O lar nun campo de refuxiados

Unha jaima é unha tenda de campaña grande que serve de pequena vivenda baleira no medio deserto. Chantada na area, durante séculos valeu para que os comerciantes se protexesen das tormentas ou para que se asentasen temporalmente. O paso do nomadismo ao sedentarismo provocou que devagar deixasen de ser fogares e que co auxe do turismo se convertesen en restaurantes ou pequenos hostais de aventureiros.

As guerras e os desprazamentos masivos de poboación fixeron rexurdir as jaimas como fogares en aldeas improvisadas no medio da nada. O campo de refuxiados de Markazi é unha desas pequenas cidades, levantadas no deserto, con todas as comodidades que pode ter unha vila feita de tendas de campaña. Esas carpas onde nalgún momento do día é posible topar unha pequena sombra son vivendas familiares, ultramarinos, escolas, e ás veces centros culturais e mesmo discotecas.

Baixo tellados de tea, as carpas son todas as dependencias dunha casa, todas as aulas dunha escola, todos os andeis dun supermercado e mesmo museos. Nelas viven o presente os refuxiados e no seu día a día reflicten un pasado próximo cheo de horrores e un futuro incerto que parece asentarse como as jaimas que xa non son de tea e son caravanas ou as que xa están construídas en cemento.

A vida nun campo de refuxiados é rutineira. Despois de erguérense, os cativos van da tenda-lar á tenda-escola; os profesores fan o mesmo e os que non teñen ocupación buscan acubillo entre unhas e outras carpas. Na escola séguese o currículo iemení, coa esperanza de continuar estudos no país, e alén da formación, ofrécense cursos e actividades co fin de distraer a xente, mais non coa intención de facer actividades duradeiras.

Ás veces as jaimas son teterías, parladoiros e qaterías, o lugar onde se masca qat, a planta que paraliza o Iemen á hora da sesta; noutras ocasións son salóns de xogo ou salas de cine; as máis, son o lar dos refuxiados que viven na marxe, a camiño dun destino sen final.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.