Villar Mir e o ben común

O Marqués de Villar Mir compra, en 1992, as factorías de Ferroatlántica e as concesións hidráulicas anexas dos ríos Xallas e Grande, polo equivalente a uns 60 millóns de euros. Unha compra, a prezo de derriba de Carburos Metálicos, e con diñeiro prestado polo propio vendedor, o Banco Banesto. Unha operación que fai, sen dúbida, pensando no ben común.

O ben común manifestouse máis tarde en non investir nin un euro nas factorías e gozar dunha tarifa eléctrica preferente, a G4, para o consumo de enerxía que sufragabamos todos sen sabelo e que rematou no  chamado “Déficit de Tarifa”, que pagarán ata os nosos netos. Todo polo “ben común”.

O paroxismo do ben común chega a partir de 2006. O boletín de propaganda de Ferroatlántica chámaos timidamente “anos de bonanza”. Desde 2007 ata 2012 as factorías de Ferroatlántica, ademais da vantaxosa tarifa G4, gozaron dun desconto adicional que podía chegar ata o 60% por prestar o servizo de interrumpibilidade. Unha interrompibilidade que, convén dicilo, non se activou neste período.

Polo lado da venda de enerxía, as cousas non ían peor. Ao contrario, desde 2007, co RD 661/2007 de incentivos á xeración utilizando enerxías renovables, ás centrais do Xallas e Grande garantíuselles, grazas ás primas á produción, un prezo mínimo de 68 euros/MWh de media. Esta cifra adquire a súa verdadeira dimensión se consideramos que para as factorías de Ferroatlántica o custo da enerxía, con todos os descontos incluídos, era duns 30 euros/MWh.

Pero Ferroatlántica descubriu que aínda podía facer máis polo "ben común". Así, en lugar de adquirir no Mercado Eléctrico unicamente a enerxía adicional que necesitaba para as factorías, apuntouse ao sistema coñecido como Todo-Todo. Vendía no Mercado  toda a enerxía producida recibindo a prima correspondente e compraba a totalidade do consumo das factorías, ao que aplicaba os descontos por interrompibilidade. É dicir, a enerxía producida nas centrais e consumida nas factorías estaba subvencionada na venda e na compra. Algo que se coñecía, no sector eléctrico como “bombeo de prima”.

Esta trasfega supuxo que, entre 2007 e 2012, Ferroatlántica non só non paga nada pola enerxía consumida senón que se embolsa máis de 4 millón de euros ao ano. Polo ben común, naturalmente. E a quen se lle ocorre modernizar unhas factorías que canto máis enerxía malgastan mais "ben común" reparten?

En 2012, xa sen tarifa G4, e con menores descontos por interrompibilidade, as cousas cambiaron. Pero aínda así, as factorías durante 2013 e 2014 tiveron prezos da enerxía, incluíndo a produción das Centrais Hidráulicas, duns 8 euros/MWh, cinco veces inferiores aos da súa competencia na UE. Segundo un informe do Fraunhofer Institut de 2013 os prezos en Francia e Alemaña foron de 42 euros/MWh e 46,9 euros/MWh respectivamente.

A cousa tórcese cando en 2015, co RD 413/2014 suprímense as axudas ás renovables para a práctica totalidade das centrais hidráulicas, por considerar que están totalmente amortizadas, e se endurecen as condicións para prestar o servizo de interrompibilidade, reducindo ademais o monto da axudas. Malia todo, en 2015 e 2016, grazas á achega das centrais do Xallas e Grande, as factorías tiveron prezos da enerxía moi competitivos: 20 e 13 euros/MWh respectivamente.

Un negocio espléndido para a metalurxia (que nunca coñeceremos, porque as contas do Grupo Villar Mir son o máis parecido a un buraco negro) e tamén para as centrais, que proporcionaron a Ferroatlantica, nos últimos dous anos, uns ingresos de máis de 40 millóns de euros . A isto é ao que se debe referir Ferroatlántica cando di que as centrais hidráulicas necesitaron o apoio das factorías de ferroaleacións.

Tamén debe de ser polo ben común, polo que Ferroatlantica segue negando, contra toda evidencia, a posibilidade de funcionar en réxime de autoconsumo por razóns legais. Pois nin a Lei do Sector Eléctrico, 24/2013 Art. 9 (b) e 9(c) nin o Real Decreto 900/2015 de autoconsumo no seu Artigo 4, impiden que as factorías de Cee e Dumbría coas centrais hidráulicas do Xallas e Grande, se configuren como unha unidade de autoconsumo tipo dous.

Tampouco, como afirma Ferroatlántica, a prestación do servizo de interrompibilidade é incompatible co autoconsumo, como se desprende das resolución da Secretaría de Estado de Enerxía de 1 de agosto de 2014 e 5 de agosto de 2016, que explicitamente recollen o autoconsumo, se ben é certo que asegurando que Ferroatlantica presta o servizo pola totalidade dos bloques conseguidos na poxa de interrompiblidade e non se inventa outro “bombeo de prima”. O que ocorre co autoconsumo é que lle complica a Ferroatlantica a venda das centrais ao adxudicarlles unha servidume: atender prioritariamente o consumo das factorías. Un asunto onde as afirmacións de Ferroatlántica alcanzan o delirio, cando afirma que legalmente é imposible que as centrais lle vendan a súa enerxía ás factorías.

É o "ben común", en forma de venda das centrais, o que lle impide a Ferroatlántica dispoñer en 2015 e 2016 de enerxía a prezos moi inferiores, se optase por combinar o autoconsumo e a prima de interrompibilidade, aproximadamente: 13 euros/MWh e 6 euros/MWh respectivamente, xa que a peaxe a pagar pola enerxía autoconsumida 6 euros/MWh é inferior á diferenza entre os prezos de compra e venda da enerxía.

Os cadros seguintes, elaborados a partir de información publicada por REE, Eurostat, OMIE e as informacións de consumo publicadas por Ferroatlantica, resumen a evolución dos custos e prezos e o impacto de prescindir da xeración, a interrumpibilidade ou ambas para valores medios de xeración e consumo.

Cando se desfaga das centrais e dos ingresos correspondentes á enerxía que proporcionan ás factorías, o prezo da enerxía para estas últimas irase aos 40 euros/MWh, no límite da competitividade con Alemaña ou Francia.

A combinación de autoconsumo e interrumpibilidade proporciona uns prezos extremadamente competitivos para a enerxía. Sen o concurso das centrais hidraúlicas, a continuidade de Cee e Dumbría, quedará ao  azar do resultado da poxa de interrumpibilidade, é dicir, do diñeiro que poñamos o resto dos consumidores. Un tributo que o Grupo Villar Mir, nos fará pagar cada ano, se non queremos “ser responsables” de poñer no paro a centos de traballadores.

E así, Ferroatlantica, coa colaboración necesaria da Xunta de Galicia, en nome do mesmo "ben común" co que chegou ata aquí, obsequiaranos cunha coda final. Vender o noso ben común,  a auga,  e que ademais lle paguemos os custos da súa decisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.