En Marea: Casandra e os soños secuestrados

Creo que vivir é tomar partido. Quen verdadeiramente vive non pode deixar de ser cidadán nin de tomar posición. A indiferenza é abulia, é parasitismo, é covardía, non é vida. Por iso, odio aos indiferentes. A indiferenza é o peso morto da historia. É a bola de chumbo para o innovador e a materia inerte na cal frecuentemente se afogan os entusiasmos máis esplendorosos.

Antonio Gramsci

Anticipar as consecuencias de actos propios e alleos é unha parte indispensable da política. Algo así aconteceulle a Casandra, filla de Príamo, rei de Troia, que anticipou a aniquilación da súa nación sen ser capaz de mudar as consecuencias deses pesadelos. Dende aquela referímonos á chamada síndrome de Casandra, que atravesa aqueles elementos que podemos anticipar pero que non conseguimos impedir. Algo parecido acontece hoxe no espazo de ruptura en Galicia.

Moitas veces os nosos soños baten contra muros inesperados, son secuestrados pola potencia dos acontecemos. Na análise da navegación temos a cartografía, unha carta de navegación, a decisión de cara onde queremos ir. Os mariñeiros non elixen a tormenta, pero saben que o máis perigoso cando se atopan con ela consiste precisamente en non facer nada. En política non todas as decisións dependen do que un consegue planificar, é necesaria unha certa elasticidade, da mesma maneira que para impedir o naufraxio hai que tomar decisións inmediatas e operar con pericia. Pero sen perder de vista o obxectivo final, chegar a porto. Existen semellanzas coa política: optar por diferentes vieiros, e sobre eles debullar a análise concreta da situación concreta.

Estamos volvendo a aquel vello enunciado no que, para gañar a maioría social, debemos caer no morno extremo centro. A posición ideolóxica parte dos postulados dunha lectura dun nacionalismo cativo, cun ADN autonomista que no noso país foi sempre anti-independentista, no que para ampliar a nosa base electoral debemos moderar o discurso. Esta hipótese, derrotada social e electoralmente en 2009, hoxe renace como vieiro a seguir, un elemento que garante o retroceso electoral para En Marea, como xa vimos entre o 20D e o 25S cunha perda de apoios de 137.341 votos. O que aconteceu durante ese tempo ben o coñecemos todos, e non fai falta explicitalo. Perdemos a capacidade de facer oposición contenciosa que tiña AGE, ao mesmo tempo que existe unha manifesta incapacidade en debullar unha alternativa de goberno, deixándonos enredar en propostas convencionais e imprecisas que conectan pouco coa base social que nos trouxo ata aquí. Precisamos, como dicía aquel ensaio de José Manuel Naredo, unha oposición que se opoña.

E logo temos o debate sobre o modelo de organización que queremos, formulado por xente que semella descoñecer que a reivindicación do traballo político remunerado foi unha demanda histórica do movemento obreiro, xa que a finais do século XIX mentres aristócratas e burgueses podían sacar horas para a súa actividade parlamentaria, as xornadas de 12 horas de calquera traballador impedían esa conciliación. A alternativa que se nos ofrece por parte dos relatorios da actual dirección de En Marea non é outra que o que na ciencia política aparece referenciado como partido-empresa: consiste nun centro de decisión reducido, que terá ao seu dispor un asesoramento técnico privatizado. Apoloxía da representación que demostra a incomprensión absoluta do 15M, discurso morno e conciliador acompañado de formulacións orgánicas convencionais. Un precipitado que encarna o peor da vella e da nova política.

E todo isto traerá consecuencias. Non haberá rebelión cívica se na instancia institucional seguimos facendo algo que nunca practicamos, e que é tendencia dende a derrota do 25S: a desconexión co precariado, con aqueles sectores sociais que peor o están a pasar hoxe no noso país, que son a gasolina que activa a resposta da nosa maquinaria electoral. Sen ese apoio popular, nada tería sentido, como tampouco é lóxico deixar de apostar por un proxecto exitoso pola vía morta da complacencia e do status quo. A normalización da crise sen unha canalización política fará que o conflito se canalice doutra maneira. Entraremos nun novo ciclo onde as dores voltarán a ser individuais, domésticas. Un proceso de atomización e destrución da sociedade civil moi avanzado na Galicia do século XXI.

Recuperar En Marea é voltar ao 30 de xullo de 2016 a Vigo, entender a necesidade dun espazo mestizo, partisano, cunha carta de navegación clara, na que se busca a transformación social e a construción nacional. O golpe de timón duns e a baixada de brazos doutros pode levarnos a encallar o proceso, no que a polarización fará que En Marea non sexa o espazo común, senón un partido máis, e non precisamente o mellor organizado nin o que conta cunha posición política máis avanzada e sofisticada.

O sábado temos a ocasión de afondar no debate sobre a En Marea que queremos. Un debate que, seguramente, non fomos quen de abordar coa fondura necesaria, nin de facelo o aberto e transparente que precisabamos. Agora ben, desdramatizar a discrepancia non é sinónimo a minimizala. Non hai nada malo en confrontar dous modelos políticos e organizativos, máis ou menos claros, máis ou menos evidentes, pero dende logo moito máis complexos que algunhas das caricaturas interesadas que se veñen construíndo. Lembremos que onde só hai silencio é, unicamente, onde non queda vida. Desexamos poder volver a soñar o domingo, liberados xa da síndrome de Casandra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.