0 Gardados para despois

Ramón Veras Castro

Só sumando é posible construír enmarea

Só sumando é posible construír unha enmarea útil para a cidadanía, capaz de presentar unha alternativa ao PP e con potencia suficiente para cambiar o sistema. Porque fai falta moita forza e sumar multitudes de xente, de creatividade, de xenerosidade e de ilusión para ser unha alternativa ao poder actual.

Resulta imprescindible cambiar o sistema no que vivimos ou non nos van deixar nin respirar. O cambio climático, os acordos comerciais transnacionais en beneficio exclusivo das grandes empresas e contrarios ás persoas, a persecución das máis vulnerables como son os refuxiados, a morte de miles de persoas nas barcazas da mafia intentando chegar a Europa, a lei mordaza, a precariedade laboral ilimitada e consentida, mesmo alentada, polos nosos gobernos, a desaparición política de Galiza, a progresiva dependencia económica galega, o devalo demográfico intensificado coa marcha da xente nova, coa marcha do futuro, a vertixe na que vive o noso idioma galego, a nosa cultura...

Ante isto como é posible que haxa xente que a súa preocupación exclusiva sexa boicotear e deslexitimar á dirección ata que recupere o xoguete. Primeiro foi a ilusión transformada en frustración de non crear un grupo parlamentar propio. Despois veu a acción constante de freo da creación dunha enmarea galega, de adscrición individual mesturada con pluralidade. Así foron os feitos dunha parte de enmarea: non participación nas direccións, críticas constantes nos medios de comunicación, a desaprobación de todo, a desautorización persistente, sen importar o futuro de enmarea, e ao mesmo tempo non entregar as claves da web ou do acceso ao censo ou... calquera acción era boa para boicotear.

Se enches a boca de palabras (como espazo aberto, asemblearismo, mestizaxe, escoitar, horizontal, transversal, ruptura, radicalidade...) intentando apropiarte delas, cando son libres, de todas e non teñen dono, non estás sumando, máis ben estás falando de parte, construíndo un muro, unha nova secta.

A maioría do Consello das Mareas e a Coordinadora, constituída o 2 de abril de 2017 leva tres meses, só tres meses de traballo, intenso, sempre aberto e inclusivo co grupo minoritario no Consello. Ofreceron rendición de contas en moitas comarcas e informaron de súa actividade neste tempo:

  • Fixación da posición política como enmarea sobre múltiples temas (financiamento, feminismo,...), con particpación en todas as mobilizacións da sociedade galega.
  • Convocatoria dunha consulta sobre o apoio á moción de censura no congreso, afirmando deste xeito a autonomía da organización e sometendo a decisión á votación das inscritas.
  • Realización de xornadas sectoriais de enmarea (feminismo, sanidade,...).
  • Transparencia: Publicación das actas da coordinadora e do consello político, que será a primeira vez que sucede en enmarea (e penso que en calquera organización política).
  • Apoio á creación de mareas locais nas vilas onde non hai actualmente, sempre con respecto absoluto ás decisións das mesmas e coa opción de crear espazos de colaboración comarcal (que tampouco estarán por riba das decisións locais).
  • Introdución de cambios en comunicación, na páxina web, redes sociais, próxima creación dun boletín semanal cunha escolma de novas. 
  • Creación na nova web/intranet dun espazo propio para apoio e debate das mareas locais: banco de ordenanzas, asistencia técnico-xurídica, foro de novas para poñer en común diferentes temas, charlas formativas...
  • Realización de 3 contratacións de modo temporal ata o Plenario (para a web, asistencia técnicoxurídica e un administrativo). A partir do Plenario farase unha RTP con criterios claros de contratación, cun procedemento aberto e será decidido por un tribunal no que participarán a coordinadora, consello e unhas persoas (seleccionadas aleatoriamente entre as que se propoñan) en representación das inscritas.
  • Colaboración leal coas outras organizacións afíns como Podemos e as chamadas confluencias.... 

Os críticos responsabilizan á Coordinadora de converter enmarea nun partido caduco, vertical, sen ideas e fracasado, nun novo partido do réxime. Impresionante! Todas estas maldades en 3 meses! A crítica extremada recibida só se explica pola loita polo poder orgánico. Falan de organización líquida pero o poder é concreto, non é líquido. Algúns pensaban que enmarea era o seu xoguete e non aceptan compartilo.

É preciso lembrar que os cargos orgánicos da Coordinadora non son remunerados, tal como se aprobou no Plenario de Compostela o 17 de decembro de 2016. Non hai 'liberados' en enmarea, na actualidade, fronte á proposta dos que din querer ‘recuperarenmarea’, que si recuperan as adicacións exclusivas, como os partidos clásicos (do réxime).

A intención da maioría do Consello das Mareas e da Coordinadora foi construír unha organización horizontal, participativa, crítica, transparente e viva, na que todas as persoas se poidan sentir incluídas.

Debemos ser conscientes de que enmarea será forte na medida en que saibamos convivir e enriquecernos mutuamente desde as diferentes sensibilidades, pero sen esquecer que somos unha organización soberana.

Non podemos volver atrás, o futuro non está nunha enmarea repartida en cotas da coalición de partidos. Non podemos aceptar o regreso de grupos dirixentes guías do proceso transformador. A unidade popular, a ilusión de moitas, deséñase cunha enmarea de adscrición individual, na que poidamos convivir, pensar, innovar e participar todas as persoas que queremos unha sociedade libre e solidaria, que non aceptamos as reglas de xogo dos de ‘arriba’ e que queremos que esta organización represente e decida en e desde Galiza para o mundo.

Só sumando é posible crear e gañar.

Acerca de Ramón Veras Castro

Médico de familia no CS San Xosé (A Coruña), participa no movemento SOS Sanidade Pública