0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

A unidade imposíbel

É moi difícil partillar un discurso común a respecto das causas e efectos do terrorismo islamita coa opinión publicada representativa da dereita española, inzada de islamofobia e catalanofobia.

O atentado do 11-M amosou a vinculación entre as políticas exteriores e militares occidentais  e o terror yihadista. Esta caste de opinións da dereita española rexeitan considerar que a política exterior USA e dos seus aliados en Iraq ou Siria alimente ao yihadismo. Algúns mesmo seguen a defender exóticas teorías da conspiración a respecto daquel atentado

Estas opinións negan tamèn a simbiose ideolóxica de Arabía Saudí e algunha outra monarquía do Golfo Pérsico coas comunidades islamitas radicalizadas de onde xurden os terroristas e o seu apoio financeiro ás mesmas. Porque admitir esta realidade suporía un reprantexamento xeral ás relacións políticas e económicas (entre elas a venda de armas españolas) entre estes Estados e o Estado español, que defende  unha tradicional amizade con estes reximes. Unha amizade que pasa pola proximidade á familia real saudí do anterior e do actual Xefe de Estado, mesmo na defensa dos intereses de determinadas grandes empresas. Diante desta realidade eran previsíbeis as críticas que algúns dos manifestantes lle dirixiron ao Rei na manifestación do sábado. 

Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso do catalán

Esta caste de opinións despreza estes factores fundamentais e centra  o seu relato na islamofobia. A apertura aos refuxiados propiciaría o terrorismo islamita e as comunidades musulmanas europeas serían pasivas colaboradoras , cando non coadxuvantes, das accións terroristas. Esquecen que o 92% dos mortos do Estado islámico son musulmáns e que só dende o fundamentalismo yahabista (que interpreta o Corán a medio da tradición e da sharia) atopa xustificación a agresión aos non musulmáns.

E logo está a catalanofobia. Dende o minuto un tentouse vencellar as mortes coa xestión do Govern independentista, criticando a suposta acollida de musulmáns en Catalunya, a resposta policial da Generalitat e o uso parcial do catalán!!! nas roldas de prensa.

Dende as esquerdas asumiuse xa que a resposta inclúe a prevención e represión policiais e, nese senso, é paradigmática a xeral aceptación da proporcionalidade das intervencións letais dos Mossos. Mais a dereita española non avanza na súa visión do problema. Nestas circunstancias a unidade é moi difícil.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema