0 Gardados para despois

Suso de Toro

Vergoña dun galego e dun español

Escribo avergoñado polo Presidente do Goberno de España que se escuda en nacer en Galicia e declararse por iso galego para explicar as súas mentiras.

Non, non todos os galegos somos franquistas nin infames. Non todos os galegos son Franco, Fraga ou Rajoy. Do mesmo xeito que tampouco todos os españois son os dirixentes que tiveron, non son o seu Generalísimo, non son os seus Borbóns, non son Aznar nin son Rajoy. Galegas eran tamén, por exemplo, Concepción Arenal e Rosalía de Castro, os prólogos aos seus libros son verdadeiros manifestos políticos que reivindican a condición de muller escritora, os dereitos da muller, a dignidade das clases traballadoras e, desde logo, a marxinación e espolio da súa patria, así lle dicía ela á súa Galicia ("non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida").

E galegos eran tamén, por exemplo, os fundadores das dúas grandes correntes da esquerda obreira en España, Pablo Iglesias e Ricardo Mella. Pablo Iglesias, aquel neno que falaba a súa lingua, o galego, e emigrou levado pola súa nai a Madrid ata o portal dun nobre galego para pedir a caridade de meter a un dos seus fillos no hospicio para non morrer de fame. E Ricardo Mella, o vigués que argumentou e teorizou unha sociedade xusta e o anarcosindicalismo.

Rajoy é un franquista, un froito paradoxal do trauma que foi a Guerra Civil en tantas familias e que fixo que dun cidadán exemplar comprometido co seu país e os seus problemas que deu forma xurídica ao estatuto galego republicano saísen un fillo e un neto franquistas

Cando Mariano Rajoy se envolve na nebulosa argucia da súa galeguidade infama o país que o viu nacer. Rajoy é un franquista integral que vai máis aló do fascismo español chegando a argumentar que as diferenzas de clase explícanse pola euxenesia. Isto non é unha esaxeración senón unha constatación da súa biografía nunca desmentida nin emendada, un froito paradoxal do trauma que foi a Guerra Civil en tantas familias e que fixo que dun cidadán exemplar comprometido co seu país e os seus problemas que deu forma xurídica ao estatuto galego republicano saísen un fillo e un neto franquistas.

Rajoy é un político que iniciou a súa carreira política nun partido franquista que se opuxo á Constitución e que, deputado no parlamento galego, ausentouse o día que se votou a Lei de Normalización Lingüística que recoñecía a dignidade da lingua propia de Galicia e os dereitos dos seus falantes. Ese é Rajoy, o home que se negou a subscribir iso. É o político xenuinamente provinciano que viaxa a Madrid a servir á corte e realiza con entusiasmo todos os actos de servilismo necesarios para probar que é un español "como es debido", desde acudir ao palco do Bernabeu ata fumar un puro en Las Ventas. Non lle falta de nada.

Rajoy pretende arrastrarnos á súa indignidade a todos os galegos e galegas e ensuciarnos cos tópicos xenófobos acuñados ao longo dos séculos

Adolfo Suárez foi un político franquista que quixo que España e el mesmo deixasen de selo. Rajoy pecha aquel ciclo histórico, á dereita de Suárez desde o comezo da súa carreira acabou sendo o dono da Constitución que combateu no seu día, do Tribunal Constitucional que a interpreta e do estado todo, empezando por unha Xustiza que deixou de ser independente. O verdadeiro espectáculo bufo que vimos desde a Audiencia Nacional espiu non só o servilismo desa institución non xa ao Goberno senón a un partido, o PP. E que a cadea de televisión pública estatal non retransmitise a súa declaración e que a fotografía do Presidente do Goberno non estivese na portada de ningunha das cabeceiras de prensa madrileñas, que se din "nacionais" cando son locais, demostra que o Reino de España deixou de ser unha democracia verdadeira, se algunha vez o foi.

Rajoy pretende arrastrarnos á súa indignidade a todos os galegos e galegas e ensuciarnos cos tópicos xenófobos acuñados ao longo dos séculos desde a derrota e usurpación do trono de dona Joana pola súa tía, Isabel. E continúa no seu labor de degradación da vida pública española, como escribín no seu día (O poder corruptor de Mariano Rajoy).

Sabemos que Rajoy mentiu e mente tanto no parlamento como no xulgado e non pasa nada. E toleramos o espectáculo da persecución da democracia en Catalunya.

O tremendo non é a chulería e o cinismo de quen se sabe protexido por todos os poderes e impune, o tremendo é a impotencia da sociedade española, pois despois de todo o que todos sabemos Rajoy segue aí. Porque TODOS E TODAS O SABEMOS TODO DE TODO, sabemos que Rajoy mentiu e mente tanto no parlamento como no xulgado e non pasa nada. E toleramos o espectáculo da persecución da democracia en Catalunya, o intento de confiscar urnas, a entrada da Garda Civil na Generalitat e o parlamento catalán... Mandarán os xuíces tamén á Garda Civil a rexistrar as Cortes e a Moncloa para atopar probas da corrupción xa coñecida?

Sinto vergoña de que Rajoy se declare galego, a miña condición nacional e o meu destino, e sinto vergoña, como cidadán do Reino de España de que unha persoa así ocupe a presidencia do Goberno. Por iso estou e estarei con quen reclamen democracia, dereito a decidir e unha república. Agora, como antes deste corenta anos esgotados e vencidos, coa democracia.

Cando o 11 de Setembro vexan a esa multitude polas rúas de Barcelona, se é que as televisións e os xornais españois o permiten, non crean que son burgueses codiciosos senón millóns de cidadáns e cidadás orgullosamente dando a cara. Con eles debe estar calquera persoa que sinta noxo ante o espectáculo que protagoniza Rajoy e queira vivir nalgún país digno.

Acerca de Suso de Toro