0 Gardados para despois

Xabier Ron

Cassandra Vera e a Fundación Francisco Franco ou como a 'posverdade' produce aberracións e monstros

Non será a primeira vez, nin a última. Sempre manifestamos a nosa contrariedade pola rápida acomodación da linguaxe da intelectualidade deste país ás modas terminolóxicas.  Mais, a pesar de todo, aí están. Despois de posverdade, á que Atilio Borón, nun xesto discursivo de indignación, lle opón "plusmentira", xorden outros vocablos destinados a señorear as plataformas mediáticas da mediocridade política e cultural. Un deses vocablos é poscensura e do que nos falan con bastante claridade Juan Soto Ivars no seu artigo "#poscensura. Una amenaza para la libertad de expresión engendrada por la libertad de expresión" (Ajoblanco, verán 2017, nº 1, pp. 47-49) e Álex Grijelmo, "El arte de la manipulación masiva", El País, 20-08-2017, Ideas, p. 6).

Non concordo co emprego destes neoloxismos, creo que non din nada, e penso que no fondo a súa forma repousa nun engano: dan a entender a través do prefixo pos- que estamos nunha época distinta no que se refire aos conceptos de  "verdade", "mentira", "censura". Creo que non hai que confundir os conceptos co uso que se fai deles nos medios de información e de comunicación. A masificación da información e densificación propios da era dixital serven para incrementar as posibilidades que agocha a mentira, para engadir máis carga ao proceso da autocensura, ao ser a comunidade dixital partícipe do que Byung-Chul Han denomina 'era da positividade e do politicamente correcto', onde a verdade, para poder emerxer con claridade, debe recuperar a dialéctica da negatividade, a pulsión do disenso e a paixón do debate argumentado.

A pesar de non concordar co uso deses neoloxismos, dialogaremos cos autores mencionados e coas súas ideas, xa que nelas si hai elementos que nos relacionan. Soto Ivars establece unha serie de datas como puntos iniciáticos para a súa exposición: 1968, 1989, 2001. As tres datas, non será preciso caracterizalas, tiveron consecuencias que, todo hai que dicilo, aínda soportamos hoxe. Non obstante, Soto Ivars engade unha cuarta referencia, 2004, momento en que o gran público coñece Facebook. E ten razón xa que en 13 anos ese enxendro dixital modificou as pautas de exposición, divulgación, información e comunicación. Acollo a caracterización deliberadamente sintética que fai Soto Ivars das redes sociais e Internet: "Facebook ha mercantilizado las relaciones humanas, Twitter ha mercantilizado las relaciones ideológicas, Google ha mercantilizado las dudas" (p. 48)

Soto Ivars relaciona a poscensura co medo á liberdade de expresión nas redes sociais. E explica a súa percepción a través da inxustiza que se levou a cabo con Cassandra Vera. E eu vouno contrapoñer á aberración e ao monstro discursivo e accional que representa a existencia da Fundación Francisco Franco para reflectir que todo é debido á imposición da ideoloxía dominante, ás eivas estruturais da nosa democracia e non tanto á natureza caníbal da propia liberdade de expresión. 

A historia de Cassandra Vera é coñecida polo que nos cinguiremos aos aspectos esenciais: aplicada estudante de historia, cunha bolsa de estudos para poder realizar os mesmos, foi xulgada como criminal por realizar unha serie de tuits con vellos chistes sobre Carrero Blanco. O cambio do Código Penal levado a cabo polo PP no ano 2015 converte en criminal a palabra disonante, o pensamento diverso, por equiparalo... a terrorismo !!!

En fronte, situaremos o discurso e as accións levadas a cabo pola Fundación Francisco Franco á hora de defender a súa xestión do Pazo de Meirás. A Fundación Francisco Franco, como todas saben, deu a coñecer unha serie de posicionamentos públicos sobre a súa propia natureza e sobre a forma que teñen de xestionar o Pazo de Meirás. Posicionamentos que ofenden ás vítimas do franquismo e que violentan a verdade histórica, pois a Fundación non ten reparos á hora de afirmar que nas distintas visitas realizará unha apoloxía do ditador xa que foi unha das persoas máis importantes para a historia (positiva) do noso país e que mesmo non chegou a fusilar a ninguén. Converteron nun anxiño ao monstro e pouco lles falta para propoñer que sexa beatificado. Un mes de disparates e ofensas constantes. E cal foi o proceder das autoridades? Exerceu a xustiza a mesma forza que semella conceder a lei? Non é acaso unha ofensa a todas as vítimas do franquismo? Como é que a Fundación non coñece a mesma persecución que sofreu Cassandra? Serán condenados de forma severa por facer apoloxía do terror franquista?

Por iso dicimos que todo é froito da ideoloxía do poder dominante e das eivas da nosa democracia, que foi colonizada polos herdeiros do franquismo nos principais eidos da sociedade e que coñeceu, por conveniencia ou por medo, a complicidade doutras organizacións políticas e sociais. Por iso, ese poder dominante é quen de actuar para atacar a Cassandra Vera, e deixar facer no caso da Fundación Francisco Franco. No fondo, o poder dominante quere amputar o dereito de liberdade de expresión.

Por iso, non pensamos que a (auto)censura actual sexa enxendrada pola propia liberdade de expresión, senón que obedece á  imposición do pensamento único da corrección que impide mesmo a aparición do humor como válvula de escape e de rebeldía. E ese pensamento único da corrección é a ferramenta principal que usan as persoas que censuran, denigran ou atacan toda expresión alternativa.

E todo isto sucede nun contexto do engano, da manipulación e da mentira. Álex Grijelmo relaciona este proceso coa masificación das crenzas falsas e no doado que é que prosperen os bulos. A carencia dunha educación crítica que vaia en contra do que establece o propio sistema vén acompañada da técnica da insistencia na aseveración falsa e no ataque a todo aquel que contraveña o sentido recto desa aseveración. Non existe rigorosidade á hora de se informar. A manipulación de textos e imaxes é unha constante. A independencia dos medios de información masiva tanto en papel, televisión como en internet é unha entelequia: triunfan os ditados da rendibilidade do capital e, xa que logo, mandan os clientes que financian o produto mediático.

E cando unha mentira se introduce como gran verdade no imaxinario social semella que nada pode movela, quizais porque, exemplifiquemos con Donald Trump e a campaña electoral, os que desmentían a Trump -con fundamento- eran partícipes de pleno dereito na festa da confusión, cando lles beneficiaba. Por iso, o pobo asumiu as mentiras como verdades e non cría nos desmentidos dos axentes que normalmente manipularan a información.

Cómpre valentía neste universo devastado pola mentira e a censura. Valentía para expoñer as teses propias, sen caer no insulto, mais si no rigor do argumento e da proba científica. Valentía para resistir os comentarios insultantes. Valentía para non renunciar. Valentía para ser e estar con ética neste universo depredador e facer o que hai que facer.

Acerca de Xabier Ron