0 Gardados para despois

Beatriz Gómez Gómez

Desmigallando un chisquiño En Marea II

Na nova coordinadora de En Marea hai varios aspectos reseñables, un deles, a súa composición: Na coordinadora hai 7 mulleres e 4 homes, ou o que é o mesmo: o 66% das súas integrantes son mulleres. Con isto tamén se exemplifica esa consigna de partida de “En Marea naceu para mudalo todo”.

A política cambia en función de se quen a fan son unha parte minoritaria da sociedade ou se quen a fan representan á pluralidade da sociedade. É por isto polo que un proxecto político como é En Marea debe fomentar activamente ter mulleres nos seus órganos de decisión, non so a nivel cuantitativo (a presenza de mulleres, en si mesma, non é garantía de cambio), senon para democratizar un espazo, para defender a pluralidade de novos xeitos e maneiras de facer, para denunciar e desmontar as políticas e valores profundamente heteropatriarcais e neoliberais (xerárquicos e autoritarios), habilitando un espazo onde todas e todos teñan cabida e non se infrarrepresente a parte da poboación no lugar onde se xoga o poder e as decisións colectivas.

En Marea debe apostar por un xeito de facer política onde ningunha parte da poboación quede infrarrepresentada, tendo tódalas persoas as mesmas oportunidades de participación e toma de decisións. A democracia é participación, e para democratizar o espazo público hai que ensinar a visibilizar o que normalmente non se ve: que hai modos non masculinizados, tanto de mulleres como de homes, que son compatibles coa firmeza e a contundencia dos discursos. Que o patriarcado deixa fora ás mulleres e outras formas de facer política, que reforza estereotipos androcéntricos e cánones masculinos.

Algúns homes (tanto no ámbito específico da política como en xeral a nivel organizativo) consideran a presenza das mulleres como algo estético e inevitable na esfera pública, polo que manteñen unha actitude condescendente. É ante a presenza de máis mulleres, máis novas e moitas decididamente feministas, cando emprenden campañas para deslexitimalas, desvalorizalas, ridiculizalas, etc., onde demostran a súa convicción de que ese espazo público lles pertence a eles. Iso é machismo: patriarcado en estado puro que hai que combater, entre outras cousas, coa sororidade das mulleres. Nos espazos políticos, como noutros moitos, moitas mulleres incorporan outros xeitos de facer política a partir doutras prácticas, máis participativas, máis horizontais e máis relacionais fronte ás máis agresivas e máis competitivas que marca a práctica masculina hexemónica.

Isto ten a súa orixe na socialización diferencial, froito da cal a visión das mulleres está máis vinculada ao ámbito relacional (pola responsabilidade asignada dos traballos dos coidados), ao ámbito privado e no caso dos homes máis vinculada á realización do seu logro individual e a súa proxeción no espazo público. Debe terse presente que “o persoal é político”, polo que tanto homes coma mulleres teñen moito que achegar neste senso.

Débese fomentar tamén desde o ámbito político a sensibilidade, a solidaridade, a empatía, a falta de agresividade competitva, etc. valores opostos ao individualismo e á competitividade insana do mundo capitalista, tendo como obxetivo común a medio/longo prazo acadar unha sociedade na que mulleres e homes se liberen desa visión fragmentada da vida entre o público e o privado, a razón e a emoción, etc, etc. Non se trata só de recoñecer o traballo dos coidados e o benestar das persoas fronte ás necesidades dos mercados ou de incorporalos a un discurso politicamente correto senón de garantir a corresponsabilidade real e efectiva, nomeadamente dos homes e das institucións.

Desde En Marea débese apostar pola feminización da política no senso de facer políticas feministas, relacionar o micro e o macro, o persoal e o político, a diversidade, a xustiza social, etc., o que obviamente implica unha transformación de toda a sociedade. Todo isto non corresponde só ás mulleres, a responsabilidade non é só nosa: corresponde a todas e todos, e está en mans de todas e todos.

Acerca de Beatriz Gómez Gómez

Son de Ourense. Son Traballadora Social e estudante de Educación Social. Apaixoame todo o relacionado co social. Hai moito que facer e moito que achegar para mellorar nos temas de ámbito social, polo que aquí deixo as miñas humildes achegas