O Encontro XI: Cando Isaac Pedrouzo apareceu pola a reixa

A Isaac Pedrouzo, que conta a súa historia.

He flits from shop just like a butterfly.
Ray Davies

Como unha bolboreta de tenda en tenda vai.
Roger de Flor.

Moriré sin haberlo leido. Y en su páginas estaba el secreto y la clave.
José Emilio Pacheco

No Pazo do Pombeiro todo era farra, rebulicio, e borreamento.
Ramón Otero Pedrayo

Ás veces atopo nos lugares máis insospeitados as persoas que cumpren non os seus soños senón os meus: ser DJ no loft do Pombeiro onde todo é farra, rebulicio e borreamento, escritor e cheirar mellor que Kurt Cobain, Otis Reeding, Iggy Pop, Ponyboy, Jackie Wilson e Ismael Serrano xuntos e que non son precisamente os soños que tiña a muller experta na psicoloxía dos plebeos (como diría o pai Atanasio) ao respecto de min; e que deixara por escrito no ano mil novecentos oitenta oito cando visitou o meu colexio: Soño con que G será cura ou polo menos salesiano ( Que terrible, se polo menos fora bispo de Mallorca).

Iso foi o que me sucedeu o pasado xoves cando estaba a cumprir cun dos meus rituais semanais.Teño un ritual para cada día da semana, outros xogan as cartas no Liceo, tocan a steel-guitar ou escoitan sen parar a Nick Drake e a Sade un serán con roibens de outono para tranquilizarse. O ritual do xoves faime especialmente feliz, e máis, faime consciente de selo. O ritual consiste en saír, despois de escoitar a versión que fai Mark Eitzel do Move on up de Curtis Mayfield e Otis Reeding de Wonderful World, da miña casa coa miña camiseta da Universidade de Hawai e ir ata a rúa do Horreo e entrar  na tenda A Reixa para escoller ao chou tres camisas MERC e pedirlle ao rapaz, que esta atendendo con ar de estar pensando que lonxe quedan os tempos de Vista Alegre, se podo probalas. Mentres as probo teño que dicir berrando primeiro en inglés: He flits from shop just like a butterfly e logo en galego: Como unha bolboreta de tenda en tenda vai. Unha vez probadas, doullas o rapaz e despois de un breve silencio branco do inverno  (ou como diría D. Ramón un silencio de morte) dígolle: e unha pena, e terrible, non me quedan ben. Non as levo, e marcho da tenda coa cara de satisfacción dos que coma Sodapop simplemente embebédanse con vivir. Eu si que obteño satisfaccións, prezado Mick!

Pois este ultimo xoves atopei neste lugar a unha persoa destas que cumpren os meus soños. Cando estaba no probador, unha voz, que de seguro correspondería a alguén con cara de trasno, dixo: Hoxe está con nós un home dos que poderiamos chamar sen exaxerar do renacemento. Hoxe está con nós Isaac non como Dj que anima a vida aos que fan polas noites máis caso a Los Cardiacos que a súa nai. Vivid en la calle, no pareis en casa. Morid en la calle, no pringueis en casa. Hoxe está con nós Isaac como escritor e ben a presentar o seu libro Todo tiene una historia e que unha vez que rematedes de ler o libro chegarades a conclusión de que o significado do seu nome axustase perfectamente a figura do Isaac: fará rir*. Ao acabar esa voz, outra voz, que estaba preto de min e da que se pode intuír que o seu dono ten a preguiza do fidalgo que gustaba de se erguer tardeiro, dixo: Si e certo cheira mellor que Kurt, Otis, Jackie, Ismael e Iggy xuntos. Non minte, por fin, un escritor que no fai caso do Se non è vero é ben trovato. A min fisicamente  lémbrame a Llorenç Villalonga, segundo a descrición que facía Camilo José Cela do psiquiatra mallorquino: alto y escurrido en carnes, rasurado, mediterráneo (ourensán) y paradójico (cobaniano), cuidadoso, galante y cerebral, e mesmo, aínda que sexa só polo nome, veneros judaicos.

Ao saír do probador, deixei as camisas e collín o libro para evitar o que lle pasou ao mexicano José Emilio Pacheco co libro que comprou fai máis de quince e que pospuxo a súa lectura. E por unha vez , iso si sen que serva de precedente, fíxenlle unha compra ao rapaz que sempre esta pensando que o tempo pasa A TODA VELOCIDADE.

Nota bene:
*https://www.dicionariodenomesproprios.com.br/isaac/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.