Unha historia galega

Nunha enquisa feita polo CIS referente a nosa Comunidade e reproducida por este dixital ante a pregunta de que partido político consideran que defende máis a Galiza, unha importante maioría contestaba que o BNG, precisamente o grupo político que en todas as demais preguntas queda peor, e o máis asombroso o que menos votos e deputados saca nas últimas contendas electorais en Galiza.

Un pode comprender que tratándose de eleccións europeas, xerais ou municipais xoguen outros factores e as votacións poidan ser múltiples e variadas, pero resulta incompresible que nas eleccións autonómicas,  onde o que se vota é ao goberno galego e polo tanto o que ten como misión atender os intereses, os alicerces de Galiza, unha maioría  que pensa que o BNG é quen máis se preocupa dela sexa a maioría que non o vota.

Como isto paréceme tan incongruente penso que o tema debe entrar no ámbito da psicoloxía, e a pesares de que non entendo nada diso, non sei por que, o concepto que máis me ven á memoria para definir tal desfasamento é o de esquizofrenia, unha vez que leo en google que esta enfermidade  afecta ao pensamento, á percepción, ás emocións e á conduta, é dicir elementos fundamentais na coherencia do ser humano que distorsionados evidentemente producen unha reacción totalmente inconsecuente con esa coherencia que se dá na nosa situación de normalidade. É dicir unicamente, entón dende semellante patoloxía entenderíase esa actitude. Gostaríame que meu apreciado psicólogo Manuel Fernández Blanco, que sempre ten atinadas explicacións para estes estraños casos, escribise algún artigo ao respecto explicando este oxímoron para entendelo porque para min esta situación entra no mundo do paranormal.

O meu é a socioloxía e xa sabemos as deficiencias neste tipo de enquisas de preguntas cualitativas en función de como se realizan que ao final rematan no absurdo. É amplamente coñecido o exemplo sobre a pobreza, na que unha grande maioría contestaba que pensaba que había moita pobreza pero cando se individualizaba a pregunta ninguén considerábase pobre, así quedabamos coa idea de que a pobreza era moi abundante pero sen pobres. Aquí,  aplicada a pregunta de xeito semellante sucede algo parecido, o BNG é o máis relacionado coa identificación e o enaltecemento de Galiza pero sen apenas votantes,

En definitiva sería algo así, cre vostede que o BNG é quen máis defende a Galiza? si. Vota vostede ao BNG? non. A psicoloxía ten a palabra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.