0 Gardados para despois

Xosé Antón Jardón

A incoherencia dogmática dos partidos sistémicos

“Hai xa tempo que a el non lle importa que as cousas non sexan así na súa casa.” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

O arranxo do PP co PNV para sacar adiante os orzamentos do Estado móstranos o auténtico “de-ene-í”, con retrato en 3D incluído, dos dirixentes do Partido Popular, expertos en converter en dogma a súa incoherencia, malia a revirada actitude en narrarnos a irrelevante falta de harmonía entre o dicir e o facer dos seus adversarios políticos. Iso si, sempre coa impagable axuda dun rosario de ventrílocuos, adestrados para reproducir con absoluta nitidez os pareceres dos personaxes imitan.

Non se lle debería reprochar ao PNV que lle facture ao PP, con cargo aos orzamentos do Estado, máis de 4.000 millóns de euros, un AVE en tempo e forma, a redución significativa do cupo e unha rebaixa na factura eléctrica para as empresas do seu territorio. Non é a primeira vez que os nacionalistas vascos afianzan a súa autonomía, mercé a tratos cos gobernos dos partidos do sistema, tan defensores de conceptos coma solidariedade, estabilidade, igualdade,... e “sursum corda”, cualificados de solemnes cando hai que usalos para taparlle a boca aos rompepatrias, e rebaixados á condición de cativeza se o “interese do Estado” o require.

Un pacto coma este serve, xa que logo, para reiterar que Euskadi goza dun status claramente confederal (recada os tributos, dálle algo ao Estado, e arríncalle unha disposición adicional, para aumentar o autogoberno, cada vez que a metrópole decide recentralizar competencias). Ou serve tamén para acreditar que, tal e como nos vén de demostrar o PP, son constitucionais as normas de carácter xeral, promulgadas polo Estado, malia incluír un menú distinto para cada comunidade autónoma.

Ah! O meu tío Lisardo coida que, se o goberno galego fose capaz de aprender a tocar a partitura do acordo entre o seu partido e os nacionalistas vascos, acabaría descubrindo que é legal de todo unha tarifa eléctrica máis barata para os cidadáns e empresas con domicilio en Galicia. Ou que é posible un Estatuto galego que nos dote dunha maior capacidade de autogoberno. Pero iso son cativezas. O que importa é ese estado de levitación que lle deron en chamar “interese xeral”.

Acerca de Xosé Antón Jardón

Secretario-interventor de administración local. Foi alcalde de Vilar de Santos e deputado provincial. Foi vicepresidente da FEGAMP e delegado da Consellería de Industria durante o bipartito.