0 Gardados para despois

Paula Quinteiro e Sara Outeiral

Os nosos ventres: o novo obxecto de consumo neoliberal

O debate dos últimos meses sobre ventres de alugueiro, que estivo caracterizado polos argumentos nesgados e a demagoxia, pretende culminar coa presentación de Ciudadanos dunha Proposición de Lei. Nela non atopamos ningunha sorpresa, xa que reproduce todos os argumentos cínicos, ningunha palabra é casual, toda a linguaxe está pensada para  tratar de agochar a aposta directa que están facendo pola mercantilización da reprodución. 

Puxéronse todos os focos mediáticos neste debate, dende os informativos ata os programas do corazón bombardeándonos nos últimos tempos, a maioría das veces, baixo un paradigma erróneo

Tanto a banalización do proceso equiparándoo a outras técnicas de reprodución asistida, como a utilización da denominación xestación subrogada ou a apelación constante ás emocións responden a este obxectivo.

Albert Rivera declaraba que esta Proposición era o “resultado de meses de traballo”. Curiosamente, nós concordamos con esta afirmación, pero salientamos que o traballo feito responde a moitos máis axentes que o propio partido laranxa.  

Puxéronse todos os focos mediáticos neste debate, dende os informativos ata os programas do corazón bombardeándonos nos últimos tempos, a maioría das veces, baixo un paradigma erróneo. Describindo a existencia dunha suposta “realidade” neutral e aséptica, allea a problemas e conflitos de ningún tipo, e centrada unicamente nas familias e nos futuros bebés felices, eliminando artificialmente todas as contradicións existentes neste debate. Para tal fin, obviouse a realidade das mulleres xestantes e todas as situacións socioeconómicas que as acompañan. Pero, especialmente, agocháronse os intereses que se atopan detrás deste intento de regulación, os de todas as empresas que atoparían un novo nicho de mercado moi suculento no Estado Español. É importante resaltar que o intercambio monetario non se circunscribe ó que podería existir entre a muller xestante e o proxenitor subrogante. Pensemos en todas as clínicas de fertilidade, despachos de avogados, etc, que entrarían no negocio.

Estamos ante unha nova volta de torca na mercantilización dos corpos das mulleres, de novo baixo os parámetros da súa función reprodutiva

Para nós, o punto de partida debe ser o de reflexionar acerca da concepción da maternidade/paternidade como desexos, non como dereitos. Este é o eixo do debate que racha cos argumentos falaces que se están empregando. Non obviamos que existan estes desexos e que sexan lexítimos, pero en tanto que constitúen desexos, non podemos lexislalos coma se foran dereitos.

Estamos ante unha nova volta de torca na mercantilización dos corpos das mulleres, de novo baixo os parámetros da súa función reprodutiva. Este extracto da proposición de lei exemplifica moi ben as incoherencias que se atopan neste texto. "A xestación por subrogación non poderá ter carácter lucrativo ou comercial, sen prexuízo da compensación resarcitoria que poderá recibir a muller xestante". Nunha situación de extrema precariedade laboral, de salarios de miseria e de taxas de paro altamente elevadas, resulta evidente que esa compensación resarcitoria podería converterse na verdadeira motivación, a económica, e non a que pretenden vendernos, a xenerosidade. 

A invocación da liberdade individual, nun contexto como este, non deixa de ser unha falacia

Por iso, a invocación da liberdade individual, nun contexto como este, non deixa de ser unha falacia. Un suposto dereito mercantilizado, ao que se lle pon prezo, convértese nun privilexio, non nun dereito. Supón un paso máis que afonda no actual modelo de consumo, onde o mercado vai entrando en todos os espazos das nosas vidas e nos nosos corpos e que fai que todo quede subalternizado á capacidade de pagar para satisfacer os desexos e onde o único dereito que semella ser respectado en todas as circunstancias é o de poder consumir.

Ciudadanos está aproveitando a cuestión, sacándolle un alto rendemento político. Aprovéitanse dunha demanda minoritaria (pero existente) para convertela automaticamente na defensa dun suposto dereito, a maternidade/paternidade. Apelan á parte máis emotiva, o emocional, poñendo a énfase en todas esas mulleres solidarias (de novo somos nós as que debemos entregarnos "altruistamente e por amor ao próximo" ao traballo para outros), pero en realidade están defendendo intereses empresariais e partidistas.

Só temos unha opción, dar o debate nos termos reais, visibilizar as contradicións existentes entre o seu relato e a súa proposta de lei, e recalcar que os dereitos das mulleres nunca estarán suxeitos a contratos

Porque tamén lles interesa dende o punto de vista da aritmética parlamentaria, xa que lles está servindo para colocar nunha situación complexa o PP, agudizando as tensións existentes no seu seo entre os sectores máis duros e os menos conservadores. E tamén para tratar de desgastar e debilitar ós partidos da oposición, nós que se apostaba por unha discusión máis sosegada e participada da sociedade. 

Só temos unha opción, dar o debate nos termos reais, visibilizar as contradicións existentes entre o seu relato e a súa proposta de lei, e recalcar que os dereitos das mulleres nunca estarán suxeitos a contratos! 

Acerca de Paula Quinteiro e Sara Outeiral

Paula Quinteiro é enfermeira, activista social e militante de Anticapitalistas Galiza. Participa no Consello Cidadán Autonómico de Podemos Galicia e na actualidade é deputada no Parlamento galego por En Marea.

Sara Outeiral Cameán, A Pobra do Caramiñal, 1992, Técnica Superior en Imaxe, Especialista en Protocolo Comunicación e Imaxe Corporativa. Municipalista dende a asemblea de Nós Pobra e Membro do Consello das Mareas de En Marea