Que pasará cos partidos socialdemócratas?

O anuncio do ex primeiro ministro francés, Manuel Valls, de presentarse ás próximas eleccións lexislativas polo partido de Emmanuel Macron, A República en Marcha! (RPM), non pareceu sorprender excesivamente a ninguén. O Partido Socialista (PS), en palabras de Valls, está morto, e a única opción de conseguir a vitoria e plantar cara á fronte Nacional (FN) de Marine Le Pen é apostar por un partido novo de corte socio-liberal. Na primeira volta das eleccións presidenciais, celebradas o pasado 23 de abril, o PS obtivo o seu peor resultado electoral, case un 10 por cento por baixo do que cultivara en 2002, que ata o momento significaban os seus peores comicios.

Estes resultados, lonxe de ser un caso atípico, continuarían a liña trazada nas últimas eleccións na maioría de estados europeos. Sirvan como exemplos os casos do Partido do Traballo (PvdA) nos Países Baixos nas eleccións de 2017 (no que foron os peores resultados da súa historia desde que se presentase por primeira vez a unhas eleccións en 1946), do Partido Socialdemócrata (SDP) nas eleccións parlamentarias finlandesas de 2015, ou os máis que coñecidos casos do PASOK en Grecia -tanto nas eleccións de 2012 como nas de 2015- e do PSOE en España, con máis afán nos últimos comicios xerais de 2016. Esta tendencia que xa fora identificada en 2015 polo politólogo Chris Hanretty, da Universidade de East Anglia, remontaríase mesmo aos anos 70. Así, esta caída continua dos socialdemócratas fíxose mesmo maior a partir de 2005, agravándose coa crise económica de 2008.

A pregunta é clara, máis cando a porcentaxe de votos a partidos conservadores e liberais seguiu unha liña similar, mesmo incrementando o seu apoio se tomamos como referencia os anos 70. Por que os partidos socialdemócratas caeron en desgraza entre os seus votantes? As respostas máis interesantes a esta pregunta gardarían relación con dous fenómenos que, á súa vez, están conectados: (1) o da converxencia programática e (2) o do xurdimento de novos partidos. Explícome. Á sinxela resposta de que os partidos tradicionais de esquerda verían como os seus votos terminaban en novas formacións de todas as cores políticas, tal e como quedou constatado en Francia, onde votantes do PS terminaron apoiando ao FN e en España, onde os ex votantes do PSOE recalaron en Podemos, habería que engadir unha explicación alternativa: a similitude, en termos de propostas sociais e económicas, cada vez maior entre conservadores, liberais e socialdemócratas.

As recentes transformacións nos sistemas de partidos dos países europeos vincularíanse, en gran medida, á incongruencia entre as respostas políticas dos partidos socialdemócratas no goberno en tempos de crises e as súas propostas programáticas. É dicir, debido á imposición da austeridade e a adopción de políticas de corte liberal, os partidos socialdemócratas (asociados con políticas redistributivas) terminaran por facer propio un discurso que, de seu, pertencía a outras formacións. Así, este cambio e confluencia programática provocaría un proceso de realiñamento dos votantes tradicionais de partidos socialdemócratas con outras forzas capaces de darlles resposta ás súas necesidades e sentimentos políticos, a maioría cun discurso claramente populista.

Todo apunta a que o futuro dos partidos socialdemócratas, máis trala integración económica europea, está no aire. Se levamos esta cuestión ao territorio nacional seguen xurdindo interrogantes. Cabe preguntarse, no caso dos socialistas, que pasará agora que Pedro Sánchez gañou as primarias no PSOE. Será capaz de atraer os votantes descontentos que en 2015 e 2016 marcharon maioritariamente a Podemos? E de non ser así, onde irán os votantes de centro-esquerda que ata agora lle daban o seu apoio aos socialistas? Estarán estes satisfeitos coa dirección de Pedro Sánchez? E, máis en liñas xerais abrirá a caída dos partidos socialdemócratas unha fenda entre o electorado que terminará polarizando a competición política? Ou, pola contra pasarán os partidos que hoxe empregan un discurso populista a formar parte do establishment?

En definitiva, o futuro preséntase tan incerto como apaixonante, e os partidos socialdemócratas, entre eles o PSOE, teñen ante si un reto difícil de superar: enganchar aqueles votantes que, non hai tanto, confiaran neles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.