0 Gardados para despois

Carmela Docampo

Demagoxia laranxa

O partido Ciudadanos acaba de presentar unha Proposición de Lei para regular o que eles dan en chamar “Dereito á xestación por subrogación”. Moito se leva escrito sobre que nome é o máis axeitado para definir esta práctica reprodutiva. Ventres de aluguer, sen dúbida é o máis entendible, aínda que non é de todo exacto xa que na xestación subrogada non se aluga por nove meses só o ventre da muller. Alúgase por moito máis tempo o corpo enteiro. Alúgase a muller no sentido amplo da palabra, por un espazo superior aos nove meses. Á xestación propiamente dita temos que engadir o período de preparación e o postparto, este último estado que parece que se pasa por alto e que todas as mulleres que parimos sabemos perfectamente que é un período complicado que pode deixar secuelas e pode tardar un tempo indeterminado en superarse.

Ademais de escravizar á muller, estabelecendo por contrato entre outras condicións que pode comer e que non ou limitando os seus movementos e controlando a súa vida sexual, debemos engadir a compra do bebe xestado.

A proposta do partido laranxa fala do dereito á maternidade-paternidade.

Ser nai ou pai é un desexo, lexítimo, pero un desexo, que non se pode contrapor aos dereitos das persoas. Querer ter un fillo ou filla xenético tampouco é unha necesidade. Neste punto podemos pór na balanza o tema das adopcións. Os nenos e nenas nadas que teñen dereito a ser atendidas, educadas, queridas por pais e nais que necesitan ver realizado o seu desexo de maternidade-paternidade. É certo que temos un sistema de adopcións pouco áxil, burocrático, complicado e caro pero debemos incidir para que se lexisle facilitando todos os trámites, acortando os tempos de espera e conxugando os dereitos fundamentais das nenas e nenos cos desexos das nais e pais que queren formar unha familia.

O dereito a decidir da muller sobre o seu propio corpo e a súa maternidade.

Anos de loitas feministas custou conseguir que a muller teña dereito a decidir sobre o seu propio corpo e a súa maternidade. No contrato de subrogación que propón Ciudadanos, a muller xestante renuncia a estes dereitos, co compromiso de reprimir as emocións e afectos que poda chegar a sentir polo neno ou nena que enxendra, como se dunha máquina se tratara.

Non é ela a que toma as decisións. Coa sinatura do contrato, a muller debe someterse a unhas duras exixencias. Renuncia ao dereito a arrepentirse durante o proceso de xestación e deste xeito ao dereito ao aborto. Os dereitos individuais son irrenunciables e intransferibles, os das mulleres tamén.

Altruísmo con compensación económica

O partido de Rivera intenta enmascarar unha situación mercantil alegando á boa vontade das mulleres xestantes, que recibirán unha compensación económica para gastos varios. Falacia para intentar colar ás empresas intermediarias que sacarán beneficios económicos e protexer ao mesmo tempo o modelo capitalista e patriarcal que fomenta a desigualdade de xénero.

Como feministas e militantes de Podemos, sabemos que a regulación dos ventres de aluguer non é unha demanda social senón que obedece ao interese por abrir un novo mercado que se prevé moi beneficioso para as empresas intermediarias.

Podemos é un partido de esquerdas para o que a igualdade de xénero é un eixo fundamental e o sistema capitalista un lastre.

Acerca de Carmela Docampo

Carmela Docampo Paradelo (O Barco, 1960), é secretaria xeral do Círculo O Barco e responsable da área de feminismos de Podemos Galicia. Vencellada dende moi nova aos movementos sociais, e especialmente ao feminismo, fixo parte do "NON Á OTAN", "NON Á GUERRA" ou das ANPAS na defensa do ensino público, entre outros.