Obock, antiga capital de Djbuti

Co ano 1862 comeza a expansión colonial francesa por África e Asia. Os sultáns afarís de Obock venden as súas terras aos franceses e estes empezan o seu proxecto expansivo por África, determinados a chegar ata Asia. E é que a apertura do canal de Suez permitiu que Djbuti se convertese na principal vía de acceso a India por mar e a África a través do Nilo. Así foi que o deserto se cubriu de casas e bandeiras, devagar afogadas por tormentas de area e polo esquecemento dun imperio que deixou de selo.

Obock é unha aldea duns 8000 habitantes conectada á cidade de Djibuti por medio dun barco que percorre, en menos de tres horas, os 45 quilómetros que separan ambos puntos do golfo de Tadjoura. Se non hai tormenta, o barco fai a travesía dúas veces á semana, cargando todo tipo de mercancías para abastecer a aldea. Neses dous días, a primeira hora da mañá aglomérase a xente con paquetes, caixas e animais, coa esperanza de ter algún lugar na sombra da barcaza. O autobús é outro dos xeitos de chegar a Obock: atravesando unha estrada de 230 quilómetros durante unhas seis horas, se non hai tormenta de area.

Afastada do fugaz esplendor colonial, Obock é agora un mapa de historias. Mentres o pasado permanece oculto tras as promesas de facer da vila un novo centro comercial e turístico, o presente son as cicatrices que forman os tremores de terra, as tormentas de area e os refuxiados de ambos lados (Etiopía e Iemen), que usan o lugar como punto intermedio cara un destino que, nalgúns casos, só existe como soño.

En Obock pode contarse o número de casas e coches, do mesmo xeito que é posible contar o número de veces que choveu nun século. A aridez do chan só se humedece coa auga salgada das praias cristalinas que a rodean e a suor constante de quen se atreve a exporse ao sol durante o mediodía.

Nos camiños a area combínase coa terra e os seixos, e no mercado as sombras son os únicos espazos repletos coa cor dos vestidos das mulleres ou das poucas cousas expostas nas pequenas tendas que semellan non poder tirar nada dos seus andeis por medo a que estes se derruben.

A rúa principal, a do mercado, é o lugar de paseo, amais das praias, por onde asoma algunha cabeza cada noite. Ambas son pouco transitadas, aínda que nos últimos dous anos aumentou lixeiramente a súa actividade, concentrada arredor do campamento de refuxiados de Markazi, un campo de area cuberto de tendas de campaña e nenos que corrican polos espazos que quedan entre as “casas”. En Markazi, a catro quilómetros do centro de Obock, hai un outro país, unha nación pendente do que decidan os máis e dependente das axudas dos outros, que non son suficientes.

Markazi non ten bandeiras nin nome de país nin de nación nin de estado, só a esperanza de que as preto de 2000 persoas que alí viven poidan saír, cara a onde os reciban. Mentres, viven, temerosos do mes de 50ºC que se achega, dos terremotos ou das arañas, pero, sobre todo, do futuro, porque o presente e o pasado (a guerra que os fixo fuxir de Iemen) xa o coñecen e queren cambialo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.