Dous anos de cambio

Durmíamos, despertamos, e comezamos a andar. A mocidade saíu ás rúas e os partidos avellentáronse. Así sintetizou El Roto un dos cambios esenciais do 15M nunha das súas viñetas. O non nos representan supuxo non só unha impugnación á democracia representativa protagonizada polo bipartidismo sistémico, unha denuncia da usurpación da vontade popular por parte das elites duns partidos que camiñaban de maneira groseira das institucións públicas aos consellos de administración. Foi iso, pero tamén supuxo un cuestionamento das vellas formas da esquerda tradicional.
 
Nun primeiro momento os autofalantes do sistema fixeron mofa de todos aqueles “desfarrapados”, “perroflautas” que ocuparan as rúas e as prazas. Pasando pronto da burla ao menosprezo soberbio, “presentádevos ás eleccións” dicían, seguros como estaban de ter todo atado e ben atado, incapaces de prever as aceleradas transformacións sociais que acabarían por sacudir un Réxime caduco. Como tampouco adiantaron, coa súa miopía clasista, que a indignación puidera activar un proceso de asalto a esas mesmas institucións que impugnamos, na procura de mudar unha correlación de forzas desfavorable para as maiorías sociais.
 
Galicia foi vangarda do proceso de confluencia con AGE, encabezada polo líder histórico do nacionalismo galego Xosé Manuel Beiras, sendo a primeira experiencia electoral que bebeu do 15M. Logo nacería Podemos, como síntoma da recuperación da cultura republicana a nivel de Estado. E dende múltiples frontes e con fórmulas diversas, o desborde cidadán esixiunos espazos de participación mestizos, necesariamente plurais, para disputar o poder ao Poder naqueles espazos de proximidade, onde as consecuencias da crise se padecen de forma máis severa. A multiplicación de candidaturas cidadás de Unidade Popular será un gran salto adiante, e a primeira vez que o espazo de ruptura disputará e derrotará á dereita.
 
Moitas veces somos incapaces de valorar o que conseguimos. A ruptura do mapa político anterior a 2012 en Galicia e a 2014 no Estado supón unha mudanza significativa, racha un taboleiro de xogo que tiña as cartas marcadas, e evidencia que o cambio político é posible.
É normal que diante dos nosos avances o Réxime busque recompoñer as súas alianzas, na que viviremos avances e retrocesos. O que non pasará xamais é que volvamos ao pasado.
 
Aínda que dous anos son poucos para poder valorizar a acción de goberno, e pese a carga da xestión ordinaria, o certo é que nas diferentes experiencias de goberno das mareas vemos avances substantivos na implementación material e simbólica dunha axenda de prioridades distintas. No material, o máis sinalable consiste no deseño dunhas novas políticas sociais concretadas nas rendas sociais municipais que xa son unha realidade na Coruña e en Santiago. Abrindo a posibilidade de participación directa aos cidadáns, tanto coa aposta de encontros abertos como os Ao Vivo ou os Dillo Ti, e dos orzamentos participativos. E no simbólico, campañas contra a violencia machista como Compostela en Negro - que na súa segunda edición replicouse en decenas de concellos - ou a recente exposición sobre a historia do 1º de maio na Praza de María Pita, mostran unha axenda de prioridades distintas e xeran un imaxinario onde o centro está na loita pola igualdade e a xustiza social, nunha retroalimentación no que as mudanzas materiais activan as mudanzas culturais e viceversa.
 
Pero as mareas trouxeron tamén outro xeito de facer, onde a horizontalidade e a transparencia son algo máis que un slogan, para ser verdadeiro cerne de democracia radical coa que nos comprometemos. E malia que combinar participación e execución nunca é doado, nas mareas municipalistas ensaiamos novas formas organizativas que buscan superar a forma partido clásica. Trátase de ir avanzando por un camiño novo, aprender facendo.
 
Esta metade de lexislatura, sen envites electorais no horizonte, despois de vivir tres anos nunha sorte de comité electoral permanente, supón tamén un momento óptimo para recoñecer a importancia do municipalismo como espazo de construción de alternativa política. Queiran ou non, as mareas que gobernan tres das sete cidades e varias vilas país, representan unha alternativa real ao Partido Popular. O seu impacto supuxo un antes e un despois a todos os niveis, tanto é así que os máis de 400.000 votos de En Marea o 20D non serían posibles sen pasar antes polo municipalismo. Porque gañamos na proximidade, cando falamos dos problemas da xente, e non cando o espazo é tensionado en debates estériles que pretenden levarnos a posicións mornas, o que suporía asumir a derrota sen dar batalla. Isto sábeo perfectamente o Partido Popular que leva centrando os seus esforzos de maquinaria de guerra cultural dende o minuto cero, buscando minar os espazos municipalistas, e mesmo xerando conflitos previamente inexistentes como aconteceu nestes días na capital da nación.
 
Por iso debemos reforzar ás mareas dos gobernos fronte a todos os ataques que están a recibir. Porque non están atacando a Compostela Aberta, á Marea Atlántica ou a Ferrol en Común, tampouco a Jorge, a Xulio ou a Martiño, están tratando de minar a alternativa real, a que xa funciona nas cidades e que supón a proba palpable de que o cambio si é posible. Non chegamos para acomodarnos a un sistema político-institucional pensado para garantir que nada cambiara, senón para demostrar que as mudanzas alternativas son posibles. Nese senso, a supervivencia do espazo de ruptura tal e como o coñecemos depende da supervivencia desta primavera de cambio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.