0 Gardados para despois

Henrique del Bosque Zapata

O ceo escureceu para agachar a procesión do “coño insubmiso”

A caza de bruxas que tivo o seu momento álxido en Europa durante os séculos XVI e XVII procurou entre os seus obxectivos o sometemento da muller por medio do uso sistematico do terror. A tortura e o lume, o sadismo e o fanatismo dirixíronse contra un sexo para que durante xeracións o medo ficase gravado na mente e na carne da metade da poboación. Medo e submisión que seguen a arruinar miles de vidas en todo o planeta séculos despois. O que se odiaba outrora segue a odiarse hoxe e, por isto, ofende e desafía un coño exhibido en manifestación un 1º de maio en Sevilla. Houbo un manual para guiar aos cazadores de bruxas, o Malleus Maleficarum (Martelo de Bruxas), martelo que golpea hoxe a Rocío Ballesta e a outras dúas súas compañeiras perseguidas política e ideolóxicamente por seren mulleres. Porque o valor de colocar un coño en alto asusta e desafía os valores dun patriarcado que sempre achou pulo e acougo nas relixións.

Unha acusación particular exercida pola Asociación de Avogados Cristiáns; e coma sempre as relixións; antes e agora; calquera relixión. A relixión sempre tende a instaurar teocracias, a dirixir e decidir sobre a vida e a morte. Mulleres feministas acusadas do delito contra os sentimentos relixiosos, vía artigo 525.1 do Código Penal, coma se moitos dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias non ofendesen os sentimentos e a dignidade da muller. Pregunto que acontecería se as igrexas e comunidades relixiosas estabelecesen a competencia para desempeñar cargos ou funcións nas súas estruturas en base a criterios raciais. Sería intolerabel, mesmo xuridicamente. Porén permítese e tolérase que exclúan e discriminen á muller, que a consideren non apta para exercer as función de dirección, que lle impidan o exercicio de posicións de relevancia. Permítese que se continúe a predicar contra da igualdade. Aínda, a muller, ten de ir ataviada con marcadores de poder! Os dereitos humanos burlados en aras da inmunidade e da impunidade de comunidades que gozan do triste privilexio de estaren exentas de respectar a democracia.

Ofensa contra os sentimentos relixiosos: delito de base ambigua, imprecisa, indeterminada, axeitada para blindar os dogmas; para perpetuar ese oscurantismo e misterio tan caro a sacralidade fronte ao mundo do profano; para que a ameaza da persecución sobrevoe a sociedade e a amedrente.  Delito de blasfemia, o de toda a viva, o de todos os tempos desde que as relixións acadaron simbiotizar coas estruturas do poder político e económico. Suficiente para que a Audiencia ordease reabrir a causa porque a procesión “constitúe un escarnio ao dogma da santidade e virxinidade da Virxe María” ou “un aldraxe a quen profesan a relixión católica utilizando o Credo con expresións de contido sexual, vexatorias e humillantes”. Mais precisamente se algo incuestionábel e indiscutíbelmente reclama o feminismo é a fin de todas as aldraxes, vexacións e humillacións, é dicir, un berro pola liberación e a emancipación de todas e de todos.

Anotaba Slavoj Zizek no seu libro La nueva lucha de clases que o capitalismo global xa non precisa dos valores de Occidente e que a esquerda está a ser pusilánime na defensa dos mesmos. Certamente, mais o patriarcado é quen de se agachar baixo mil faces, prácticas, discursos e racionalidades, incluída a occidental. Os dereitos de cidadanía excluíron até hai nada a muller nas nosas latitudes. Seguen a ser unha ficción en medio mundo. No proceso de domesticación social que estamos a vivir, por mor do medo das elites privilexiadas a unha reacción fronte ao infame desposuimento que a maioría social está a padecer, a muller é un obxectivo prioritario a bater nesta involución. Retorno aos roles clásicos para afianzar os medios de dominación nos que a supremacía do masculino fai parte esencial do amortiguador contra a posibilidade doutro mundo e impedir o cuestionamento sobre a necesidade de transformar algo. Gratificación non só símbolica, senón tamén eficazmente material e que as relixións sempre foron tan expertas en outorgar.

En Sevilla xúlgase a valentía de ser muller, de ser feminista. Non se xulga unha ofensa; xúlgase a rebelión, a ousadía, a insolencia contra o poder. O seu acto foi un desafío de resistencia e de dignidade que nos libera da superstición, do integrismo e da hipocresía. Gustave Flaubert foi procesado porque o seu personaxe, Emma Bovary, non puido ser condeada como todas as que padeceron e padecen o odio e o fanatismo patriarcal. En Sevilla convocaron un “Aquelarre Feminista con saída ás 11:00 horas desde a Plaza del Pumarejo, e que non foi comunicado á Subdelegación do Goberno”. Un aquelarre de dignidade, de esperanza e de combate que topou coa herdanza das diversas Inquisicións que existiron e que seguen vixentes por todos os continentes.

Acerca de Henrique del Bosque Zapata

Mestre de ensino medio e ensaísta.