0 Gardados para despois

Alberte Blanco Casal

Ourense arde

O pasado mes de xuño asistimos impotentes á catástrofe do incendio de Pedrógao en Portugal e xa advertiamos que nese espello deberiamos ollarnos os galegos. A similitude orográfica e a estrutura forestal de Galiza e Portugal, ademais dos problemas climáticos ocasionados pola seca e as altas temperaturas, levábamos a suxerir ese consello. Pero se o normal en países civilizados sería aprender dos erros propios e da experiencia allea parece que tal normalidade está moi lonxe de ser unha realidade no noso país. Nun libriño que publicamos o pasado mes de maio titulado o “O monte galego” faciamos unha diagnose da situación forestal galega, da súa evolución e do impacto dos incendios sobre o noso territorio. Mais tiven que pasar da escrita á experiencia máis descarnada en pouco tempo. O pasado día 3 de agosto os veciños da parroquia verinesa de Queirugás fomos vítimas dun deses voraces incendios, o terceiro consecutivo en poucas semanas. No meu caso as lapas chegaron ata os límites da miña finca ocasionando diversos danos nos muros vexetais que a circundan, ademais dun susto fenomenal. O asunto non foi unha broma e quizais a limpeza superficial, se ben insuficiente, das fincas limítrofes impediron unha traxedia de maior envergadura. Un dano aínda maior ocorreulle a varios veciños propietarios de colmeas e dunha explotación de oliveiras arrasadas polo lume, sufrindo cuantiosas perdas.

O tema forestal xa foi tratado en profundidade por diversos expertos e axentes sociais e queda pouco espazo para a orixinalidade. Sen embargo, nos últimos anos, un asunto tan trillado segue a ser un problema que se repite de forma periódica, no que todo o mundo, sociedade civil e goberno, volven encerellarse no campo da diatriba sen que se produza ningún avance útil para o país. A min interésame a análise obxectiva e creo que só co manexo de datos contrastados se pode proxectar algunha luz sobre a deriva actual da loita contra a lacra dos incendios. Nesta ocasión vou pararme no estado actual do SPDCIF (dispositivo contra incendios). No cadro seguinte podemos ver unha comparativa básica sobre os medios terrestres dispoñibles na provincia de Ourense para combater os incendios nas campañas de alto riso de 2008 e 2017, respectivamente:

  BRIGADAS FIXAS +F-D +SEAGA BRIGADAS VIXILANCIA MOBIL BRIGADAS COMUNID. MONTES BRIGADAS CONCELLOS GRUMIR /GES
2008 127 17 10 0 24
2017 76 0 0 93 7

Nota: -F-D : brigadas fixas descontinuas

Neste cadro observamos como o balance global de medios é case igual nos anos que se comparan, pero a diferenza está na calidade. En 2008 o peso das brigadas levábaa a administración autonómica (persoal laboral da Xunta e da empresa pública SEAGA), mentres que este ano o groso dos efectivos está formado polas brigadas dos concellos que non seguen protocolos similares e que non se forman, en moitos casos, ata mediados de agosto, o que deriva nunha enorme carencia de profesionalidade e de eficacia. Outra característica é a eliminación das brigadas de 1ª intervención ou de vixilancia móbil, igual que as de comunidades de montes, que permitían unha conexión máis estreita co territorio e axilidade na resposta.

Pero os cambios nestes últimos anos van máis alá dos medios terrestres pois, como veremos, algo similar ocorre cos medios aéreos. Este ano a Xunta conta con 6 aparatos mentres que en 2008 habían dispoñibles 9 para a provincia de Ourense.  Esa terceira parte de redución atinxe especialmente aos avións de carga en terra, vitais para o ataque rápido en combinación cos helicópteros propios e os medios do Estado, estes últimos invariables nos anos comparados. A diminución da cantidade de medios aéreos e de calidade nas brigadas terrestres parece que non é a solución máis adecuada para unha provincia, como a de Ourense, moi atacada polos lumes onde cada ano se incrementa a superficie queimada e os grandes incendios.

A falla dunha dirección clara entre os distintos operativos deixouse ver no incendio de Vilamaior e Queirugás, así como a chegada tardía de medios aéreos cun considerable retraso —unha hora entre o comezo do conato e o ataque dos medios aéreos— nun momento no que a rapidez era esencial se temos en conta a importante velocidade do vento. Todas esas circunstancias fixeron que un conato reducido na parroquia de Vilamaior acabase orixinando o maior incendio forestal do que vai de ano Galiza, con graves consecuencias para o patrimonio forestal, así como a perda dos enormes investimentos realizados nos montes afectados nos últimos doce anos, algo que resulta moi desalentador.

Imponse un debate sereno sobre este particular e intentar mellorar un SPDCIF que ten os medios tecnolóxicos para facer ben o seu traballo, pero onde os recortes orzamentarios, a actividade incendiaria que non cesa e a incorrecta estratexia contra incendios da Xunta están ameazando gravemente a seguridade dos nosos montes e aldeas.

Acerca de Alberte Blanco Casal

Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.