0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

A Bela e a Besta

Está de novo nas pantallas cinematográficas unha película para a infancia que ten múltiples e sucesivas versións. A primeira foi a de Walt Disney. Na última, para gañar público, inclúen unha banda sonora atractiva e uns medios técnicos que fai máis engaiolante a cinta, así como a participación de artistas con gran recoñecemento público, cousa que antes no se daba nas películas para criaturas. Son alicientes para que os maiores vaian coas súas crianzas ao cine.

A historia, publicada por 1ª vez no ano 1740, escrita por unha autora francesa, é revisada, resumida e publicada novamente por outra, cun nome ben romántico e aristocrático, Jeanne Marie Leprince de Beaumont, no ano 1757, na versión que prevaleceu e foi traducida ao inglés. A partir de aí estendeuse e difundiuse en centos de linguas.

Como sucede en tantos outros contos nos que aparece un animal, este pode variar, en certos casos en función da fauna do país á que se adapta a historia, pero o asunto, a temática, é sempre o mesmo. Disto sabe moito a profesora Camiño Noia que ten estudado e clasificado os contos populares do mundo, para constatar a súa semellanza cos galegos.

A Fera, noxenta, pode ser lobo, serpe, porco… Neste caso ten identidade. É Gascón, o dono do Castelo, quen polo seu egoísmo e mal comportamento, fora maldicido por unha feiticeira que o condena á monstruosidade e o transforma en Besta furiosa. Neste caso, o animal, non só ten poder físico, senón un maior status social. Pretende por esposa á rapaza máis fermosa do lugar, e, loxicamente é rexeitado.

Máis, quen o ía prever?, será ela a que caia voluntariamente nas garras da Fera para liberar o seu pai que Gascón ten preso nos calabozos do Castelo. Bela, filla boa e  xenerosa , ofrécese a quedar no lugar do pai para que o ancián, enfermo, poida volver a casa.

A relación entre os dous, Bela e Besta, será tensa xa que ela, teimosa, négase a aceptalo. Desesperado, Gascón libra unha batalla consigo mesmo, ao pretender enfrontarse á Fera, á súa imaxe, á súa presenza. Daquela, no momento en que a Fera vai acabar con el, chega Bela e dille que o ama, que non siga loitando, que o quere tal como é. Daquela, o amor da moza consegue o prodixio. Desaparece o feitizo e Gascón recobra a súa feitura normal.

As interpretacións que fixeron deste conto, dado o seu carácter psicolóxico, foron buscalas na interpretación dos soños de Freud, nese remuíño sexual onde se perde o creador da psicanálise, de onde xorde o complexo de Edipo, e o desenvolvemento das súas quimeras, roldando sempre os desexos sexuais na infancia, as ansias incestuosas, e, como consecuencia, na envexa feminina do pene, co cal, o señor Freud, castra, en linguaxe simbólica, a todas as mulleres. Xa estaban alienadas pola relixión, e chega Freud, cun verniz científico, e seduce a unha nutrida tropa que se pon a xogar co inconsciente, o subconsciente, os complexos sexuais, os traumas infantís, cunha linguaxe esvaradía onde non faltan ingredientes perversos. Todo é posible na maleza freudiana, mentres as pobres mulleres pasan a vida rendidas polo pene perdido.

Os sacerdotes freudianos substituíron o confesionario, que tiña o seu aquel escuro e segredo, por unha cadeira onde senta a persoa traumatizada para desentupir as cloacas arraigadas nas lembranzas infantís. Non hai absolución nin liberación da culpa. A cambio cóbrase unha  minuta, porque o seu reino si é deste mundo.

A partir de aí xorden as interpretacións de A Bela e a Besta. Se a Bela ten unha boa imaxe de si mesma e, daquela, un concepto de beleza que non lle permite aceptar a monstruosidade do pretendente, é narcisista. Ademais, ten o seu pai, o home da súa vida, idealizado. Debe abandonar o narcisismo e paralelamente adaptarse á exogamia, entrar na Norma sexual imposta, no que significa ser muller adulta.

Non é preciso facer peripecias psicolóxicas. O conto é unha lección clarísima do que debe ser o comportamento feminino á hora de namorar e formar parella. Primeiro, por se acaso, advirten de que o home e o oso, canto máis feo máis fermoso. A seguir, ela, máis ou menos agraciada, pero sempre moi preocupada por selo, perdendo tempo e diñeiro no empeño, é a elixida. Se o noivo non se axusta ao modelo de príncipe azul que lle venderan, debe conformarse. O resultado é a redención polo amor, pola feminidade, pola valoración da beleza interior. É para chorar.

El non herdou esa sublime xenerosidade. Herdou só o poder patriarcal que substitúe outras dádivas e encantos. Por iso asistimos de cotío ás pretensións de homes feos, malfeitos, sen atractivo, de conseguir unha muller e intentar seducila. O poder masculino concédelle arrogancia e substitúe outras dádivas.

A Bela e a Besta é un exemplo moralista e indecente que prepara ás mulleres desde nenas a querer un bruto que polo amor será atractivo e desexable. Unha virtude soamente feminina. Porque o conto do Belo e a Besta aínda non foi escrito.

Acerca de María Xosé Queizán