0 Gardados para despois

Rubén Pardiñas

Gallaecia Petrea: Like a rolling stone

É certo, sempre houbo moita pedra en Galicia. Fixéronse aquí, e seguirán a facerse, moitas cousas nese material. Sabémolo todos. Era necesario montar unha megaexposición para deixar constancia desta obviedade? Gallaecia Petrea podería ter sido unha boa entrada nun blog, ou un libriño curioso para turistas. Como estrea no Gaiás do Museo de Galicia resulta un proxecto tan excesivo nos seus custos coma exiguo conceptualmente.

Como estrea no Gaiás do Museo de Galicia resulta un proxecto tan excesivo nos seus custos coma exiguo conceptualmente

Insisto: son cousas –nomeadamente obras de arte- feitas en pedra. E máis nada. Unha chilindrada monumental que lle debemos a todo un exército de seis comisarios e até 76 expertos dirixidos por Miguel Fernández-Cid, non se sabe se o home da ocorrencia ou un mandado do Cluster do Granito. Mellor non sacarlle punta á memorable frase pronunciada por Núñez Feijóo durante a inauguración: “Somos un pobo cunha faciana pétrea”.

Unha mostra sobre os usos da pedra en Galicia a min paréceme tan pertinente coma outra sobre a madeira en Escandinavia, ou sobre o mármore en Roma, ou sobre o petróleo en calquera cidade. Non digo que non teña o seu interese; no colexio todos fixemos murais ben paveros sobre canta materia prima hai na Terra. O asunto é se de veras precisamos dun mural escolar de millón e medio de euros que recompile unhas cantas obras de arte feitas en pedra nun lugar onde a pedra abunda, unha escolma carente por completo de discurso como non sexa “Que bos canteiros fomos, do neolítico á posmodernidade”.

É este o nivel de complexidade que o sedicente estandarte da cultura galega vai exhibir na súa programación? Algo nesta liña podíase intuír xa con aqueles enormes bloques de granito que Jorge Perianes tivo colocados até hai poucas semanas na Biblioteca de Galicia -tamén no Gaiás-, prólogo axeitadísimo a esta Gallaecia Petrea. As pedras de Perianes eran en realidade imitacións feitas en madeira e cartón, de xeito que un non sabía se choraban pola rochosa montaña que Peter Eisenman arrasou para construír o seu xoguete ou máis ben aboaban o ambiente de impostura que se respira en todo este complexo de arquitectura imposible.

Eu son máis ben partidario de que comecemos a fixarnos un pouco máis no ladrillo, nos eucaliptos e no panga conxelado, é dicir: sermos un chisco fieis á realidade

Eu son máis ben partidario, por outra banda, de que en Galicia nos deixemos xa de falar de tanta pedra, de tanto carballo e tanto marisco, e comecemos a fixarnos un pouco máis no ladrillo, nos eucaliptos e no panga conxelado, é dicir: sermos un chisco fieis á realidade das nosas vidas e non deixarnos abducir demasiado por fantasías literarias e/ou folclóricas. Pero se o Gaiás está aí para muxir os nosos tópicos máis recorrentes, se resulta que esa é a súa función, hai que sinalar que esta mostra tampouco dá conta, nin moito menos, da nosa rica variedade pétrea.

Temos petroglifos, Leiros e toda a arte que vai en medio, por suposto. E castros, pallozas, hórreos, postes de viñas, cruceiros, igrexas, pazos e cidades enteiras. Tamén paseos marítimos roubados á praia e recheos portuarios roubados á ría, canteiras de lousa esquilmadas á beira de paraxes naturais e casonas de narcos en Rosa Porriño. Cruces a los Caídos por España e Cidades da Cultura de Galicia. Mesmo nos confíns da Gallaecia son protagonistas estes días pedras que acumulan tanta tradición e valor simbólico coma as do Pórtico da Gloria.

É práctica habitual dos comisarios sen talento diluír nunha exposición inane a potencia de realidades construídas de xeito colectivo. Resulta ousado e sobre todo ridículo apañar este revoltallo –non digamos facelo con aspiracións de magno evento- a carón dunha cidade como é Santiago de Compostela, un conxunto de pedras que leva séculos falando de excelencia artística e integración na contorna; da propaganda relixiosa que noutros tempos nos asoballaba e de como nos asoballan hoxe as iconas arquitectónicas; de modernizacións urbanas e sistemas culturais petrificados.

Demasiadas ausencias na exposición do Gaiás, ese artefacto que se move pola paisaxe cultural galega igual que rolan as pedras polo leito dos ríos: entregadas ao azar

Demasiadas ausencias na exposición do Gaiás, ese artefacto que se move pola paisaxe cultural galega igual que rolan as pedras polo leito dos ríos: entregadas ao azar. Un mangallón, por certo, parido todo el como trasunto monstruoso do casco histórico de Compostela. Haiche espellos, dende logo, moi semellantes ao retrato de Dorian Gray, que nos devolven multiplicadas as nosas miserias aínda que teimemos na simulación de glorias xacobeas, daqueles tempos nos que vestiamos tan elegantes…

Acerca de Rubén Pardiñas

Rubén Pardiñas (Vigo, 1976). Ten colaborado en medios como artszin.net, Papers d’Art, Caviar Izquierda, A Peneira ou Jot Down. É autor de dous libros, galardonados co Premi Espais a la Crítica d’Art e co Premio Caja Madrid de Ensayo. Dirixiu os documentais Fronteiras e A terceira póla.