posibilidade dun pacto de goberno para a cidade de Ourense. É certo, non é doado vender a idea de que, realmente, o que precisamos é xente facendo política, moita xente. E facéndoa dende os coidados, dende a escoita activa, dende a capacidade de dialogar. Un proxecto de cidade construído colectivamente, coas aportacións de todas e cantas máis persoas se queiran implicar nel. O tempo dos líderes únicos pasará. Só cómpre crer nelo con forza para máis cedo que tarde este desexo se contaxie ata converterse nunha realidade.

Tes que recordalo. Foi naquela xuntanza na que fixabas a vista nos peitos dunha das túas interlocutoras por máis tempo do que se pode considerar respectable. Non hai pao hater que che quede sen tocar. Este é o nivel 2.0

Poida que tamén lembres o: “Raúl es un mentiroso, claro que es el máximo goleador de la champions, pero porque jugó muchas champions”. A que foi a túa aportación principal, e case única, na primeira desas xuntanzas nas que se falou da posibilidade dun pacto de goberno no inicio do presente mandato municipal en Ourense.

Eses dous momentos, xunto cos teus memes con tres cans igualando PP, PSOE e OueC de dous anos despois, é dabondo para entender que non se che pode tomar en serio como posible alcalde de Ourense.

Por se non abonda aquí vai outra: “El teléfono móvil no se inventó en una asamblea”. Outro dos “impecables” argumentos que empregaches durante esas conversas. É que semella que a democracia moléstache, que os plenos amólante e  que a voz das outras incomódate. En troques, no insulto, no desprezo e na lama pareces atoparte ben a gusto. Pero a lama, como saberás, é branda e non serve como cimento de nada. Logo, por moito que repitas unha e outra vez o mantra de que es a alternativa, non hai xeito de que resulte crible o que dis. O teléfono móbil evidentemente non se inventou nunha asemblea pero é que a cidade, por moito que che pese, non é unha empresa. As cidadás non son as túas clientas, son as túas xefas, Jared Kushner.

O odio é un vehículo rápido para transmitir mensaxes políticas. Tristemente é máis doado para a sociedade empatizar con aquelo que odia que con aquelo que ama.  E tí odias moito e odias ben. Tes carraxe contra case todo o que non ven de tí mesmo. Escoitas á túa interlocutora nada máis que para dar a túa réplica destrutiva. E así é imposible construír. Nen unha comunidade de veciñas cando menos un proxecto de cidade poden estar nas mans de alguén que odia tanto.

O 15M de 2011 serviu para cristalizar na sociedade un sentimento de desapego coas persoas que as representaban nas institucións. Pero era un sentimento que pedía democracia real. Da de verdade, da baseada no poder da xente. Isto é claramente incompatible coa democracia do líder patriarcal. Xa visitamos eses carreiros e á vista de todas está o resultado que dan. Ourense non precisa do trumpismo ou lepenismo. Precisa repensarse como sociedade e mirarse nun futuro esperanzador, conxugado en plural.

Cómpre logo, dende o respecto, lembrarche que é posible que parte das 13.679 persoas que che votaron en 2015 o fixeran movidas por un enérxico desexo de censurar o actual estado de desconexión entre unha determinada clase política e a sociedade. Conectaches moi ben e soubeches dar coa chave coa túa mensaxe, amplificada pola túa televisión. Pero iso é todo: Es un presentador de televisión locuaz e con reflexos. Pero non un alcalde, nin sequera un bo xefe da oposición.

Epílogo: “Ni de izquierdas ni de derechas” Traducido: de dereitas. Porque querer baixar o IBI a toda a cidadanía de Ourense de xeito lineal é de dereitas, Gonzalo. Así, ben simple, na dicotomía clásica. De nada.

Acerca de Martiño Ramos

Martiño Ramos. Mestre de escola. Formou parte da candidatura de Ourense en común nas eleccións municipais de 2015.