Luar, o país que somos

Na obra La memoria colectiva de Maurice Halbwachs dise que a nosa impresión actual das cousas non é tan só a nosa visión e o noso recordo, senón tamén o das demais. Como seres sociais nos que nos constituímos, recibimos información constante que se proxecta nos nosos miolos en forma de imaxes, modificando ou corrixindo ás que xa había. Axudando, reconfigurando ou confundindo, consciente ou subconscientemente. Neste punto, é imprescindíbel reflexionar sobre a labor dos medios nesta produción ou reprodución de realidades. E máis dos medios públicos.

É imprescindíbel reflexionar sobre a labor dos medios nesta produción ou reprodución de realidades. E máis dos medios públicos

Xose Ramón Gayoso vai recibir este 28 de xuño unha das Medallas Castelao desta edición 2017 logo de 25 anos e máis de 1000 programas presentando, e co-dirixindo, a súa grande obra: o Luar. Un ritual do que el é o funcionario feiticeiro cada venres. Se lle poñemos un caldeiro xigante e un pucho semellante ao de Merlín, o medallista non dubida en botar dentro á banda da Escola de Gaitas de Ortigueira seguida de María del Monte. Xacarandaina e Natalia de Operación Triunfo. Cantigas e Agarimos e o Dúo Dinámico. A Roda e Isabel Pantoja. Pili Pampín e Andy y Lucas. Revólvase coa batedora do orzamento público. Sírvase quente, en prime time, e déase de tomar ao pobo galego.

É de supor que unha televisión pública e nacional, como é a Televisión de Galicia, debera contribuír a manter e dinamizar a renovación das manifestacións culturais propias. Os mesmos directores do programa, Gayoso e Teo Manuel Abad (de quen é a idea orixinal do show), afirman que “queremos por en valor a cultura de Galicia” mais, como vemos, o que se fai no guión e sobre do escenario é mesturar trazos dunha cultura propia particularísima con exemplos dunha cultura allea como é a española. Estase así producindo un concepto do espectáculo galego como algo parcial –non asume a representación do espectro amplo que si existe no panorama espectacular presente en Galicia– e centrado en torno á idea dun folclore inmobilista adornado con toda a superestrutura de traxes típicos e repertorio de cancións populares hipercoñecidas. Ao lado, as que outrora foran estrellitas do panorama castellano e que, antes de colgar os micrófonos, veñen a darnos as últimas notas. A dar a nota.

Luar é, por tanto, un cabalo de Troia que, cunha aparencia externa de valorizador da cultura galega e enmarcado dentro do espazo dunha televisión rexional, o que fai é introducir trazos coloniais nun mercado que non é o seu

Pode que se estea a colar a idea de que valorizar o propio consiste en poñelo ao lado de representacións doutra cultura á que se está considerando superior por hexemónica? Pode. Luar é, por tanto, un cabalo de Troia que, cunha aparencia externa de valorizador da cultura galega e enmarcado dentro do espazo dunha televisión rexional, o que fai é introducir trazos coloniais nun mercado que non é o seu. É esta unha das conclusións que sosteño froito dun estudo realizado con emigradas galegas que continúan a ver o programa dende a diáspora. Para elas, a memoria cultural que conservan é esa que se sigue conformando a través dos medios que visualizan, como dicía Halbwachs. Máis se cabe no seu caso, que é un dos poucos espazos que manteñen de contacto coa súa comunidade orixinaria.

O programa Luar refire unha rede simbólica na que se proxecta a imaxe dunha Galicia idealizada en torno a un concepto particularísimo e ficticio. Sen embargo, esta idea é tomada como propia por boa parte da comunidade luareira, o cal, enfrontado á ampla realidade cultural existente no país, non deixa de ser un exemplo da falta de actualización do medio audiovisual público galego. Só queda renovarse ou acabar asumindo que ser galegos é ver o Luar, saberse as estrofas completas do himno da patria, comprar no Gadis e beber Estrella Galicia.

O programa Luar refire unha rede simbólica na que se proxecta a imaxe dunha Galicia idealizada en torno a un concepto particularísimo e ficticio

Ben é certo, aínda que non o dixese Halbwachs, que as beberaxes sempre afectan máis a unhas consumidoras que a outras. Mentres Alberto Núñez Feijóo describía nestes días a Xosé Ramón Gayoso coma “historia viva da TVG”, un dos últimos venres o feiticeiro, funcionario público e agora medallista fixo unha das súas míticas chamadas ao azar, á que desta vez respondeu no teléfono unha muller: “bueno, carallo, bueno”. E colgou.

*Os argumentos deste artigo están tirados ao completo do Traballo de Fin de Grao realizado para a obtención do Grao en Xornalismo pola USC no pasado curso 2016/2017 e titulado ‘O programa Luar, da TVG, como disparador de memoria cultural nas comunidades migrantes galegas’, a disposición de calquera interesada (contacto: lucas.gzal@gmail.com)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.