O cazo de Meirás

Misterios da xestión pública en mans do Partido Popular. A Xunta de Feijóo pode regar a familia Franco con decenas de miles de euros para que cumpra coa súa obrigac de abrir ao público o Pazo de Meirás, pero non pode facer algo para obrigarlles a que a xestión dun ben de interese cultural responda aos principios de mérito, capacidade e transparencia que informan a xestión pública. Noutras palabras, a familia Franco pode meter o cazo para quedar cun ben roubado ou recibir cuantiosas subvencións públicas, pero as autoridades non poden dicir unha palabra sobre o pazo. O presidente galego Núñez Feijóo debe vivir nun episodio permanente de Barrio Sésamo e parece evidente que está convencido de que todos os demais tamén.

O goberno bipartito, aquel que non fixo nada nin cambiou nada, declarou ben de interese cultural o Pazo de Meirás, a pesar da furibunda oposición xurídica da familia Franco, que perdeu todos e cada un dos preitos iniciados. Tamén contou coa oposición política do Partido Popular, que sempre que se pretende facer xustiza e escribir a historia como foi defende a inxustiza e o esquecemento usando o nome da reconciliación en balde. Era unha maneira de empezar a devolver ao patrimonio público un ben de valor histórico e cultural roubado polo ditador e a súa familia baixo o simulacro dunha doazón feita a punta de ditadura.

Tras o cambio de goberno en 2009, Feijóo pagou á familia Franco para que cumprise a lei e abrise o pazo ao público polo menos catro días ao mes. Así son as cousas en España: á familia Franco págaselle para que cumpra a lei, aos traballadores mándaselles á Garda Civil. A familia Franco recibiu, que saibamos, máis de 50.000 euros ata 2013 para cumprir mal, tarde e de mala gana as obrigas impostas pola declaración de ben de interese cultural, mentres se facía reportaxes a toda cor para a prensa do corazón e o pazo pechábase en agosto para que non os molestasen durante as súas vacacións. De acordo con este modelo de xestión ao Barrio Sésamo de Núñez Feijóo, temos a obriga de pagar á familia Franco pero que esta poida xestionar as visitas á "súa" propiedade como lle dea a gana. Se non fose unha falacia tan groseira, ata daría risa.

Se queren coñecer as verdadeiras razóns polas que a Xunta de Feijóo puxo a pasta e a familia Franco puxo o cazo a cambio de nada, lean atentamente o argumentario utilizado polo Partido Popular para defender a súa abstención na moción do Concello de Sada para reclamar a devolución do pazo: a Fundación Franco é legal, isto é unha democracia e non Venezuela e o pazo nunca pertenceu ao pobo de Sada. Noutras palabras: o pazo é do Franco e nada que obxectar a que lle dean a xestión á Fundación Franco. Todo o demais, mentira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.