Un Franco de sacarina

Franco non é unha etapa do landismo. Foi un ditador, retaco e caricaturesco, pero cruel; un asasino con arelas de perdurar lembrado en sangue. En cada unha desas balas cravadas no muro. Un sádico castizo que para España, sempre con esa cortiza tensa de caspa perenne, ben vale. Franco non é unha etapa simpática de turismo e suecas frenéticas, de palios e campións de Europa, de focos sobre Lupe Sino abrazada a Manolete e folclore de Florián Rey. Franco era un señor que mataba bastante ben. Con eficacia.

Cando “Siniestro Total” gravaba “Miña terra galega” eu tiña oito anos. 1984. Ata que souben o que era o Pazo de Meirás pasaron uns cantos máis. De feito, pasei ducias de meses cantando: “Liga Armada Galega y el palco de Sandiás”, non pregunten por que. Entendo que era produto da dislexia intelectual que nos facía pronunciar “chopped” en troques de “young man” cando bailabamos Village People.

Máis tarde si. Entón souben que o Pazo de Meirás pertencía á familia Franco e todo o que iso conleva. Por iso, cando hai uns días coñeciamos a nova de que a Fundación Nacional Francisco Franco conseguía a xestión das visitas a ese Ben de Interese Cultural, comenteille ao meu fillo de oito anos a quen pertencía o Pazo de Meirás -“non palco de Sandiás, Hugo”- e que non debería existir unha fundación dedicada a facer apoloxía dunha ditadura e que traballe para engrandecer a figura dun asasino. Hugo, mentres pasaba a folla, dicía que si e quedaba durmido.

Resignarse a asumir que houbo un Franco de sacarina é unha barbaridade. Ningunha xeración que nos suceda merece medrar con esa sensación. Non hai un Franco edulcorado, nin un Franco riquiño

A contundencia, en ocasións, é necesaria. E aquí, ás veces, parece que non falar do franquismo é moito mellor. Que “mentres estean aí, metidos nunha fundación e non estresen, xa está”. Pois molestan, e moito, cando reciben subvencións públicas arrancadas tamén dos impostos dos que foron asasinados polo ditador, por exemplo. Resignarse a asumir que houbo un Franco de sacarina é unha barbaridade. Ningunha xeración que nos suceda merece medrar con esa sensación. Non hai un Franco edulcorado, nin un Franco riquiño.

Ancha es Castilla. Unha Fundación Francisco Franco existe e imprime lotería de Nadal coa figura do ditador tapado con aquel abrigo de solapas de armiño. “O español de maior relevo mundial desde Felipe II”, din dende a Fundación. Mira que son simpáticos estes cabronazos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.