Okupas do medio da Algalia

De rebote, sen pretendelo, a cuestión da okupación tense colado no centro do debate político municipal, tanto na Coruña coma en Compostela. Non foi por pretensión das activistas, senón máis ben por decisión dun Partido Popular dirixido a desgastar os correspondentes gobernos municipais vinculándoos cos cínicos clixés que buscan desprestixiar ao movemento okupa, e contrapóndoos á vella e rancia proclama do “imperio da lei”.

Sen embargo, cada vez é máis evidente a distancia existente entre legalidade e xustiza no que á xestión dos territorios urbanos se refire. En Compostela, onde nas últimas datas téñense sucedido episodios importantes para o movemento okupa galego, esta distancia constátase na constitución dun modelo de cidade mercantilizada, na que a configuración do solo urbano acompaña a evolución dunha estrutura social paseniñamente polarizada entre unhas clases traballadoras amplamente precarizadas e as clases rentistas.

Baixo esta lóxica o casco histórico da vila perde a súa funcionalidade para as persoas que traballan e habitan Compostela, converténdose nun espazo orientado a satisfacer as desexos de compra do visitante. Un show business que vende, xa non tanto unha mercadoría como a experiencia de disfrutar dunha cultura, compoñendo unha máquina que procura exprimir ao máximo cada segundo que os turistas pasan na cidade.

Resulta óbvio o exercicio de folckorización e banalización da nosa cultura, pero sobre todo destaca o desprazamento de aquelas persoas que viñan residindo no casco vello durante décadas, por medio do aumento do prezo do solo. Créase así un escenario ilusorio e irreal, que contrasta coa realidade de barrios, en moitos casos, carentes de servizos e desprovistos de funcionalidades sociais alén do pernoitamento. Para configurar este singular modelo foi preciso un proceso de xentrificación auspiciado polos intereses inmobiliarios e facilitado pola Administración Pública. Un proceso no que os valores de cambio do solo urbano impóñense aos valores de uso.

Cabe comprender agora a xustiza social que implica a recuperación dun espazo deshabitado na rúa da Algalia de Arriba. Un lugar que servira en tempos de sede para a cultura e a tradición popular, e que as pretensións da inmobiliaria La Rosaleda remataran por deixar esmorecer con fins especulativas. O Escarnio e Maldizer supuxo un exemplo de coidados e toma de decisión asemblearia e horizontal, pero tamén e sobre todo, a devolución á cidadanía dun espazo en forma de actividades sen ánimo de lucro ao que lle fora arrebatado o seu emprego social.

O conflito aberto co despexo do Escarnio é sintomático da carencia de dereitos colectivos no referido á xestión e constitución da cidade, e non unha pataleta infantil como algúns medios de comunicación nos queren facer crer. As Corporacións municipais de ambos concellos poderían aproveitar o momento á ofensiva, esquivando os clixés e politizando o debate a redor do modelo de cidade que queremos. Outra opción é percibir o conflito unicamente coma un problema de convivencia, renunciar ao trasfondo político e tomar unha posición xestionalista, tal e como tristemente se ten pronunciado o líder de EnMarea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.