Decálogo do rescate

1.O rescate non é un regalo. É un empréstemo a una taxa de xuros vantaxosa. Os países que nos conceden o empréstamo finánciano endebedándose, como eles teñen credibilidade poden obter o crédito de xeito mais barato do que podería obtelo o goberno español.  Os países europeos emiten débeda que poden obter a taxas do 2%-3% e logo a conta do que recadan dánnos un crédito a taxas de xuros arredor do 3%-4%. Se o goberno español pedise este crédito sairíalle a mais do 7%. Mesmo podería ser que a petición de tal crédito implicase a súa insolvencia. Isto quere dicir que non é estritamente certo que sexan os contribuíntes alemáns os que pagan exclusivamente o rescate. Seremos sobre todo os contribuíntes españois os que o paguemos.

O rescate aumenta o monto da débeda pública e por tanto as dificultades para devolvela

2. O empréstemo do rescate engrosará a débeda pública española, por iso, cando se anunciou a posibilidade do rescate, o premio de risco da débeda pública española aumentou. Este aumento do premio de risco debemos computalo tamén como un custo indirecto do rescate.

3. O rescate pode dar lugar a un bucle perverso entre a situación da débeda pública española e a situación dos balanzos bancarios. O rescate aumenta o monto da débeda pública e por tanto as dificultades para devolvela, os bancos españois teñen un gran volume de débeda pública española nos seus balanzos, ao empeorar a situación da débeda pública española empeora a solvencia da banca española, ao empeorar a solvencia da banca española maior será o volume do rescate bancario e peor, por tanto, a solvencia das arcas públicas, e así sucesivamente. Moitos temen esta pérfida espiral. Por certo, a barra libre de liquidez do BCE agudizou este problema pois os bancos españois con esta liquidez compraron mais débeda pública española mentres os bancos estranxeiros desprendéronse da mesma. Así, a exposición da banca española á débeda pública española é maior hoxe que hai un ano.

4. Un xeito de quebrar a retro-alimentación entre os problemas de solvencia da banca e do Estado sería que os países europeos rescatasen directamente a banca española. Isto suporía que estes países –os seus contribuíntes-  asumirían as débedas da banca española. Evidentemente, moi dificilmente accederán.  Non aposte por isto.

Por suposto que o empréstemo implicará condicións. Cando lle deixen o diñeiro ao Estado serán os seus acredores. E a misión vital dun acredor é cobrar o que lle deben. Para iso necesitan que o Estado español ingrese mais do que gasta

5. Por suposto que o empréstemo implicará condicións. Cando lle deixen o diñeiro ao Estado serán os seus acredores. E a misión vital dun acredor é cobrar o que lle deben. Para iso necesitan que o Estado español ingrese mais do que gasta, o crecemento da economía española axudaría a cumprir este obxectivo, mais non é condición indispensábel.

6. O rescate non soluciona os problemas do país. Que foi o que solucionou en Grecia? Se o rescate solucionase os problemas macroeconómicos entón deberíamos ter asistido a unha substancial baixa do premio de risco nos países rescatado. Aconteceu isto? Non.

O rescate non soluciona os problemas do país. Que foi o que solucionou en Grecia?

7. O rescate soluciona os problemas dos acredores e dos accionistas. É dicir, os países europeos darán diñeiro ao goberno español para que este devolva as súas débedas (e as que fixo súas socializando as débedas privadas) aos bancos europeos. Na medida en que o diñeiro do rescate se destine a salvar bancos, tamén os accionistas dos mesmos poden saír beneficiados, depende de como se faga o rescate bancario.

8. Posibelmente o rescate nos condene a un longo período de penuria económica pois -aínda que normalmente condicionados a que o país en dificultades realice reformas estruturais que melloren o estado da súa economía- suaviza as presións reformadoras xa que o diñeiro do rescate permite facer fronte, aínda que sexa a trancas e barrancas, aos pagamentos e os xestores públicos non se ven entón na obriga de facer as reformas estruturais que permitan unha redución permanente do gasto público.

Se chegado o momento o Estado español non é quen de facer fronte ás súas obrigacións entón o que debe facer é suspender pagamentos e negociar unha quita sobre a súa débeda

9. Se chegado o momento o Estado español non é quen de facer fronte ás súas obrigacións entón o que debe facer é suspender pagamentos e negociar unha quita sobre a súa débeda. Esta é a verdadeira disciplina do mercado. Por un lado faille pagar o pato aos acredores e ensínalles que non se pode emprestar diñeiro alegremente. Por outro, obriga ao goberno a recortar o gasto público pois xa non haberá quen lle financie déficit algún.

10. A Unión Europea debería avanzar na dirección de prohibir constitucionalmente os rescates soberanos alén de impor regras de disciplina fiscal aos países membros. Así, os prestamistas internalizarían completamente o risco de emprestarlle a un país que chegado o momento tería que valerse por si só para devolver os empréstemos, o cal acoutaría as bullas crediticias. Nos Estados Unidos –unha exitosa unión monetaria moito mais antiga que a nosa- é o que acontece, o goberno federal nunca rescata un Estado en problemas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.