0 Gardados para despois

Xabier Ron e Irene Tomé

A mirada rebelde de José Luis Cadórniga Álvarez-Yañez

A semana pasada, cando o verán anunciaba os seus días máis intensos e abafantes de calor, o camarada e militante incansable da cidade de A Coruña e sindicalista comprometido, José Luis Cadórniga Álvarez-Yañez, deixounos. Membro do Partido Comunista de Galicia, de Comisións Obreiras e de Esquerda Unida, Cadórniga é todo un referente para a cidade de A Coruña en coherencia, integridade e loita.

Desde moi cedo, debido a unha enfermidade dexenerativa, que se agravou nos últimos meses cun cancro, Cadórniga fixo do combate e da loita un compromiso activo, primeiro para cos demais e, despois, para si. Porque así era el, sempre procuraba o lado positivo das cousas, e debaixo dun aparente carácter ás veces arisco, abrollaba unha bondade e xenerosidade enormes. Nunca deixou de se ofrecer para canto acto reivindicativo había. 

A vida de Cadórniga faise de viaxes. Como a que o leva de Navia de Suarna, onde nace o 14 de xaneiro de 1954, ata a cidade da Coruña, onde chega hai máis de 30 anos, pasando por Logroño onde, curiosamente, sería ordenanza dun inspector de facenda chamado José María Aznar, presente nesa praza desde 1978. E cóntase que esa relación laboral salvou aos camaradas comunistas de Logroño dalgunha que outra paliza de fascistas. A última parada realizouna en Zamora, berce da terra da súa compañeira, Maricarmen, a quen lle mandamos todo o noso agarimo e apoio, ao igual que á súa familia.

Na cidade herculina todos lembran o seu compromiso inquebrantable cos valores da esquerda. Camaradas amigos lembran como, nas folgas de 1997, Cadórniga ía de piquete... en muletas, en cadeira de rodas, tanto tiña: a súa vontade era acompañar a loita da clase traballadora nas súas demandas e reivindicacións. Iso era o esencial para el. O edificio sindical da Xunta queda hoxe máis orfo, e pode que no seu despacho, hoxe, estea tremendo de frío o retrato da Pasionaria.

Non deixou, a pesar da súa enfermidade, de participar en canto acto de reivindicación dos principios ideolóxicos da esquerda que nos definen: como lembran amigos seus, era impune ao desalento. Entre sorrisos podemos lembrar que Cadórniga era a permanente voz bronca que berraba consignas de alento reivindicativo desde o coche que encabezaba todas as manifestacións. E, desde o lado persoal dos autores esta semblanza, destacaremos que sempre estaba atento en facer as críticas precisas para que os actos, todos os actos, propios e alleos, tivesen en conta os dereitos das persoas con diversidade funcional ou mobilidade reducida e que cumprisen coa lei de accesibilidade universal.

Unha das paixóns de Cadórniga era a fotografía. Da man da súa cámara retratou a ialma da rebeldía, da protesta que representa a memoria de toda unha cidade ou, mellor dito, de como el miraba, con esperanza, a todo un país. Cómpre que esa memoria quede viva para sempre, e non está de máis animarse a facer un traballo de selección co fin de reflictir nunha publicación esa memoria como exemplo para as xeracións vindeiras. 

A República dos Soños levouse ás terras da memoria, en menos dun ano, a dúas persoas grandes, a Vigil e a Cadórniga. A Coruña queda algo máis orfa, mais como escribiamos no mes en que caen as follas do outono, queda en todos e todas nós a súa memoria e o seu compromiso cos valores da República, a solidariedade e a fraternidade.

Acerca de Xabier Ron e Irene Tomé