0 Gardados para despois

Brais Arribas

Entre o relativismo e a verdade obxectiva

Se se escoita calquera dos faladoiros que enchen hoxe os medios de comunicación é habitual atoparnos con un concepto que arraigou con moita forza no vocabulario da teoría política contemporánea, o neoloxismo posverdade. Termo que normalmente é usado para referir ao relato que terxiversa intencionadamente os feitos coa fin de modelar a opinión pública e dirixila cara a aceptación dunha determinada idea que non se corresponde con datos obxectivos.

A noción de posverdade, por tanto, garda unha relación directa co que tradicionalmente se entendeu por manipulación, unha estrataxema propagandística que pretende se ben non directamente mentir ou enganar, si engaiolar e seducir ao ouvinte ou ao espectador para desorientalo de modo tal que poida penetrar sen resistencia crítica unha (certa) representación da realidade ideolóxica ou doutrinal, que en todo caso é parcial e tendenciosa, e que beneficia e favorece a quen a difunde.

A avaliación claramente pexorativa que se ofrece do devandito termo contrasta, evidentemente, coa súa antítese positiva: á representación mistificada e falsaria da realidade debe opórselle outra auténtica e obxectiva que se corresponda con aquilo que efectivamente acontece. O antídoto contra o relato fabulado que deforma e desfigura o real non pode ser senón a explicación honesta que describa dun xeito ecuánime e desapaixonado o que ocorreu tal e como sucedeu.

É certo que un artigo de opinión non pode substituír un tratado de teoría de coñecemento, mais si que pode polo menos advertir dos efectos políticos que se agochan tras unha determinada posición epistemolóxica. E é que tras a política dos feitos, neutros e obxectivos, tamén se oculta un reverso tenebroso que compre cando menos considerar minimamente. Cando asumimos que a única vía para impugnar a propaganda é a procura da versión máis obxectiva posible, sendo a Verdade –con maiúscula- o escudo que nos protexe contra o poder das grandes plataformas mediáticas, estamos asumindo á vez que existe un único relato que describe fielmente como son as cousas, e que hai alguén capaz de narralo, sendo á vez a instancia mediadora da que nos debemos fiar para definir a nosa propia posición.

Dito de outro xeito, a crítica ao relativismo que se oculta tras a impugnación da posverdade non debe significar ao mesmo tempo a imposición dun obxectivismo arrogante, onde quen teña razón sexa unha elite de intelectuais ou eruditos especializados, pois de tal xeito estaremos deixándonos arrebatar a nosa capacidade para interpretar dun xeito autónomo aquilo que sucede no noso contexto vivencial. A política dos técnicos, das descricións e do realismo, só favorece a aquel que ten a forza suficiente como para impor o seu relato como o auténtico, o cal permite acalar a disidencia que pretenda contestarlle e facerlle fronte esgrimindo outra perspectiva distinta e alternativa á oficial.

A impugnación da propaganda manipuladora non pode facerse a costa do silencio do pluralismo e da diferenza, pois estes son dos poucos elementos cos que contamos para evitar que todos acabemos pensando e dicindo o mesmo ao mesmo tempo.

Acerca de Brais Arribas

Doutor en Filosofía. Profesor de Ensino secundario. Pertencente a Proxecto Derriba