0 Gardados para despois

Javier Domínguez Oubiña

Adiviña quen copia?

Os nervios brotan no momento oportuno. Unha lista de angustiantes suspiros xúntanse coa imperiosa necesidade de esbardallar, nun papel reciclado, todo aquilo que se colleitou na memoria durante uns poucos días. Tamén hai tranquilidade no ambiente, máis en distintos graos. Existen certas rara avis, neste punto, que se mostran seguros diante dunha proba. A tranquilidade asúmese tamén por parte daquelxs que permanecerán tan só media hora diante do papel, o estipulado de maneira informal e tácita para poder entregar o exame.

Aquí é onde o/a docente escolle un tema ou formula preguntas xa expostas nas clases. A promoción do éxito establécese coa repetición, e sen concesións. É un círculo pechado. Aquelas ideas coas cales os docentes (maioría) non comulgan son rexeitadas por parte do alumnado. É dicir, hai que vomitarlle o que queren ler. Aínda así é unha pésima evocación: peor contido, peor escritura e peor vocabulario nun tempo asignado e controlado. Porque sexamos sinceros; non se controla nada máis. A tranquilidade asúmese tamén por parte daquelxs que permanecerán tan só media hora diante do papel; o estipulado de maneira informal e tácita para poder entregar o exame.

Perante estes tres “tipos” non se presenta ningunha obxección. Son diferentes perspectivas; se se prefire unha táctica de primar unhas materias sobre outras, un sobre-esforzo ante o estudo, por problemas familiares  ou inclusive por simple deixamento. Son todas estas decisións respectables, algunhas incluso loables, xa que non deturpan un sistema de aprendizaxe bastante mal encarado por sí mesmo. E iso que non mencionamos nada do Plan Bolonia.

Nun sistema enclaustrado na igualdade dos métodos de aprendizaxe, cos seus aspectos positivos e negativos, o problema está presente no resto. Non sabemos se son maioría, minoría ou hai un empate técnico. Aquí encontramos unha mesma estratexia con diferentes obxectivos. A estratexia é sinxela, mentres que  as escusas poden sacudir calquera forma de raciocinio. Consiste en atallar, facelo tan sinxelo e normal ata o punto de que os raros son os demais.  Non se trata de potenciar (ás veces saturar) o cerebro de cara a facilitar o recordo, selección e sintetización do estudado. A táctica baséase na vista, na esquiva e no agocho para o momento do exame. Soen ser profesionais do método. Iso sí, as formas cambian segundo o personaxe; así coma a tecnoloxía tamén asegurou unha forma moito máis efectiva para copiar. Sempre hai algún móbil que soa ou esvara sen querer, un estoxo das gafas que é a primeira vez que se trae á clase, uns calzóns ou unhas bragas moi elásticas etcétera. Con respecto aos obxectivos, hai dous claros. Podíamos quedarnos só na beiramar do “aprobado”, mais convén irnos pola  ambición, en ramas de intensidade baixa, media e alta. Deste xeito, nos dous primeiros casos, a tendencia é á utilización constante e sistemática do “copiado” para sinxelamente aprobar –ás veces nin iso -. É algo estrutural no seu “sistema de aprendizaxe”, cousa que no terceiro dos casos prodúcese de forma esporádica, pero efectiva. Aquí, a ambición contrasta cos outros casos. Polos seus resultados non soen precisan tal “axuda”. A cuestión radica na nota media, a cal deben manter ou incluso subir. Os métodos non importan, é dicir, quen lle vai preguntar se copiou nun trámite de beca, máster ou nunhas prácticas? Iso é o que queren, e iso é o que conseguen.

Así é todo, xs que non intervimos directamente, sí que participamos de forma pasiva. Por unha banda hai unha especie de omertá e, por outro, unha sinxela condescendencia por parte do profesorado. Non hai man dura no senso de incumprir unhas “regras” de boa conduta e traballo. Xérase unha posible desconfianza e minusvaloración do alumnado, ben expostas nos murmurios posteriores. Non sabemos o que ocorre nas reunións do profesorado. Resulta case imposible crer que non se decatan do que acontece, inclusive parece que é un tema que non remata por afectarlles e, polo tanto, non se involucran. En resumo, non lles importa. Este é un trazo observable nunha tendencia inter-xeracional,  así coma unha maior presenza no ensino de “elite”, como poden ser as Universidades, que no ensino básico e obrigatorio. Por outra banda, as persoas que albiscan tal acción tampouco fano público. Temos unha conciencia de auto-censura  fronte a “acusación”, provocado pola fórmula do “chivato ou chivata” que cala en nós dende pequenxs. É dicir, a sensación de que somos potenciais culpables, ao prexudicar a unha “inocente” vítima que só busca aprobar, é nosa. É máis, tamén hai unha posible condición social no grupo de sinaladx, de cuasi  expurgo, tanto por parte dxs “damnificadxs” como por parte do colectivo que non intervén.  

Trátase dun tácito acordo social máis aló dos muros do recinto. É un síntoma da aceptación en diferentes memorias colectivas presentes na sociedade, que atravesan tempo e espazo e repousan no individuo nun momento concreto. No fogar, se se interesan, a escola non serve para aprender, nin en valores nin en coñecementos (non sempre). A misión é aprobar e saír rápido, coma unha especie de enfermidade que se debe pasar. A cura máis rápida, neste caso, é a mellor. Para os demais grupos da sociedade non é nada pexorativo, incluso premian cun sorriso malicioso de aprobación se remata por descubrirse tal acción. É dicir, coma unha experiencia repetida no pasado e repetible no futuro, mais coa debida extrapolación aos diferentes niveis de acceso aos estamentos empresariais, administrativos etcétera do país. Unha mostra máis desa condición de “pillería”, tan aceptada socialmente.

Acerca de Javier Domínguez Oubiña

Estudante no Grao de Historia da USC