0 Gardados para despois

José Luis Valcarce Rodríguez

A decisión do secretario xeral

“Os quiero transmitir la decisión del secretario general de abstenernos en la moción de censura porque esa alternativa que plantea Podemos no es la nuestra”, dixo Ábalos, enviado de Pedro Sánchez ao grupo parlamentar do PSOE, sen decatarse de que esa sinxela frase elimina tódalas lamentacións dos últimos tempos, e amosa que o sanchismo pode ser máis do mesmo.

O PSOE ten certa tendencia patolóxica a vivir no pasado: ben sexa para lembrar as glorias pretéritas, ben para establecer culpables. Sucede que esta constante rememoración é selectiva e constrúe un discurso que magnifica as culpas alleas e minimiza ou mesmo elude as propias. Así, o PSOE pasou os últimos meses queixándose amargamente de que Podemos non apoiou a Sánchez coma presidente do goberno -como se Podemos tivera a obriga de votar a Sánchez por ser Sánchez, como se a lóxica do voto útil seguise vixente.

O problema é que a frase de Ábalos, a mensaxe de Sánchez para os seus deputados, racha co argumento. Do mesmo xeito que alternativa de Podemos non é a súa (de Sánchez, porque á militancia del PSOE non lle consultou ninguén), a de Sánchez pactada con Ciudadanos non era a de Podemos. Do mesmo xeito que o PSOE non ten a obriga de votar a Pablo Iglesias, Podemos, En Marea ou Compromís non están na obriga de votar a ninguén, especialmente cando o que precisa o teu voto (PSOE) primeiro pecha un pacto con alguén (Ciudadanos) que deixou clara a dificultade por non dicir imposibilidade de pactar contigo.

Por outra banda, non deixa de resultar curioso que o PSOE do sanchismo mesiánico, que xurde baixo o “No es No” dialécticamente transmutado en “Sí es Sí” que, suponse, empodera á militancia e resitúa ao PSOE na esquerda máis esquerda, decida non só absterse sen consultar a ninguén senón incluso empezar a deixar caer a través dos seus paladíns que van pedir dimisións, mais que o da moción queda aparcado. Supoño que o feito de ser elixido pola militancia fai innecesario consultar a ninguén (vox populi, vox Dei) porque o elixido é depositario das máis profundas esencias do PSOE ou, no seu defecto, telépata.

Ao final, aínda que podo trabucarme, toda esta historia do "non é non" semella propaganda electoral dirixida á loita interna do señor Sánchez por recuperar o trono perdido, sen que a súa postura diverxa moito da Xestora e quen apoiaron a súa constitución. Os xestores razoaron que non era posible conformar un goberno alternativo ao PP, que podía facerse unha oposición esixente, que o PSOE estaba debilitado e non aguantaría unhas terceiras eleccións. Os sanchistas agora din que non é posible conformar un goberno alternativo ao PP, que van a pasar o día pedíndolle a Rajoy et alii a dimisión, que de momento toca por orden na casa (o desastre orgánico como escusa do desleixo político). Ao fin as diferencias cos xestores poden non ser tan grandes como pareceran, agás no que se refire á posición de poder do señor Sánchez e os que o rodean. En último termo é cuestión de mandar.

O señor Sánchez, con quen coincidín nalgunha conferencia política do PSOE na que el defendía as posicións do “aparato” (Pepe Blanco, Rubalcaba, etc.) e eu as de Esquerda Socialista, é o Saulo de Tarso da socialdemocracia española, só que en troques de caer do cabalo camiño de Damasco comezou por despeñarse nas eleccións tentando ser un híbrido de Clinton e Al Gore e finalizou dimitindo antes de que o Comité Federal o defenestrase. Do Sánchez socioliberal que defendía a Rubalcaba no 2013 e que logo quixo arrouparse nunha rojigualda desmesurada, pasamos a un Sánchez que para os seus seguidores é pouco menos que Largo Caballero resucitado e que, nembargantes, ten unha liña de actuación que salvo pequenas diferencias e a utilización de proclamas moi esquerdentas, de momento non diverxe da posición dos xestores.

Na miña opinión, dende hoxe, aínda que só sexa por estética, debería o PSOE deixar de dedicar o tempo a laiarse dos malvados podemitas e comezar a cavilar como é posible que despois da liorta interna na que se meteron sigan no mesmo sitio, aínda que cunha relixión ben montada cos seus mártires, a súas resurreccións e os seus crentes.

Acerca de José Luis Valcarce Rodríguez

Avogado especialista en Dereito Tributario. Teño colaborado en medios como Galicia Hoxe, Xornal de Galicia ou Galicia Confidencial. Fun militante das XSG e do PSdeG, membro do Comité Nacional do PSdeG, do comité Provincial de A Coruña e do comité Local de Santiago de Compostela e voceiro da corrente Esquerda Socialista en Galicia. Son membro de Europa Laica e da asociación Véspera de Nada.