Até un burro pode velo

Misoxinia, do grego: odio á muller. Significa denigración, discriminación, cousificación sexual, violencia… Nas relixións, na filosofía, no pensamento e na práctica actual. Defendida nas igrexas, na publicidade, nos medios de comunicación… Iconas, imaxes ofensivas que conducen ao desprezo difúndense impunemente. David Gilmore, afirma que a misoxinia é unha enfermidade masculina mundial, estendida por todas as sociedades humanas, desde as selvas de Nova Guinea, aos modernos centros comerciais das cidades do primeiro mundo. Tanto, que un negro puido ser presidente dos EEUU pero unha muller, non.

A misoxinia é causa de milleiros de asasinatos diarios. En España é alarmante o número de asasinadas no que vai de ano. O Goberno afirma a súa preocupación por esa lacra. Falso!! Vexan o que sucede.

O Ministerio do Interior vén de publicar os Delitos de Odio en España. Son por racismo, xenofobia, discapacidade e orientación sexual. A misoxinia non existe neste país!! Indignante! É moi superior ao resto dos odios, e non existe!

Dicir: Sudaca de merda é un delito de odio. Puta, zorra, é un piropo, comparado con todas as ofensas e desprezos que reciben as mulleres, maiormente nas casas, acompañadas de tortas, golpes, preludio de ataques mortais. Xa sabemos. Cansas estamos de oílo e escribilo. Pois, xa ven, o Ministerio do Interior ignora a misoxinia!

Xa nos queda claro cando lemos que a vítima do delito de odio é un varón de entre 18 e 40 anos. E que a maioría das infraccións ocorren na rúa, xusto o contrario que os grandes delitos de misoxinia, que suceden na esfera privada, e, daquela non existen para o Ministerio do Interior.

Outro aspecto que demostra a escasísima importancia que se lle concede a esa lacra é que cada asasinato merece un minuto de silencio diante do Concello, un comentario ao final do Telexornal ou unha pequena referencia nun lugar agachado do xornal. Non acostuma haber nomes, nin referencias persoais, nin da vítima, nin do asasino, pero si comentarios positivos do agresor por parte da veciñanza e colegas do traballo. Valoración nula da muller asasinada. Unha máis.

Como poden dicir que están preocupados pola lacra?  Está claro que non é así. Unha impostura. Non queren perder o poder masculino, nin a organización patrilineal, nin a esfera privada. As mulleres non importamos. Até un burro pode velo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.