0 Gardados para despois

Francisco Xavier Redondo Abal

Ascensión Mendieta, a filla de Timoteo

En decembro do ano 2013, a bordo dun avión que cubría os 10.000 quilómetros que separan Madrid de Bos Aires, Ascensión Mendieta cumpriu 88 anos de idade. Muller valente e teimuda, non tivo outra opción e recalou na capital arxentina na procura dunha xustiza e un consolo que o seu propio país lle negaba. Ascensión reclamaba axuda para localizar, exhumar e identificar os restos do seu pai, Timoteo, fusilado en Guadalaxara a mediados de novembro de 1939. A muller solicitaba rescatar dunha foxa común os osos do seu proxenitor para darlles unha sepultura digna e, tamén, colocar unha placa lembrando o nome do asasinado. Reabrir feridas, que dirían algúns.

Timoteo Mendieta, 41 anos, carniceiro, presidente do sindicato UGT na localidade de Sacedón (Guadalaxara), non pegou un so tiro durante a guerra. Cando esta remataba, Mendieta atopábase en Madrid e decidiu retornar ao seu fogar. Fíxoo camiñando. Dous días despois da súa chegada un veciño deu o aviso e un falanxista e un garda civil acudiron á casa familiar. Prendérono. Ascensión tiña entón 13 anos e nunca xamais volvería a velo. Nin vivo nin morto. Tras varios meses no cárcere, Timoteo foi xulgado polos rebeldes que o acusaron de “auxilio á rebelión”. Todo un sarcasmo. O 15 de novembro de 1939 foi fusilado xunto ás tapias do cemiterio de Guadalaxara e, a seguir, foi botado nunha das varias foxas existentes naquel lugar. Quedaban orfos tres nenas e catro rapaces. O máis pequeno aínda non cumprira un ano.

Hai xa moito tempo que Ascensión –a carón da súa irmá Paz (falecida no 2012)– deu comezo unha andaina de dignidade, de rebeldía cívica. Esta anciá de pelo branco e ollos gastados petou en todas as portas solicitando unha axuda que nunca chegou. Nin tan sequera foi escoitada e a resposta unánime dos poderes públicos foi o silencio. Por iso marchou cara a Arxentina. Alí, a xuíza María Servini de Cubría coñeceu de primeira man o relatorio de Ascensión e ordenou nun exhorto, “ao xulgado de Guadalaxara que corresponda”, a apertura dunha foxa común naquela capital. Ao ter noticia, Ascensión exclamou: “¡Hoxe sinto ao meu pai máis cerca que nunca!”. Era febreiro do 2014.

En xaneiro do pasado ano, un grupo de arqueólogos pertencentes á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) abriu unha das foxas do cemiterio de Guadalaxara. Atoparon os restos de dez persoas, mais as análises non deron con Timoteo. A decepción, cabe supoñer, tivo que ser maiúscula. Pero Ascensión, acostumada aos paus, nunca se detivo. Un segundo exhorto da mesma xuíza arxentina chegou a principios de maio deste mesmo ano 2017. Por fin, hai escasamente dous meses, na segunda escavación foron atopados e identificados os restos do sindicalista de Sacedón. A filla de Timoteo, cos ollos ateigados de bágoas, repetirá unha e mil veces: “Eu quero que me enterren con el”. Outras 27 familias poderán recuperar os restos dos seus, fusilados xunto a Timoteo, grazas á loita mantida por Ascensión.

Os traballos realizados pola ARMH que levaron a atopar os restos de Timoteo duraron tres semanas e os custes correron a cargo das doazóns que recibe a asociación. Non hai, pois, axuda pública por ningures. Entre outras razóns, porque o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, eliminou das partidas orzamentarias as escasas achegas que antes recibían as asociacións memorialísticas. Hoxe, organizacións de recuperación da memoria histórica reciben cero euros. Nin un so patacón. Non hai cartos abondo mais, ao parecer, sufragar con cartos públicos o Val dos Caídos ou a Fundación Francisco Franco semella máis acaído para os responsábeis gobernamentais. “Hai que pasar páxina”, din, e esquecer que aínda quedan 114.000 restos de homes e mulleres soterrados como cans. E cómpre lembrar que todos eles, absolutamente todos, eran inocentes.

Cales son as razóns para a infamia? Ideolóxicas, por suposto. E xenéticas, tamén: no ADN do partido no goberno do Estado o franquismo latexa sen remisión. So así pode explicarse que o actual voceiro do Partido Popular no Congreso dos Deputados, Rafael Hernando, entenda a recuperación dos restos dos asasinados como unha “cuestión de subvencións”. É dicir, un asunto no que “as familias so se lembran dos seus parentes cando hai cartos públicos de por medio”, dixit. Pode existir maior impiedade? Nun país cunha saúde democrática aceptábel, o voceiro quedaría deslexitimado para calquera función pública. O tamén deputado Pablo Casado, estrela emerxente das Novas Xeracións, tampouco se quedou curto cando, con desleixo, cualificou a memoria histórica como “as batalliñas dos avós”. Hai que pasar páxina, si, pero primeiro hai que ler a páxina. Non hai que abrir vellas feridas, non, paro antes hai que curalas.

Ascensión Mendieta acaba de cumprir 91 anos soterrando con dignidade ao seu pai, Timoteo. Tiveron que pasar case oito décadas, moito tempo. A súa loita por ofrecerlle unha sepultura digna levouna a preguntarse en voz alta: “Quen non entende iso?”. O certo é que a dignidade e o exemplo desa muller quedarán para sempre escritas nas páxinas máis lúcidas e dignas da nosa historia recente.

Acerca de Francisco Xavier Redondo Abal

Bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela