O financiamento só con impostos das pensións de viuvez e orfandade. Necesidade ou oportunismo?

Preténdese, por parte do Goberno, facernos crer a través duns informes incertos que a maioría das prestacións por morte e supervivencia son compatibilizadas e cobradas á vez que outras prestacións, polo que é inxusto por un lado e que ademais supón un gran esforzo para as arcas da Seguridade Social.

Esa análise non se axusta á realidade, xa que sete de cada dez pensionistas de viuvez teñen ese ingreso como única fonte de rendas; son as mulleres nun 90% as perceptoras de dita prestación. A idade media de acceso a dita prestación está nos 60 anos  e o 83% fano cando teñen máis de 65 anos. E está claro que a fin é para transformalas en asistenciais e modificar a compatibilidade de prestacións da Seguridade Social.

Levamos anos enfrontándonos ao obxectivo de privatizar o sistema público de pensións: en 1975 privatizaron as pensións en Chile e Arxentina, en 1985 aprobouse en España a Lei de Pensións, aumentando o cálculo das pensións de 2 a 8 anos; en 1989 apróbase a Lei de Fondos Privados de Pensións, lei que xa  nos apunta cal é o interese do capitalismo, en 1995 CCOO e UGT co apoio de tódolos partidos políticos firman o Pacto de Toledo, a reforma máis silenciosa; en 2007 a Lei 40/2007 de 4 de decembro, reforma de importante calado; e no 2010 o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero anuncia unha reforma sen consultar os partidos representados na comisión do Pacto de Toledo, e precipitadamente  desencadéase outras reformas polo goberno de Mariano Rajoy durante o 2012 e 2013.

É no Pacto de Toledo, na primeira das súas recomendacións, onde se fai referencia a Separación das fontes de financiamento deixando claro que, pensións contributivas financiadas exclusivamente con cotizacións sociais (xubilación, viuvez, orfandade, incapacidade…) e pensións non contributivas ( sanidade, servizos sociais, asistenciais etc) con impostos.

Quedando claro que as pensións de morte e supervivencia son prestacións contributivas, porque aínda que a persoa que as percibe non realizou as cotizacións, si o fixo a persoa falecida e o fixo a unas continxencias entre elas risco de norte e supervivencia. Con que dereitos se pode plantexar a expropiación de estes dereitos xa cotizados?

A ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, comparece na Comisión do Pacto de Toledo e plantexa que para  aliviar o déficit do sistema de pensións, terían que avanzar na separación das fontes de financiamento e financiar vía Presupostos Xerais do Estado (PGE) prestacións como viuvez ou orfandade (de morte e supervivencia).

Se é o conxunto da Seguridade Social  a que ten déficit, ese déficit non se solucionaría nunca retirando as prestacións de morte e supervivencia das cotizacións sociais, xa que representan uns 3,5 millóns de pensións, cunha pensión media de 643,5 euros mensuais, o  que non alcanzan a significar o 3% do PIB. Pero tal como se definía no Pacto de Toledo, o que si sucedería  é a modificación da súa natureza pasando a ser prestacións asistenciais e non contributivas, o que implicaría sometelas  de inmediato a un gran recorte de contías e dos dereitos que dan lugar a dita concesión, ademais da case nula revalorización  durante anos.

Mesmo o modificar a súa natureza e o pasar a ser asistenciais, o goberno podería transferilas ás Comunidades Autónomas, o que provocaría maior desigualdade, xa que moitas das Comunidades Autónomas  atópanse sen recursos suficientes como para poder facerse cargo das mesmas.

Ademais, pretenden realizar  un cambio dunha prestación saltándose o Propio Pacto de Toledo, onde inequivocamente marca as prestacións de morte e supervivencia no grupo de contributivas,  para dunha forma escondida poidan someterse a recortes xeneralizados a ditas prestacións, incluso no caso tamén de incompatibilidade con outras prestacións do sistema, reduciríase moi pero que moi  pouco o gasto total das pensións e moito menos que fose nin mínima a achega para sufragar o seu déficit. 

Esta decisión por parte do Goberno e como decisión unilateral debería ser parado pola propia comisión do Pacto de Toledo  e polo conxunto das forzas sociais de noso país, xa que o único que buscan é a separar a loita por prestacións e así divide e vencerás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.