0 Gardados para despois

Marga López Barreiro

Non é cidade para precarias

O alcalde de Vigo, Sr Caballero, vai presumindo alí a onde vai, de que Vigo é unha cidade fermosa. Primeiro teriamos que definir o que se entende por unha cidade fermosa. Non sabemos se o Sr Caballero quere dicir que Vigo goza dun enclave natural privilexiado, entón estaríamos de acordo que a nosa cidade é efectivamente unha cidade fermosa, mais iso é algo que non depende da xestión de ningún goberno, nin polo tanto do Sr Caballero; se quere dicir que Vigo posúe unha estrutura urbanística fermosa, entón xa non estariamos tan de acordo, pois a xestión dos gobernos da cidade durante anos fixeron de Vigo unha cidade de asfalto e de costas ao mar, co cal a beleza da paisaxe da cidade en canto se deixa de mirar á ría e se fai cara a dentro comeza a minguar, pois a harmonía urbanística das súas rúas e prazas deixa moito que desexar; por último, se o alcalde ve a fermosura da cidade na calidade de vida das súas xentes, aí xa discrepariamos amplamente.

Unha gran parte da veciñanza viguesa, por moito que o alcalde diga que viven nunha cidade fermosa, son vítimas do desemprego, da precariedade e da pobreza.

Estas xentes, cando ven como se gasta o diñeiro público en enfeitizar as rúas con animais mariños de cores, ou as prazas, con plantas que semellan animais xurásicos, ou que se agasalla con viaxes ao estranxeiro ao alumnado ou se gasta demais en construír museos ou en reparar campos de fútbol, cando ven todo isto, as persoas que non teñen onde durmir ou non teñen que comer, porque lle pechan o albergue que os acollía por mor dunhas inspeccións inducidas polos gobernos do concello e da xunta, gobernos que son quen lles deberían solucionar os seus problemas de vivenda e alimentos e que lonxe diso o que fan é agravarllos, á vista de todo isto as persoas que están sufrindo estas peripecias non poden concordar co seu rexedor cando lles di que viven nunha cidade fermosa.

Señor Abel Caballero, para ter unha cidade fermosa, as súas xentes deben ter a oportunidade de vivir unha vida fermosa. Como concelleira na oposición no concello de Vigo, o noso grupo municipal aínda non puido acceder aos datos das persoas usuarias que pasaron polo departamento de Servizos Sociais nestes 2 anos de lexislatura. O persoal técnico argumenta que non se conta con persoal suficiente para poder elaborar unha memoria anual onde se recollan estes datos (algo que é de obrigado cumprimento), polo que seguimos agardando a que xunta e concello teñan a ben cumprir a lexislación.

As cifras están aí e o nivel de pobreza segue aumentando. Só na provincia de Pontevedra hai 4.888 persoas dependentes de axudas sociais e a nivel galego esta cifra aumentaría até as 15.300 persoas.

Tendo en conta a pirámide de Maslow (parámetro que mide o nivel de pobreza), cómo ter unha vida plena cando dependes dunha axuda periódica da administración? Cómo sentirte unha persoa capaz e competente cando non podes acceder a un mísero posto de traballo? (para poder acceder a unha axuda, primeiro temos que esgotar as prestacións correspondentes do SEPE e demostrar que non temos ingresos de ningún tipo).

A pobreza é coma un bucle que en canto chega é moi difícil saír dela. Unha persoa que non teña un teito onde cubrirse: pode acceder a un posto de traballo? Unha persoa que viva na rúa e dependa dun albergue municipal onde só pode estar un máximo de 10 días, pode acceder a unha entrevista de traballo? Unha persoa sen unha alimentación sa e axeitada, sen luz, auga, calefacción, etc. Ten capacidade para integrarse na sociedade?

Sexamos serias, a crise leva engulindo a moita poboación dende o seu comezo no 2008, podemos seguir facendo a vista gorda e quedarnos cos datos do paro (que van descender casualmente estes meses de verán polo aumento do traballo que non emprego, pois non se lles pode chamar emprego ao que fan cantidade de rapazas e rapaces que traballan horas e horas cobrando un mísero soldo a fin de mes na hostalaría), ou atacar o problema de raíz e comezar a facer melloras a todos os niveis: emprego digno e de calidade para a poboación en idade de traballar, e unha redistribución da riqueza na que se inclúa a todas e cada unha das persoas coas súas características propias para que ningunha quede excluída nin marxinada, tendo garantida a alimentación, a vivenda e as necesidades básicas.

Señor Caballero, alcalde de Vigo, a todas nos gustaría vivir nunha cidade fermosa, mais moita da súa veciñanza non percibe que isto sexa así.

Acerca de Marga López Barreiro

Marga López Barreiro, concelleira da Marea de Vigo.