0 Gardados para despois

L. C. Carballal

E pur si muove

(Primeira e derradeira contestación a Luís F. Figueiroa)

Prezado homónimo:

Si, compartimos nome. Aínda que eu prefiro a forma: Lois, perfeitamente documentada nos textos galegos antigos, viva como apelido e tamén como topónimo. Mais como non se usa en portugués, supoño que o lusismo non a considera “bo galego”.

Ben, entrando en materia: o galego pode ser moitas cousas segundo o opinador, porén realidade só hai unha. Na miña defensa debo dicir que non teño a culpa de que a Romanística actual non concorde cos postulados lusistas, porén é o que ten a ciencia: que se basea en datos e non en ideais. E a Lingüística é moi clara ao respecto:

Se galego e portugués son o mesmo, que sentido teñen os doctorados de galego nas universidades portuguesas e brasileiras, amais doutras universidades de España, Europa e América? E por que a Universidade de Lisboa ten a Catedra de Estudos Galegos fóra do Centro de Literaturas e Culturas Lusófonas e Europeias?

O Lexikon der Romanistischen Linguistik (1988-2005), a máis moderna e extensa enciclopedia da Romanística actual en 12 volumes, dedica o vol. VI-2 a “Galegisch e Portugiesisch”, e os anteriores dedícaos a “español, aragonés e asturleonés” (vol. VI-1) e a “occitano e catalán” (vol. V-2). Como se ve a moderna Romanística tamén ampliou horizontes para outros “dialectos”.

The Oxford Guide to the Romance Languages (2016), compendio de Romanística ben recente, na súa descrición das diferentes linguas romances dedica o cap. 23 a Galician and Portuguese. Polo que parece, a prestixiosa Universidade de Oxford tamén separa ambas as variantes.
Isto son datos, non opinións. Dun lado a Romanística actual –a antiga consideraba o galego como dialecto, ora do portugués, ora do castelán; no entanto a ciencia lingüística avanza, aínda que non ao gusto de todos–, coas tres universidades galegas á cabeza, defendendo unha separación actual entre ambas as variantes do galego-portugués, que implica as súas descricións por separado. E do outro: a Academia Galega da Língua Portuguesa, a Associaçom Galega da Língua, o Movimento Defesa da Língua, A Gentalha do Pichel etc.; negando esa separación e considerando o galego como forma dialectal do portugués, de acordo coa rancia clasificación tradicional da Romanística.

Seguro que coñece o dito: “o movemento demóstrase andando”, daquela permitirame que co seu texto demostre o que afirmaba no meu artigo sobre a problemática da ortografía portuguesa cando é usada por galegos. Gustaríame aclarar que non o fago con ánimo vingativo, senón meramente exemplar. O seu texto, seguindo a ortografía portuguesa que defende, incorre nos seguintes erros a respecto desa mesma ortografía. Así na acentuación: e porque? (correcto: e porquê?), quando nós achegamos (quando nos achegamos), é (conx.) (e), fossemos (fôssemos), alguem (alguém), toponimia (toponímia), vás (vas; pois “vás” é Pres. de Conjuntivo correspondente co gal: vaias) e irredutiveis (irredutíveis); no uso do trazo: Cabo-verde (Cabo Verde) e contarche (Port:contar-te, Reint: contar-che); na inclusión de “dialectalismos” galegos: em verdade (na verdade), cousa (aínda que coido que este galeguismo recibe a graza de non estar proscrito), seica, teimuda (teimosa), escolheches (escolheste), podo e poda (posso e possa), coma ti (como tu/você), fum (fui), hai (há; cóase o galego ao menor descoido), dim (dizem: tamén usado), mais ainda (mas ainda: tamén usado), nom (não: tamén usado), fas (fazes) e fai (faz) (mais tamén aparece: fizeram) e hoxe…, manham… (refrán con mestura ortográfica); na morfoloxía: uso indistinto de “te” ou “che” (Ex.: dizer-te, que che diga, que mais te podo dizer, falar-che, soltam-che, contarche e que te vou contar); e tamén se coa algún castelanismo: por todas partes (por todas as partes) e em todas partes (em todas as partes) e qualquer destas conclusões (quaisquer destas…). Se cadra comprende que se vostede comete estes erros, sendo filólogo, o cidadán común non o vai ter máis doado. Por certo, comeza o seu texto chamándome: “Carballal”, e remátao mudándome o apelido: “Carvalhal”; prefiriría que ficase tal como figura no meu DNI, abondo teño coas correccións castelás en: “Carvajal”.

Polo seu texto vexo que á parte do nome tamén coincidimos en ter familia en Lugo, dun concello próximo procede a miña, mais nunca ouvín pronunciar ditongo nasal ningún na zona, eles sempre din: “mai” e “irmao”, como tamén: “ti”, “el”, “cas” (pl. de can) ou “bon” > pl. “bos”, por poñer outros exemplos.

Por último, aproveito o presente texto para me defender das críticas recibidas polos meus artigos que me acusan, coido que algo inxustamente, de ser fiel defensor da ortodoxia normativa da RAG, cando eu me considero modestamente crítico coa normativa vixente, tal como pode comprobar quen quixer ao ollar os meus textos sobre o galego no blogue: Debullando a fala, escritos dende hai varios anos.

E remato co inicio dun coñecido poema de C.E. Ferreiro, para quen quixer entender, entenda:

Lingoa proletaria do meu pobo / eu fáloa porque si, porque me gosta, / porque me peta e quero e dame a gaña / porque me sai de dentro, alá do fondo / dunha tristura aceda que me abrangue / ao ver tantos patufos desleigados, / pequenos mequetrefes sin raíces / que ao pór a garabata xa non saben / afirmarse no amor dos devanceiros, falar a fala nai, […].

Acerca de L. C. Carballal

Levo case media vida dedicado ao estudo e á defensa do galego, dende a miña posición de amador, polo que procuro axudar, alá onde me acollan, no desenvolvemento e defensa do galego, dende a miña modesta situación. Actualmente tamén colaboro co proxecto de nomenclatura científica que está a desenvolver A Chave