VI aniversario do 15M. Sobre o pavimento, a praza

Hai seis anos estaba convencido de que o que estaba a suceder nas rúas, sería estudado nas facultades de medio mundo. Sería o comezo de algo grande. Hoxe, pouco máis dun lustro despois, estou orgulloso de poder levar o 15M gravado coma sinal identitario da miña xeración.

Hai corenta anos, a xeración dos meus pais comezou a descubrir que, a pesar de todo, podería haber algo de area baixo os adoquíns. Que a Memoria, durante catro décadas extirpada, agromaba de novo nas rúas como degoiro dunha realidade que se perdía entre historias de mártires e rosas. Eran anos de loita… De loita e soños. Despois de tanta escuridade, a esperanza volvía. Trala Transición, o statu quo foi aceptado por moitos e, durante anos, a historia reescribiuse sobre follas demasiado limpas no anverso, pero cas marcas dun pasado que non deixaba de doer, gravadas a lume no reverso. Ríos de tinta foron vertidos sobre a nosa historia recente, narrando a decadencia dun modelo que coxeaba por demasiados pés: GAL, ETA, Corrupción, Prestige, Guerra de Iraq e, finalmente, o crack do 2008. A pesar dos grandes avances sociais, as prazas, longo tempo aletargadas, comezaban a se axitar en soños inquedos… Ata ese novo maio. 

Para os fillos da xeración que labrou o 78, verbas como Memoria, Dignidade, Loita, Sacrificio… parecían lonxanas. Contos de meigas. Pero, no momento que se nos apertou, que se nos probou, demostramos de onde vimos e cara onde queremos ir. Formámonos, loitamos polo noso futuro e, xunto aos nosos compañeiros e compañeiras na viaxe da Memoria, tomamos as Prazas en 2011.

A diferenza de maio do 68, o epicentro da indignación foi o corazón mesmo deste Estado que críamos escravo da deshumanización, a falta de conciencia de clase e de empatía. A rabia estourou nas nosas gorxas e dixémoslle ao mundo que si, que “Sí se puede”. E o mundo, respondeu.

Hoxe, seis anos despois daquela noite de 15 de maio de 2011 na que se nos prometeu que sairía o Sol, síntome orgulloso de levar no corazón a cicatriz dun instante que marcará a tódolos irmáns, fillos e netos da Memoria e a Dignidade. Unha marca orgullosa que suxire a promesa dun futuro con area baixo os adoquíns. Unha mañana próxima na cal, sen dúbida algunha “sairá o Sol”.


"Esta noche, va a salir el Sol"
Movimiento 15M

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.