0 Gardados para despois

Ángela Serantes / Omar Ceveira

Explotación laboral en Médicos Sen Fronteiras

Nas últimas semanas, moita xente pregúntase que é o que acontece coas traballadoras e cos traballadores de Médicos sen Fronteiras (MSF), que protagonizaron varias protestas, incluíndo unha acampada fronte á sede desta oenegué. Ímosllelo tentar explicar do xeito máis breve posible.
O conflito aberto entre MSF e o seu persoal consta de dúas partes. A primeira, detonante da situación, é a aplicación da cláusula sétima que xuntan aos contratos no momento do asinamento. A segunda, a falta de diálogo e a represión contra quen ouse alzar a voz.

Cláusula por obxectivos

Esta cláusula determina que a empresa —ou sexa, Médicos Sen Fronteiras— define uns obxectivos de altas de socias e socios que, no caso de non seren cumpridos pola persoa captadora, provocarán o seu despedimento sen dereito a indemnización. Non fai falta afondar no que isto significa para a vida das persoas que se dedican a este labor.

Para comprendermos mellor como funciona isto na práctica, daremos só un dato: no último ano do que temos información, 250 persoas distintas ocuparon un cadro de persoal de 30 prazas. Dito doutro xeito, nun só ano renovouse o cadro de persoal máis de oito veces.

Trátase dun dato demoledor que demostra que a cláusula está a ser aplicada con total lixeireza, sen importar o máis mínimo a situación dos traballadores e das traballadoras ou o porqué de que non se lograsen os obxectivos fixados.

Porén, daremos outro dato. Esta cláusula, que coidamos abusiva, foi denunciada xudicialmente e estamos pendentes do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Por mor disto, durante un tempo non se aplicou, e a rotación de persoal foi de seis... As seis persoas que xudicializaran ese punto dos seus contratos!

Obviamente, no tempo en que MSF deixou sen efecto os despedimentos polo non cumprimento de obxectivos, nin foi á creba nin deixou de facer o seu labor.

Cal é a conclusión que podemos tirar? Que MSF —unha oenegué, lembremos— pretende manter nos contratos do persoal unha cláusula que lles permita manter as traballadoras e traballadores baixo presión para que consigan os obxectivos ou, chegado o caso, poder despedir gratis.

As traballadoras e os traballadores de MSF rexeitan que os obxectivos empresariais estean por diante dos dereitos laborais. Por esta razón, están dispostos a negociar obxectivos, pero desvinculados do despedimento. Tamén piden que se teñan en conta variables como o clima —o labor faise sobre todo na rúa— ou localidade, entre outras, xa que a non consecución dos obxectivos non é só atribuíble ás traballadoras e traballadores de MSF.

Fomento da explotación

Coidamos que unha oenegué que di defender os dereitos humanos non pode atacar de tal xeito a dignidade do seu persoal. Tampouco pode, na nosa opinión, faltarlles o respecto aos seus socios e ás súas socias, que coa mellor das vontades pagan a súa cota para facer deste un mundo mellor, non para financiar relacións laborais propias doutro século ou fomentar a explotación.

Represión

Na oenegué Médicos sen Fronteiras castígase a quen ouse protestar. Cómpre dicilo ben claro. As traballadoras e traballadores que se atreven a contradicir a liña empresarial en relación coa aplicación da cláusula sétima son represaliados co despedimento ou con outras artimañas de difícil cualificación sobre as que non entraremos en máis detalle polo momento —os servizos xurídicos de CCOO están a estudar a resposta máis axeitada.

Que nós saibamos, os primeiros represaliados foron os compañeiros da CNT que, xunto a CCOO, denunciaron xudicialmente a cláusula. Poucos meses despois da denuncia, foron despedidos.

No tempo que levamos de conflito, lemos con moita atención os artigos que representantes da dirección de MSF remitiron a varias publicacións. Textos inzados de chamamentos ao diálogo. Textos inzados de mentiras.

Diálogo? CCOO solicitou en reiteradas ocasións a apertura dunha mesa de negociación para canalizar o coflito. Na última carta que enviamos pedíamos que fose directamente MSF a que puxese día e hora, xunto coa petición de retirar os despedimentos e así facilitar as conversas.

Como respondeu MSF? Primeiro de nada, co despedimento dun compañeiro da seccion sindical de MSF. Despois, afirmando que o diálogo está aberto e emprazándonos a unha asemblea de persoal convocada por eles, e dicimos «eles» porque parte da representación das traballadoras e dos traballadores son... os seus propios xefes!

Queremos unha asemblea libre

Queremos debater as propostas co persoal, pero nunha asemblea libre. Obviamente, non pode haber liberdade nunha asemblea en que o persoal teña medo a falar porque sabe que pode ser despedido. Sería unha fraude, unha farsa, e CCOO non se prestará a iso.
Malia as presións, CCOO non deixará de defender os intereses das súas afiliadas e afiliados, organizados na sección sindical, nin de todo o persoal de MSF. Sexa cal for a actitude de Médicos sen Fronteiras, continuamos a pedir un diálogo serio e honesto para darlle ao persoal o que merece: dignidade e traballo decente.

Acerca de Ángela Serantes / Omar Ceveira

Ángela Serantes Reboreda. Responsable de Xuventude da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia e membro da sección sindical de CCOO en Médicos Sen Fronteiras. Desde marzo do 2014 traballa en MSF realizando tarefas de captación de socias e socios na cidade de Vigo.

Omar Ceveira Vázquez. Traballador de Zara Logística, membro da sección sindical de CCOO na compañía e integrante do comité de empresa. Desde maio do 2017 é o secretario de Xuventude, Movementos Sociais e Comunicación de CCOO de Galicia.