0 Gardados para despois

Moncho Iglesias Míguez

Alaa, refuxiado iemení

Alaa Abdulkader Saleh ten 30 anos e é de Sanaa, Iemen. De alí pasou ao sur do país, a Adén, a cidade orixinaria da familia, onde sufriu as consecuencias da guerra e das imposicións do norte sobre o sur. Foi por mor desas diferenzas que o sur demandou separarse do norte e volver ser un país independente rexido por unhas leis máis achegadas ao seu pasado máis próximo: con total liberdade de pensamento. Nese sur do Imen, Alaa estudou Informática e comezou a soñar con traballos relacionados cos seus estudos, como cando abriu un café; con todo, a guerra provocou que tivese que fuxir.

A primeira vez que sentiu a presenza da guerra foi cando os houthis do norte entraron en Adén e comezaron a disparar. Entón pensou que debía facer algo, mais a única solución que topou foi máis violencia por parte dos grupos de resistencia e decidiu saír de alí coa familia. Foron onda unha tía que vivía nunha zona tranquila, Kalua, mais aos quince días os houthis ocuparon esa área tamén, polo que marcharon cara ao porto da cidade, a Taoahi, onde agardaron seis días por un barco que os sacase do país. Non houbo elección; o único sitio onde podían entrar era Yibuti.

Quedaron catro días no peirao de Yibuti capital: como prisioneiros encerrados nun cárcere ao aire libre, entre barrotes de mar e area. Despois diso mandáronos ao medio do deserto, a Obock. Alí, Alaa mais unha irmá e un irmán enfermaron, con febres altas que os achegaron á morte. Entón decidiron volver á capital, a Yibuti, para conseguir medicación e volver ao campo de refuxiados de Markazi, en Obock. Con todo, a familia regresa con frecuencia á capital do pais, pois un dos irmáns non foi quen de superar as feridas psicolóxicas da guerra, e de toda a situación que segue a vivir, e tratou de suicidarse varias veces.

Malia a situación actual, nun deserto onde as temperaturas superan os 50ºC en xullo, Alaa resiste cun sorriso esperanzador. Non deixa de facer exercicio para estar en boa forma física e manter a mente ocupada. Di que ten moito tempo libre e necesita ocupalo e pensar que hai futuro, como escribe coas súas propias palabras:

“Se perdiches o lugar onde sementaches, a choiva amosarache onde está a semente. Por iso, sementa paz onde queira que esteas baixo o ceo, pois non sabes onde nin cando has colleitar. Planta paz aínda que non sexa no lugar exacto porque nunca o perderás. Repartir alegría é unha marabilla e talvez recollas parte desa ledicia nesta ou na seguinte vida. Non lle roubes a felicidade a ninguén nin lle rompas o corazón, pois a vida é demasiado curta como para facer cousas así. Os bos actos permanecen mesmo se marcha quen os fai”.

Alaa non quere seguir no campo de refuxiados máis tempo. Continúa a pensar no futuro e a soñalo, mais cada vez ve máis afastados os seus soños e máis próxima unha dura realidade, que semella oculta para o mundo e só visible para eles. Por iso trata de visualizar o que é a vida no verán dun refuxiado, un desprazado iemení neste de 2017, no medio dun deserto onde o sol só desaparece cando hai tormentas de area.

Acerca de Moncho Iglesias Míguez