0 Gardados para despois

Diego Sande Veiga

Cara a onde camiñan as Eurocidades?

As Eurocidades nacen como acordos entre municipios próximos, vinculados historicamente pero pertencentes a distintos Estados da UE. Estas están baseadas no principio de compartir recursos e sinerxías para a promoción conxunta. O seu obxectivo no longo prazo consistiría, pois, en converterse nunha única cidade cun só goberno.

Actualmente existen no Estado español seis Eurocidades: Bayona-San Sebastián na fronteira con Francia; e Badajoz-Elvas, Guadiana, Chaves-Verín, Salvaterra-Monção e Tui-Valença na raia lusa. Se ben a existencia de todas elas é unha mostra evidente dos esforzos realizados no eido da cooperación  transfronteiriza, sen dúbida destaca o caso galego-portugués con tres Eurocidades. Na súa conformación interviñeron, entre outros axentes, tanto as administracións locais como a AECT Galicia-Norte de Portugal. As AECT son agrupacións de entes territoriais, con personalidade xurídica propia, que teñen por misión fomentar precisamente esa cooperación transfronteiriza, transnacional e interrexional coa fin de reforzar a cohesión económica, social e territorial (Tratado de Funcionamento da UE. Diario Oficial da Unión Europea, art. 175, de 26 de 10 de 2012, páx. 127).

Cada unha das Eurocidades galegas presenta contextos e realidades diferenciadas. Así, Chaves-Verín, a pesar da distancia xeográfica entre os dous principais núcleos poboacionais que a conforman, exerce a súa influencia en máis de 100.000 habitantes se temos en conta os territorios do Alto Tâmega e de Monterrei-Verín. Ambas cidades acordaron colaborar nos campos da cultura, o deporte, a educación, entretemento, ordenación do territorio, patrimonio, protección civil, saúde, turismo, aproveitamento e protección do río Tâmega, do medio ambiente e dos recursos naturais. Esta colaboración materializouse en proxectos como a Eurorrexión Termal e da Auga, a Gobernanza Experta en Conurbacións Transfronteirizas ou a Valorización do Corredor Ambiental do Río Tâmega, entre outros.

A Eurocidade Tui-Valença foi a segunda en ser constituída. Esta unión considerouse desde a Xunta de Galicia como unha oportunidade económica, comercial, empresarial, tecnolóxica, turística e académica para ambas poboacións. Se ben neste caso non existe a barreira da distancia quilométrica do caso anterior, si que separan ás dúas poboacións, ademais do río Miño, razóns históricas que están aínda enraizadas en moitos dos seus habitantes. A pesar da existencia de proxectos comúns (algúns deles de dubidosa rendibilidade coma o tren turístico), destaca a chamativa circunstancia da ausencia dun transporte público combinado entre ambas poboacións -actualmente só é posible ir de Tui a Valença nun vetusto tren con dúas frecuencias diarias, non coincidindo estas cos enlaces de transporte para outras localidades desde a estación lusa, unha clara programación para a eliminación do servizo-. En efecto, a mobilidade entre ambas poboacións só existe de forma limitada e para determinado tipo de actividades. Así, os relevantes mercados de comercio que ambas localidades celebran contan con clientes de ambas as dúas beiras do río, pero non se produce a mobilidade entre os traballadores destes da mesma maneira. A pesar da existencia dunha facultade de Xestión de Empresas en Valença do Instituto Politécnica de Viana do Castelo, os tudenses e estudantes de poboacións veciñas non consideran realizar estudos universitarios alí e si en Vigo ou Pontevedra. De igual maneira, se os estudantes portugueses quixesen matricularse nos ciclos de formación ofertados na beira galega, non terían máis que problemas. A cooperación no ámbito sanitario é tamén moi limitada, aínda que existe algunha iniciativa de atención transfronteiriza. Pero…que mellor maneira de poñer en valor o fantástico patrimonio histórico e cultural de Tui que facilitando a mobilidade e interacción plena cos veciños do sur que facilite os fluxos monetarios e estimule a creación de comercio local nun casco histórico necesitado de reformas normativas e de rehabilitacións? Sen dúbida unha actuación na liña de aumentar a oferta para os visitantes facilitaría a introdución da cidade en maior cantidade e calidade de circuítos turísticos.

O terceiro e último caso que xurde en Galicia é o da Eurocidade Salvaterra-Monção, se ben as dúas cidades quedaron ligadas xa o 29 de marzo de 1.995 coa construción da Ponte Internacional que as une. Nesta unión destaca a proximidade dos máis de 20.000 metros cadrados do Pólo Industrial da Lagoa, xunto á vitucultura dous dos elos dinamizadores fundamentais do territorio. A zona industrial, situada próxima a Monção, estimula o tráfico de mercadorías, a prestación de servizos e o fluxo de traballadores galegos cara territorio luso. O goberno do país veciño logrou poñer en circulación gran cantidade de solo industrial a prezos moi reducidos, incorrendo nun dumping que xa non é só salarial, mentres da beira galega os terreos da Plisan nas Neves non tiveron máis que dificultades xurídicas para ser postos en marcha.  

Tal e como pode observar o lector, existen dificultades que cómpre enfrontar. Sen embargo, son moitas as áreas nas que é posible colaborar e as potencialidades económicas destes territorios son enormes. Por que non afondar nelas un paso máis tratando de avanzar cara ese obxectivo de converter ás Eurocidades en experiencias plenas de cooperación transfronteiriza e, por que non dicilo, en auténticos laboratorios para futuras experiencias Eurorrexionais? Non somos quen de ver que a planificación e a toma de decisións futuras das políticas poderán vir determinadas por novas configuracións espaciais máis eficaces e eficientes, e diferentes ás actuais?

En caso de non tratar estas cuestións estaremos condenados a, no mellor dos casos, tratar de perpetuar o actual modelo de xestión que converte a estas entidades locais en agrupacións de interese económico realizadas única e exclusivamente para captar unha certa cantidade de Fondos Europeos que se materializarán en proxectos puntuais e sen continuidade no tempo.

Por que non dar un paso máis e abordar as medidas estruturais necesarias para avanzar?

Acerca de Diego Sande Veiga

Doutorando no programa de Economía e Empresa da USC, onde se licenciou en Administración e Dirección de Empresas. Traballador do ámbito público cun percorrido que, dentro da súa xuventude e entre outras experiencias, inclúe xa o paso pola empresa pública, pola administración autonómica e por dúas das universidades do SUG. A súa conciencia social móveo a participar activamente e desde moi novo no terceiro sector e a estar atarefado na construción doutra Galicia, doutra Europa e doutro mundo que si son posibles.