Marea vs coalición

O Plenario de EnMarea chega despois de 6 meses (será o terceiro en 2 anos) dende que a plataforma de unidade popular fora enunciada. 

Chegamos a el tras unha xeira errática e inoperante impropia dunha alternativa que tivo o apoio electoral de centos de miles de persoas e o compromiso de centos de cadros políticos e activistas sociais,  e que logrou meter esperanza e ilusión en corazóns e mentes duramente abaneados pola coxuntura política e a ineficacia das organizacións preexistentes.

Chegamos tras un camiño tan cheo de obstáculos e trapelas que asombra comprobar os folgos da xente encargada de tirar do carro, a súa férida vontade e a súa aportación inxente de xenerosidade e paciencia.

O resume –a ver se podo ser sintético—é unha iniciativa que comeza coa definición do suxeito político galego (soberano) que xunte vontades e esqueza procedencias, que supere a división artificiosa e desproporcionada entre nacionalistas e a esquerda organizada no ámbito español. Que asente no recoñecemento das plataformas de unidade popular ou iniciativas municipalistas plurais que tiveron en conxunto un grande suceso nas eleccións de 2015. Que teña na máxima de unha persoa un voto, a adscripción individual e o dereito a decidir todo dende abaixo uns principios irrenunciabeis.

Pois ben, acó chegamos.   A primeira asemblea posibel foi a de Vigo o 30 de xullo, que en síntese grosa significou a vontade de todas as persoas adscriptas de tirar para diante, organizar o suxeito político, dotalo de órganos e abordar a batalla política das eleccións galegas.  Logo, en decembro en Santiago,  foron elementos centráis a preparación das primarias e desmontar a intención de incompatibilizar a Luis Villares como Voceiro orgánico.  A asemblea foi tan clara que a proposta limitadora foi derrotada por 10 votos por cada un.

Despois, foi a intención de LV e outra xente de que dende a propia Coordinadora Provisional fose consensuada unha lista con pretensión de única ou polo menos claramente representativa, que integrase todas as sensibilidades organizadas ou non, no bon coidado do obxectivo común da consolidación e avance do suxeito político.

Os que perderon na asemblea de decembro quixeron emendala mediante un documento político ou programa electoral, que chegou a aceptar resignada e xenerosamente o propio LV pese a ter na propia lista convencidos apoios, ademáis do propio Xosé Manuel Beiras.

A lista Máis Alá non logrou ser a lista do consenso (houbo outras dúas) e non tivo o resultado esperado, acadando o 58%, mentras o resto, defensor da voceiría na persoa de Villares, atinguía  o 42%.   Isto é, para unha coordinadora de 11 persoas, o reparto de 6 – 3 – 2.  Na lista gañadora, á que lle cumpría a iniciativa, pretenderon algúns non respectar a proporcionalidade  (concepto matemático indiscutibel e exacto), propoñendo  9 – 1-  1,  baixo o argumento de demasiada coincidencia ideolóxica de persoas dunha e outras listas.

O resto, sabemos, meses de inoperancia orgánica, presións, ameazas de abandono e mesmo autoexclusión.

Todo isto é a crónica, feitos que creo ninguén discute, por máis que lle achegue eu algún xuizo de valor. 

Mais, cal é o debate de fondo?.  Non podemos ser tan ilusos de crer que non o hai, e pararnos en cuestións orgánicas e particularísimas.  Hai unha cuestión de fondo, si.  Xa dixen noutros artigos que verdadeiramente estamos na confrontación entre os que promoven a marea galega transformadora, e aqueles que queren mantela como etiqueta cidadán da coalición de partidos, os “actores principais”, isto é Anova, EU, Podemos (b) coa axuda intensa da Marea Atlántica coruñesa.

Fixemos outros dados da situación, coido que pouco discutibeis.

a) En Marea a coalición que se presentou ás eleccións Xerais nas dúas ocasións, foi produto dun acordo de tres partidos, está integrada normativamente no grupo de Unidos-Podemos e anda por libre, sen beber na organicidade galega de En Marea a súa actividade parlamentar. A moción de censura de Podemos anúnciase sen falalo coa “confluencia” galega, e preséntase sen agardar á consulta realizada coas persoas adscriptas á organización galega.
b) Podemos (a súa SX en Galiza) di non estar en En Marea, nen apoiala, deixando iso si liberdade aos  membros que participan a título individual.
c) Esquerda Unida non apoia a En Marea, critica a sua conversión en partido  de adscripción individual e mesmo non asistirá ao Plenario.
d) Anova celebra a súa asemblea nacional e desmárcase da liña seguida polo Consello e Coordinadora a cuxa fronte está Luis Villares. A organización Xeira da mocedade afín declara unha guerra santa contra Villares e a Coordinadora.
e) Marea Atlántica e os tres alcaldes promotores (non na mesma medida) acusan á Coordinadora de falla de representatividade.
f) Anova convoca o seu propio 25 de Xullo, sen agardar nen propoñer algo que tamén debe facer En Marea.
g) Podemos difire de En Marea diante da convocatoria do referendo catalán.
h) A Coordinadora Nacional de Anova aproba un documento de 10 puntos en que pretende definir o que ten de ser En Marea.  Está na súa páxina web e pódese ler, para comprobar que se trata dunha enmenda á totalidade da En Marea, Consello e Coordinadora existentes, asi como do seu Voceiro Luis Villares.  

A oposición á maioría do Consello, Coordinadora e Voceirías non deixan sitio para criticar a deixación da defensa do suxeito político fronte a actuacións negadoras, na invisibilización de Galiza na actividade parlamentar no Congreso por parte do subgrupo En Marea do grupo Unidos-Podemos. Nengún sitio para criticar a toma de decisións, posicións políticas de enxundia (freo a un goberno do PSOE-C´s, moción de censura, integración no propio grupo de Podemos etc.)  Tampouco non critican a elección a dedo de candidaturas para as xeráis, a inexistencia de calquera información ou dación de contas en canto a nomeamentos, xestión económica ou decisións orgánicas e designación de responsabilidades.

Nengún comentario á continua discriminación e desprezo do propio suxeito político En Marea e ao seu Voceiro Luis Villares, preterido e ignorado nos actos organizados polos presuntos aliados, chámase mobilizacións pro-censura na Puerta del Sol madrileña, a constitución do partido En Comú en Barcelona, a celebración dos dous anos de mandato das mareas municipalista.  Sitios e ocasións elas en que nen se convidou a falar, nen se citou a súa presencia, nen se aludiu á organización “confluínte” En Marea. 

Fronte a iso, dende o 2 de abril en que responsabel e valentemente a maioría do Consello decidiu poñer en marcha toda a actividade de lanzamento da organización, sucedeuse un inmenso traballo, ducias de encontros con mareas locais existentes, con grupos de persoas en muítisimas localidades (lembren, participación), creáronse muitas plataformas municipalistas en localidades onde non as había, celebráronse encontros e debates sectoriais, activouse a comunicación, serviuse a páxina web e publicouse –e segue a publicarse—toda canta información se produce (lembren, a transparencia), consultouse á conxunto de adscriptas sobre a moción de censura (lembren, obrigas da democracia radical), organizouse un plenario con información, documentación e oportunidades para todas…

E este Consello, libre e democráticamente elexido, e esta Coordinadora, elexida por maioría democrática e rotunda de 35 persoas libres son criticadas porque seica están por un partido clásico, queren reinventar un partido nacionalista e desprezan ás mareas municipalistas.    O mundo ao revés.

Nengunha referencia desta pura e racional oposición ás contradicións cos aliados principais, non atopando nengún problema en que no único asunto que hoxe cuestiona o réxime do 78 e todo o tinglado constitucional correspondente é a enorme mobilización catalana e a proposta do referendo do 1 de outubro, ao que se opón firmemente o noso aliado principal, mentres En Marea, o seu Consello, a súa Coordinadora e as súas Voceirías apoian sen dúbidas o dereito a decidir de Catalunya.   Mais oh!  os que se alonxan do rupturismo son éstes e non aqueles.

O dito, que maneira de invertir a lente, ou como agora tiran os paxaros ás escopetas.

Non obstante En Marea vai, con documentos, con cadros, con apoios de base, con visión de futuro, con apoio total e defensa das plataformas municipalistas e a súa soberanía, con maioría de activistas que non teñen outra adscripción partidaria e respectan o papel dos partidos. Con planes de futuro.

O Plenario do 15 de Xullo lanzará En Marea, o suxeito político da xente libre, muito máis alá da lóxica da coalición de partidos que ata agora os opositores, que tiñan antes  o control, obrigárona a ser.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.